#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Racing Vilalbés gaña ante outro ‘histórico’ e a Residencia golea no derbi

O primeiro Trío de Ases do 2020 déixanos na Terceira a vitoria do Racing Vilalbés diante da UD Ourense e a derrota do Polvorín na súa visita a Arzúa. Na Preferente, o Viveiro gañoulle ao San Tirse e a Residencia ao Lemos no derbi. A Sarriana arrancou un punto do campo do Arteixo, mentres que o Ribadeo caeu en Fisterra e o Foz no Martínez Otero ante o Montañeros e ocupa posto de descenso.

Terceiro triunfo consecutivo para o Racing Vilalbés, desta volta diante da UD Ourense (3-1). Queda demostrado que aos de Simón Lamas gústalles xogar contra os conxuntos máis fortes da Terceira. Logo de derrotar ao Fabril e ao Rápido, aínda que non estivera no seu mellor momento, desta volta tocoulle o turno á UD Ourense, outro conxunto chamado a estar na pelexa polo ascenso. Foi mellor un Racing que se adiantou antes do primeir cuarto de hora cun tanto de Ángel e tan só tres minutos despois o killer Cuadrado acudiu á súa cita co gol e fixo o segundo. O cadro ourensanista deu un paso adiante e fíxose co balón no última tramo da primeira metade, pero sen xerar demasiado perigo sobre a portería de Javi Pita. Logo do paso por vestiarios, chegou o tanto visitante. Foi obra dun histórico, Rubén Durán, desde o punto de penalti. Tamén foi así a sentencia chairega. Unha man dun defensor ourensanista foi sinalada polo colexiado e Jose Varela non errou. Nos últimos compases, o seu irmán Javi Varela foi expulsado por dobre cartón amarelo.

O Polvorín caeu en Arzúa logo de igualar un encontro que tiña moi costa arriba (3-2). O filial lucense queda dous puntos por enriba dos postos de descenso logo de sumar a segunda derrota consecutiva. No primeiro minuto de encontro, Varo cun remate desde a área pequena puido adiantar ao Polvorín, pero o gardameta arzuán respostou cun paradón. Ao cuarto de hora de encontro, Unai Marino cometeu penalti e o pichichi Íker Hurtado non errou desde os once metros. Co marcador en contra, os de José Durán cun xogo vertical buscaron o empate e rozárono nunha triple ocasión de Morais, Marcos e Varo, pero voltou aparecer Israel, que estivo providencial na portería. Logo do descanso a entrada de Rayco e Chiqui trocaron o encontro e os lucenses chegaron con máis perigo. Malia todo, o Arzúa fixo o segundo, nun centro que Quindimil introduciu na súa propia porta. Álex Rey recurtou diferencias logo dunha boa xogada combinativa e só tres minutos despois un gran testarazo de Morais estableceu a igualada. Logo de facer o máis complexo, o Polvorín viu como un erro de concentración provocou o tanto da vitoria dos de Alberto López, obra de Brais.



O Viveiro segue intratable en Cantarrana e golea ao San Tirso (3-0). Tan só un punto cedeu o conxunto mariñán no seu feudo nesta temporada. Os de Abegondo complicáronlle as cousas aos de Chusky na primeira metade. Aínda que prácticamente non inquietaron a portería de Rubén, titular por primeira vez en liga, non deixaron que o Viveiro desenrolase o fútbol que acostuma. Logo dun gol anulado a Tichu, tivo que ser o pichichi Gerardo quen abrise o marcador sobrepasada a media hora de encontro, logo dunha gran xogada de Agus. Na segunda metade, o Viveiro estivo máis cómodo, pero o tanto da tranquilidade non chegou ata o minuto 70, cando Tichu conectou unha volea imposible para o gardameta visitante. Xa preto do final, Xaime de falta directa sentenciou o choque.

Derrota en Fisterra dun Ribadeo que acusou en exceso as baixas (2-0). Os de Rafa Casanova non puideron co conxunto revelación da Preferente. As ausencias de Poratti, Erni ou Santi entre outros condicionaron aos mariñáns que puideron sair do Ara Solis cunha derrota máis ampla se non fora pola boa actuación do gardamallas Hugo.  Os goles dos fisterráns chegaron en momentos decisivos, ao final da primeira metade e ao comezo da segunda, obra de Capelo e Santi Taboada, que xunto con Herbert son xogadores diferenciais. Ata o tanto inicial do conxunto local, os ribadenses defenderon con orde, pero non inquietaron a portería rival. Nos últimos intres de encontro, Martín Traba no día que se enfrontou ao equipo do seu pobo, foi expulsado.



A Sarriana consegue un empate sen goles no campo do Arteixo (0-0). Encontro marcado polo susto que protagonizou Javi Fraga, que se desvaneceu á media hora de partido e tivo que ser trasladado ao hospital. Afortunadamente todo quedou nun susto. A Sarriana foi lixeiramente superior, aínda que non xerou demasiadas ocasións de perigo. A máis clara preto do final, pero o gardameta local estivo acertado ante o lanzamento de Mauro. O Arteixo xogou o último tramo do encontro en inferioridade, pero soubo defender o marcador.

A Residencia golea nun gran encontro a un fráxil Lemos (4-0). O mellor encontro dos de Álvaro Meilán no que vai de temporada, no que tódolos xogadores raiaron a gran nivel. Pola contra, un Lemos desdibuxado non foi quen de facerlle fronte ao cadro local e apenas xerou perigo e volveu a verse penalizado pola súa fraxilidade defensiva. Nos primeiros compases, Dani López anotou desde dentro da área logo de que a zaga monfortina non acertase a despexar. A falta de dez minutos para o descanso, Veloso aproveitou un bo pase de Moha para batir non un contra un a Ramón e tan só dous minutos despois Iago, que gañou un balón á espalda da defensa, sentenciou o encontro. Na segunda metade, Veloso fixo o segundo tanto na súa conta particular logo doutra boa xogada de Moha.

O Foz cae a postos de descenso tras caer ante o Montañeros (1-2). Oito encontros sen gañar sitúan aos focenses na antepenúltima praza da clasificación. Non foron quen de superar a un rival directo, que logo do troco de adestrador encadean cinco xornadas sen perder. Encontro tenso no que os de Gayol puideron adiantarse no marcador por medio de Xenxo, que volvía á titularidade, pero atopouse coa boa resposta do gardameta coruñés. Preto do descanso, Quique Cubas anotou para o Montañeros e xa na segunda metade un disparo de longa distancia sorprendeu a Manu Pardo. Co encontro moi costa arriba o Foz tirou de orgullo e unha boa combinación entre Álex Paz e Miguel rematou co tanto do burelao. Nos últimos dez minutos de partido, tres expulsados. Asier e Dani Chao non remataron o encontro nos mariñáns e Cardelle nos visitantes.



O Racing Vilalbés gaña ante outro ‘histórico’ e a Residencia golea no derbi

Debuts e papeis cambiados para empezar o

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *