Se a pasada xornada xa era unha final, o encontro da Sarriana diante do Boiro acada o calificativo de finalísima. Todo ou nada para o conxunto lucense o domingo ás 18:30 horas na Ribela coa arbitraxe do colexiado coruñés Belmonte Martell.
A semana comezou convulsa na Sarriana coa destitución de Charly á fronte do equipo á falta de dúas xornadas para o remate de liga. Logo dunha gran primeira fase na que os sarriaos remataron líderes do grupo lucense, dous malos resultados na liguiña de ascenso remataron coa destitución do adestrador e o nomeamento Jaime Paz á fronte do equipo. O técnico, con experiencia nas categorías inferiores de C.D. Lugo e Deportivo afronta o difícil reto de rematar nas dúas primeiras posicións.
A primeira embestida chegará este domingo diante do Boiro. Un triunfo da Sarriana serviríalles para superar aos da Barbanza na clasificación e chegar á derradeira xornada diante do Noia coas opcións de ascenso intactas. Para iso é preciso recuperar o olfato goleador que a Sarriana amosou na primeira fase de competición, con preto de tres goles de media por encontro, e que desapareceu agora xa que non foron que de anotar nas dúas xornadas disputadas.
O Boiro conta por vitorias os seus encontros, ámbolos dous no campo de Barraña diante de Lemos e Atlético Coruña Montañeros. O equipo adestrado por Cristian Pérez deu mostra dun equipo sólido, que apenas concedeu ocasións de gol aos seus rivais. Con xogadores experimentados como Paco, Borja, Cea ou Jon e coa ameaza constante para o rival de Jorge Casal ou Saviola, o Boiro pasa por ser un dos grandes favoritos a xogar a vindeira temporada en Terceira.
O último encontro entre ámbolos conxuntos na Ribela data do 14 de novembro de 2019 e rematou con triunfo visitante por un gol a dous. Alvarito adiantou á Sarriana e Óscar «La Magia» Martínez e Saviola déronlle a volta ao marcador para o Boiro.
Falamos do encontro con Álex Pérez, que logo de acadar o ascenso a pasada temporada co Viveiro, buscará repetir éxito coa Sarriana.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
ÁLEX PÉREZ (S.D. SARRIANA).
– O mal comezo de segunda fase. «O gran problema é que non conseguimos marcar. Creo que os dous primeiros partidos foron bastante cerrados, moi típicos dunha fase de ascenso. Contra o Montañeros tivemos unha ocasión moi clara para adiantarnos cun tiro ao longueiro e na acción seguinte márcannos o único tanto do partido. No último partido diante do Sofán tivemos tamén tres ou catro opcións claras que non conseguimos que remataran en gol. As fases de ascenso son así e está todo moi igualado. O que pensara que ía ser doutro xeito está equivocado».
– O encontro co Boiro. «É unha final. Sabemos que só vale gañar e iso é o que imos intentar. No caso de perder ou empatar acabaríase o ano, pero se vencemos estaríamos a un paso do ascenso. O rival ten moitos xogadores con experiencia en categorías superiores e ata o momento son mellor equipo ca nós, polo que non será nada doado».
– A posibilidade de repetir ascenso. «No caso de logralo sería unha gran alegría. Por unha banda a nivel persoal e por outra a nivel de clube, xa que a Sarriana nunca estivo en Terceira».