#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Páez debuta con vitoria no Viveiro

A décima xornada de Terceira deixounos a primeira derrota do curso para o Polvorín diante do Arzúa, o empate na Madalena do Racing Vilalbés co Estradense e o triunfo do Viveiro diante do Atlético Arnoia no que foi o debut de David Páez no banquiño celeste.

Na Preferente disputouse a oitava xornada, na que os dous derbis provinciais tiveron cor local. A Sarriana goleou ao Escairón e o Lemos gañou in extremis ao Santaballés. Os restantes equipos caeron derrotados. O Ribadeo na casa co líder Montañeros, a Residencia tamén no seu feudo co San Tirso mentres que o Foz perdeu pola mínima en Mugardos.

O Polvorín perdeu a imbatibilidade diante dun bo Arzúa (1-2).

Primeira derrota da temporada para o filial albivermello. Os de Álex Ortiz non souberon superar a tea de araña que prepararon os arzuáns, que foron quen de impedir o xogo combinativo dos lucenses e saír á contra con perigo.



Preto da media hora de partido, nun contragolpe Viqueira adiantou ao conxunto visitante e Brais e Chiño puideron ampliar as diferencias.

A segunda metade seguiu un guión semellante. O Polvorín gozou da posesión, pero non foi quen de inquedar ao porteiro rival ata que no minuto 61 Vidal igualou a contenda. Os de Chollas non se conformaron co empate e Chiño, a falta de dez para o final fixo o seegundo.

O Racing Vilalbés cedeu un empate na Madalena ante o Estradense (2-2).



Os chairegos cederon dous puntos no último suspiro de encontro diante dun Estradense que xogou media hora en inferioridade por expulsión de Martín. Os visitantes comezaron dominando o encontro, pero sen chegar con claridade á porta de Ángel Fraga. Nun dos primeiros achegamentos do Racing adiantouse no marcador. Javi Rey aproveitou un erro do gardameta para facer o primeiro. Nada máis comezar a segunda metade Borja Míguez estableceu a igualada.

Coa expulsión do xogador do Estradense o partido púxose de cara para os de Simón Lamas e Javi Rey volveu poñer en vantaxe aos chairegos de novo ante un desafortunado Diego. O conxunto de Alberto Mariano non deu o seu brazo a torcer e Marcos Mella co tempo case cumprido empatou o encontro.

Un bo Viveiro gañou un choque importantísimo diante dun rival directo (2-0).

Debutou David Páez no banquiño de Cantarrana e o Viveiro volveu a gañar. O novo adestrador viuse condicionado polas ausencias de Xaime e Tichu por sanción para confeccionar o primeiro once, pero non modificou demasiadas pezas respeto do que viña sendo habitual. Muiña foi titular no centro da zaga e Arturo volveu a ser titular máis de medio ano despois, xa recuperado da súa lesión.

A primeira metade foi de dominio local. Asier e Rolle gozaron de ocasións para marcar nos primeiros compases, pero o tanto non chegou ata preto da media hora de xogo. Os protagonistas foron os mesmos. O gardameta ourensán derribou a Rolle e Asier non errou desde os once metros. Logo do paso polos vestiarios o conxunto visitantes estirouse na procura do empate e Manu Cedrón tivo que intervir con éxito para deter o remate do ex da UD Ourense Alfredo. No minuto 72 o Viveiro ampliou diferencias. Muiña enviou o balón longo que controlou Rolle, que definiu con calidade na área. Preto do final Marcos puido facer o terceiro.



A Sarriana voltou á senda da vitoria cunha goleada diante do Escairón (5-1).

O derbi tivo clara cor local. A Sarriana foi claramente superior a un Escairón que buscaba saír á contra con perigo. Omar, o gran protagonista do encontro, non tardou en inagurar o marcador, pero os de Julio Corral reaccionaron cun bo gol de Toto. A igualada non tardou en rachala de novo un Omar que convertía cada balón que tocaba. Na segunda metade, Omar culminou o seu hat-trick e Mitogo e Yago completaron a goleada. O cadro visitante apenas contou con opcións de batir ao debutante Javi Liz.

Un penalti no desconto deulle o triunfo ao Lemos diante dun bo Santaballés (1-0).

O cadro monfortino levou a iniciativa durante a maior parte do encontro diante dun Santaballés que se atopou cómodo e non sufriu en exceso diante dos achegamentos locais. Dani Arias e Castro tiveron as máis claras para os de Alberto López, mentres que os chairegos non souberon definir nunha contra, sendo estas as opcións máis claras de gol da primeira metade.

Na segunda metade, o Lemos tivo os seus mellores minutos no primeiro cuarto de hora e puido adiantarse con ocasións de Mauro e Ivo. Co paso dos minutos o encontro volveuse a igualar e parecía que o empate sería inamovible. Pero no minuto 92 o colexiado sinalou un penalti moi discutido de Muñiz sobre Rubén Díaz que transformou Diego Arias.

O Ribadeo sufriu un castigo excesivo e caeu no desconto co Montañeros (0-1).

O líder sacou un botín excesivo do Pepe Barrera logo do visto ao longo dos noventa minutos. O certo é que os coruñeses dominaron o balón e xogaron preto da área de Carrera a maior parte do encontro. Os mariñáns, moi ordeados en defensa apenas concederon ocasións de gol nun encontro no que o local Criss e o visitante Herbert tiveron que abandoar o céspede nos primeiros minutos por lesión.

No segundo tempo o partido pechouse aínda máis e cada equipo contou con dúas ocasións, ata que no minuto 93 un vello rockeiro, Rubén Rivera, anotou o tanto do triunfo para o Montañeros.

Cabe salientar a volta aos campos de Jacob, que contou con minutos logo de máis de ano e medio de ausencia por lesión.

A falta de acerto condenou ao Foz na súa visita a Mugardos(1-0).

Cuarta derrota consecutiva do conxunto focense. Os de Bebo non realizaron un mal encontro diante dun dos conxuntos chamados a ocupar un dos postos de privilexio na Preferente.

Diego Chao e Xenxo contaron con opcións de marcar pero non estiveron acertados. Polo contrario, o Mugardos rentabilizou as súas ocasións e o ex viveirense Nes logrou batir a Rubén no ecuador da primeira metade.

Na segunda metade os de ferrolterra aproveitaron o ímpetu dos focenses na procura do empate e gozaron de ocasións para sentenciar pero atopáronse cun inspirado Rubén.

O peor encontro da temporada da Residencia rematou con goleada para o San Tirso (0-3).

Ao igual que o Foz, os de Dani Galán sumaron a súa cuarta derrota consecutiva. Mala imaxe a amosada polos lucenses que non foron quen de competir en ningún momento. A diferencia do resto de encontros da temporada, a Residencia estivo moi errático e non atopou o ritmo de partido con continuas perdas de balón diante dun San Tirso que non esixía demasiado na presión. Os visitantes puxéronse por diante na primeira metade e sentenciaron na segunda nun encontro no que os lucenses foron incapaces de xerar situacións de perigo.

Páez debuta con vitoria no Viveiro

Máxicos Primeira. Xornada 4

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *