O 2020 foi un ano raro, pero 2021 non se está a quedar atrás. Todos os días aparece unha novidade que, en maior ou menor grado, sorprende á poboación. O mundo do fútbol, caprichoso, tamén esta a deixar inesperadas novas.
Unha delas tivo lugar esta fin de semana en Viveiro. O clube celeste, que está a pelexar pola permanencia na Terceira División, rescindiu o contrato de Gerardo Carrera, atacante de 33 anos con pasado en Segunda División. O ano pasado Gerardo xa militou nas filas do conxunto mariñán, anotando 15 goles -en 25 partidos- que contribuíron en gran medida ao ascenso do Viveiro desde a Preferente Norte. Esta campaña, o asturiano aínda non estreara o seu casilleiro goleador, aínda que sí estaba contando con minutos.
Desde Futbolinlugo quixemos saber as razóns que se agochan detrás desta decisión, polo que falamos cun Gerardo que contestou moi amablemente ás nosas preguntas.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2021/02/gerardo.jpg)
Futbolinlugo: Cando che comunica o Viveiro CF que non contará contigo para o que resta de temporada?
Gerardo Carrera: Onte (domingo) á tarde-noite, a 18 horas de que pechase o mercado. A verdade é que me colleu un pouco de sorpresa, non me deron moita marxe de manobra xa que o mercado remata hoxe ás 23:00 («hoxe» polo luns 1 de febreiro), pero son cousas que pasan no fútbol e hai que asumilo.
«O ano pasado fun o máximo goleador, pero este ano non se lembran diso»
FIL: Que argumentos recibes por parte do club cando che informan da decisión?
GC: Prefiro gardar os argumentos para min, para non montar máis polémica da que xa hai. Por parte do clube non me pareceu ben o que fixeron. O presidente non ten nada de culpa, o meu problema é exclusivamente co adestrador, que me faltou ao respecto no meu traballo, un traballo que -ao meu modo de ver- eu facía perfectamente, sobre todo no relativo ao compromiso co equipo. Penso que ante todo hai que ser persoa e pensar na situación que estamos vivindo e en como estamos todos. Contra a directiva non teño nada, estou e estarei encantado con eles, tratáronme de 10. Tamén quero agradecer a Bebo e Oke, do corpo técnico, o seu bo trato.
«Co equipo que había o ano pasado, conseguir o ascenso era moi doado.»
FIL: O ano pasado fuches o pichichi do equipo, pero este ano o gol resistiuse. Pode ser un dos motivos do cese?
GC: Está claro que un dianteiro vive do gol. Pero bueno, o ano pasado fun o pichichi e este ano parece que non se lembran diso. Dame rabia que non se pense no ascenso do curso pasado, na relevancia que tivemos os xogadores nel. Agora din que non rindo e iso non é certo: eu estou comprometido como o que máis, sobre todo co bo grupo que hai.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
FIL: Estás sorprendido, por tanto, pola decisión?
GC: Si, tanto eu como a inmensa maioría dos meus compañeiros. Por certo, quero agradecerlles a eles todas as mensaxes de ánimo e a súa sorpresa. Escribíronme tamén ex-compañeiros e presidentes doutros clubes amosando a súa sorpresa. É sorprendente porque despois de todo o que din polo clube, chega alguén que trata de ser o xefe aproveitando as circunstancias e non pode ser. Como dicía antes, isto é fútbol: son decisións que se toman e non queda outra que asumilas. Pero, como é fútbol, tamén nos volveremos atopar todos nun campo e o tempo poñerá a cada un no seu sitio. Botar a alguén a 18 horas do peche do mercado non é ético.
«Hai que empezar a mirar máis alá do fútbol.»
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2021/02/gerardo2-258x300.jpg)
IMAXE: Eco de Teruel
FIL: Veremos a Gerardo noutro club nesta 20/21?
GC: Algo hai, aínda que non será na Terceira. Pero creo que xa teño unha idade na que o fútbol ten que ser secundario. Hai que poñerse as pilas, teño familia: unha filla e outra en camiño. Penso que hai que empezar a mirar a outros temas máis aló do fútbol, que está visto que estase rematando. A situación está moi mal en toda España e o fútbol non vai ser menos, aínda que se busque algo para matar o «gusanillo».