Fíxose de rogar pero chegou. O PM Friol conseguiu a primeira victoria na súa segunda campaña no Reto Iberdrola. Tiveron que pasar cinco xornadas para desfrutar do doce sabor dos tres puntos, pero -se cadra- agora saben aínda mellor. Repasamos o choque na nosa sección semanal de fútbol feminino.
Foi no campo do CD Parquesol, que chegaba ao duelo con 4 puntos (mentres que o PM Friol chegaba como pechacancelas, 1 punto). Porén, as rapazas da Abraham Rodríguez asinaron unha gran actuación, que tivo premio. O partido comezou con bastante igualdade, levando algo máis de perigo as castelás, pero as lucenses tamén metían o medo no corpo das súas rivais. A gardamallas do PM Friol, a xapanesa Mío, protagonizou dúas increíbles paradas que permitiron chegar ao minuto 60 co 0-0 inicial.
Foi nese momento cando chegou a de sempre. Lucía Pardo «LP» colleu o balón unha falta e clavou o coiro na escadra. 0-1. A partires de aí, as friolenses trataron de asegurar a victoria e defender, algo que puido saír moi caro, xa que o Parquesol logrou empatar no minuto 88. Porén, as galegas non estaban dispostas a ceder dous puntos tras telos tan preto, e Agnes (que entrara na segunda metade) conseguiu romper as liñas defensivas para facer o 1-2 definitivo no 92′.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Así foi a primeira victoria do PM Friol nesta 20/21, que serve ao clube presidido por Ángel Villar para respirar e afrontar con máis calma a vindeira xornada, na que se medirán ao filial do Madrid na Reigosa. Destacaron a porteira Mío e a dianteira LP!