A ponte que fixeron os conxuntos da Primeira Galicia deixounos baleiro o martes, que xa está asentado como o día dos Máxicos. Esta semana, porén, enchemos ese oco cun Diario dun Mercado, o número 261 da nosa web.
A realidade é que temos varias novas atrasadas. Por exemplo, todos os movementos que se produciron en Cantarrana. Ao Viveiro chegaron os dianteiros Do Carmo, un rapaz moi novo chamado a despuntar na categoría, e Julián Nieto, ata agora no As Pontes. Ao mesmo tempo, non continuarán como celestes Sidibé, novo xogador do Lemos -onde xa debutou e anotou o seu primeiro gol- e Brais Prieto, nova fichaxe da Sarriana.
Alén destas fichaxes, a Preferente chega tamén con movementos, en particular nos banquiños. Bebo deixou o Foz e o seu posto será ocupado por un Gayol que volve á que xa foi a súa casa. Máis ao sur, o Atlético Escairón destituiu a Julio Corral e asinou a Juan Torrado como novo preparador.
No tocante aos futbolistas, ao Lemos voltou Adrián Castañer logo do seu breve paso polo Chantada Atlético, mentres que o Ribadeo fichou a Xoel López, ex da SD Pol. Precisamente a SD Pol aspira a chegar á Preferente, e para iso incorporou ao seu cadro de xogadores a Yago Fernández, atacante de curta idade que buscará minutos tras deixar a Sarriana.