Onte pechou o mercado nas grandes ligas europeas. O noso aínda segue aberto. Cun volume de movementos moito menor que hai unhas semanas. Aínda que con novidades salientables que fomos acumulando.
Comezamos pola Terceira División, que terá o seu pistoletazo de saída a vindeira semana. Os mariñáns contarán coa case segura baixa de Jacob neste 2020. En Cantarrana movéronse rápido para atopar un substituto de garantías. Javi Rey, procedente do Arenteiro e cun notable pasado no Polvorín, chega á sala de maquinas celeste. Ademais, os de Chusky reforzaron a súa portería cun vello coñecido: Rubén Castro. Un regreso debido á baixa temporal de Tomy.
Sen movernos de categoría, o noso compañeiro Manu Amor adiantaba que o lateral dereito Jorge Álvarez será novo xogador do Polvorín. Coincidiu co técnico Álex Ortiz no San Pedro e co director deportivo do Lugo Jorge Rodríguez de Cózar no xuvenil do Marbella. Procede do Estepona. O que xa é oficial é a incorporación de Iago Novo dende o Fabril.
Onde non decaeu a actividade foi no noso fútbol feminino. O Peluquería Mixta Friol comunicou oficialmente as renovacións de Goretti e Mushu. Ademais confirmou as fichaxes das defensas Noemí Andrés e Noelia Díaz, a porteira Sara García e a centrocampista Amandi Bernadette. Por outra banda, o Antas renovou a Nuria, Naila, Rebeca, Yaiza e Marta. Incorporan a Elisa Rivas. A monterrosina vivirá a súa primeira experiencia no fútbol campo logo do seu paso polo desaparecido Monterroso FS. Tamén fichan polo club de Castro Seoane a Ainoa, Paula Serrano e Belén.