Luns, primeira hora da mañá e isto xa está que arde. É o que ten deixar un día sen publicar este Diario dun mercado. Así que, comezamos!
O Lemos de Alberto López colle forma e faino con dúas novas incorporacións. O defensa Borja Castro e o dianteiro Mauro, vellos coñecidos do preparador lugués, serán xogadores do Lemos. Ambos contan con pasado na Sarriana. Nesa mesma categoría, o Foz confirmou a fichaxe do mediocentro do Xove Lago Alberto. Ademais renovaron a Iván Croa e ao dianteiro Xenxo.
E na Sarriana continuará Ruchi unha temporada máis. Pablo Louzao fará o mesmo no Viveiro. Por último, na Preferente, Aitor Moreda estará ás ordes de Rafa Casanova nas Pontes. O ex do Villalbés, que apuntaba ao Foz, marcha á provincia da Coruña.


No Castro renovaron os xogadores Pablo, Borja, Quiñones, Champi, Diego e Asier. Regresa Iago desde a base do Rácing Villalbés. E no Lourenzá mantense o previsto o verán pasado. Ramallal levará os mandos da nave laurentina, na que segue o bloque ao completo máis o meta Clemente. Porteiro formado na base vilalbesa.
Para rematar, un novo apunte de fútbol feminino. Lucía Míguez e Uxía Díaz vestirán o rosa do Carballedo. No cadro masculino, Brais fará as delicias do Catro Ventos.
