Nesta tempada 2019-2020, introdúcense cambios á hora de desputar a Copa Deputación de Lugo, pasando a ter lugar ó longo do ano, mentres que tradicionalmente a competición levábase a cabo ó final das tempadas, entre os meses de maio e xuño. Este novo modelo implica que a Copa Deputación cubre ‘ocos’ no calendario. É dicir, os partidos teñen lugar en datas nas que non se disputa a liga regular. Iso implica xogar en datas como a Ponte da Constitución, o Nadal, o Entroido, etc. Ata que punto ten sentido o fútbol afeccionado nestas datas tan sinaladas? Que é o que se pretende dende a Federación Galega de Fútbol coa nosa provincia?
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2019/12/300x300_produtos.gif)
Todos os que amamos este deporte, sexa na categoría que sexa, tomámonos a súa práctica coma unha paixón; algo polo que fas esforzos co fin de desconectar de todos os compromisos laborais, académicos, etc. Dende o momento en que entramos pola porta do vestiario, todo se esquece, a única preocupación é divertirse a través do balón. Esa é, na miña opinión, a verdadeira maxia e esencia do fútbol.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2019/12/IMG_3842-1-300x202.jpg)
Deste modo, coido que competindo nesas datas o fútbol perde toda a súa esencia e pasa a ser unha especie de carga. Non porque non o queiramos practicar, posto que é a nosa afección por excelencia e sempre estamos dispostos a facelo, senón porque nesas datas o importante é estar cos nosos achegados e pasar o noso tempo libre con eles, podendo desconectar un pouco do propio fútbol.
Despois están os membros das directivas, eses que son os primeiros en chegar e se ocupan de que xogadores, árbitros e adestadores teñan todas as comodidades e que son os últimos en irse para deixar todo recollido e preparado para o seguinte día. Que beneficios lle reporta a esa xente un partido de fútbol en Nadal? Cando, aínda encima, a recaudación en taquilla é pésima posto que apenas van seareiros ós campos…
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2019/12/IMG_3837-1-300x245.jpg)
Para rematar e baixo o lema de Arrigo Sacchi, que adquiro como meu, «o fútbol é a cousa máis importante das cousas menos importantes»; sería de agradecer que dende os gobernos do noso fútbol, se garantise un pouco máis a conciliación de todos os axentes implicados. Axudando á conservación do fútbol afeccionado e dunha competición tan bonita como é a Copa Deputación sen que iso supoña a perda de tempo en datas esenciais que pasamos cos nosos seres queridos. Grazas de novo a Futbolinlugo polo seu traballo e o seu espazo para que convivan opinións entre todos nós. Felices festas para todos e vémonos nos campos!
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)