#Alevíns #Benxamíns #Cadetes #Feminino #Fútbol afeccionado #Fútbol Base #Infantís #Prebenxamíns #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal #Terceira RFEF #Veteráns #Xuvenís

Palabra de… Peña de Árbitros 9’15: A nosa visión

Miras o reloxo. Xa son as 14:30h. Tes que marchar. Corenta e cinco minutos ata o campo, comeza o encontro ás 16:15. Estás a comer coa familia, o ambiente é moi bo e distendido, e ti levántaste da mesa. Sábelo dende o mércores, hai que asubiar. De camiño ao campo pensas no encontro, os equipos están empatados a puntos, última xornada de liga, todo por decidir en noventa minutos. Ao mesmo tempo, visualizas situacións do encontro, accións que se poidan dar. Prepáraste para o ambiente, para ser quen de dirixir un encontro baixo o influxo das emocións de vinte e dous futbolistas sobre o terreo de xogo, outros dez no banco e mailo corpo técnico. De súpeto, chegas ao aparcamento sen case caer na conta do camiño percorrido, efectos secundarios da concentración. Alí non te recibe ninguén. Colles as túas cousas e camiñas cara a entrada.

Nela, xa están os afeccionados máis fieis do equipo local que te reciben cun: “A ver como o fas, que tes que saír de aquí”. Ti, segues camiñando cara o vestiario onde te atopas ao delegado local que che da a benvida cun sorriso irónico e un: “Boas arbi, menudo partidiño, non serás moi novo para facerte con este percal?”. Coa mesma, pechas a porta, vaste cambiando e, nese instante, sentes a chegada ao vestiario do equipo visitante que avalía as túas capacidades con comentarios que se filtran entre as paredes dos vestiarios do noso fútbol. “Este foi o que nos pitou hai seis xornadas, vaia penalti se tragou”. “É moi novo hai que aproveitalo, imos apertalo dende o comezo”.

Coa entrega das licenzas, os adestradores acompañan aos delegados e advírtente de que teñas coidado, non vaias estragar o traballo de toda unha tempada, que iso sería xogar coas ilusións de todo o seu pobo, concello ou mesmo comarca. Fante coñecedor do esforzo económico dos patrocinadores e da necesidade do ascenso para mantelo.

Aínda non pisaches o céspede, nin che deu tempo a poñer as botas. Non tomaches ningunha decisión, non amosaches tan sequera algún cartón e todos dubidan da túa valía, da túa imparcialidade, do teu criterio… de ti. Nembargantes, como escribiu en El fútbol a sol y sombra o gran escritor uruguaio Eduardo Galeano:



“E con todo, con tal de estar aí, no sacro espazo verde onde a pelota roda e voa, él aguanta insultos, apupos, pedradas e maldicións. Ás veces, raras veces, algunha decisión do arbitro coincide coa vontade do seareiro, pero nin así consegue probar a súa inocencia. Os derrotados perden por él e os vitoriosos gañan a pesar del. Coartada de todos os erros, explicación de todas as desgrazas”.

Así a todo, non aspiramos a acadar a verdade absoluta nin pretendemos erradicar a crítica construtiva e respectuosa, non negamos a existencia do erro nin podemos prometer que non existirán máis. Ogallá fose posible conseguilo, mais somos persoas. E coma persoas nun terreo de xogo, temos a teima de que algún día se nos acepte coma outro deportista máis sobre o céspede, cos seus acertos e cos seus erros pero coa convicción social de que, coma o dianteiro que falla a porta baleira, cometemos un erro, non un acto delituoso consciente e dirixido para desgraza allea.

Ao fin, ao igual que calquera xogador, directivo ou adestrador dos numerosos clubs da nosa provincia… o que nos move, o que paga a pena, a alegría e o ambiente xebre que nos rodea é o amor e maila ilusión polo noso fútbol e os seus valores. A quimera, a arela e a ansia por atinar. O devezo por achar solución aos conflitos que xurdan. A ilusión de realizar a túa labor dun xeito tan honesto, que sintas que con ela engrandeces un pouquiño máis, se cabe, o noso fútbol o futbolinlugo.



Peña de Árbitros 9’15 de Lugo. Un colectivo con maiúsculas.

A nosa homenaxe a Germán

Palabra de… Peña de Árbitros 9’15: A nosa visión

Hemeroteca: O reinado do Sangoñedo

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *