O fútbol afeccionado lucense entra no seu tramo definitivo de competición e os nosos equipos xóganse moito nestes últimos encontros. Na Terceira División só quedan catro xornadas para rematalo campionato con Vilalbés e Castro loitando por obxectivos moi distintos. No resto de categorías esta fin de semana volve a competición coas últimas seis xornadas da Preferente e da Primeira Galicia, ca última na Segunda (un ascenso por decidir no grupo sur e o descenso en xogo) e as finais do play-off na Terceira. E todo isto acompañado dos temidos arrastres que comezan na Segunda División B.
Terceira División
Nas últimas catro xornadas os equipos lucenses tentarán acadar os seus propósitos, aínda que non o teñen nada fácil.
Racing Vilalbés: o equipo adestrado por Óscar Gilsanz está sexto clasificado con 59 puntos, empatado co Arousa (o seu seguinte rival, este domingo ás 17:30 na Madalena). Sitúase a un punto do cuarto que é o Bergantiños no que están os lucenses Roberto Prieto e Iago López, a cinco do terceiro que é o Cerceda, equipo no que xogan tamén dous xogadores da provincia, Marcos Valín e Uxío Da Pena (pichichi da categoría con 25 goles). Despois de recibir ó Arousa, visitará ó Céltiga e ó Ordes (xa descendido) e despide a liga ante o Alondras en Vilalba.
Castro: o conxunto adestrado dende hai unha semana por Charly (substituto de Iván Lamas) é cuarto por abaixo. É o único equipo da zona de descenso que ten opcións de salvación, xa que Dubra, As Pontes e Ordes son equipos de Preferente dende hai xornadas. Os da Terra Chá teñen 36 puntos; noutra temporada (se os equipos de abaixo sumaran máis puntos) a salvación estaría moito máis preto. Agora estarían a cinco da salvación no caso de que non se producisen arrastres. Contando o descenso xa seguro do Somozas e o posible descenso do Boiro na Segunda B, produciríanse dous arrastres no caso de que ningún dos galegos da Terceira conseguise ascender de categoría. A zona de salvación real márcaa o Céltiga con 42 puntos.
O Castro recibe o Barbadás (non ten certificada matemáticamente a permanencia, este domingo ás 12:00 no Municipal), visita ao líder, o Depor B, recibe ao Ribadumia que tamén está na pelexa e remata a liga no campo do Céltiga. De chegar con vida este partido podería ser unha auténtica final para os dous equipos.
Preferente:
Poñéndonos no peor caso posible nestes momentos (baixan dous de Segunda B e ningún de Terceira sobe), descenderían seis equipos de Terceira. Tres deles caen seguro ao grupo Norte e poderían ser catro no caso de que o Castro descenda; polo que da Preferente Norte baixarían seis equipos. Nestes momentos collería a tres conxuntos lucenses.
Sarriana: a catorce puntos da salvación completa polo que o ten meramente complicado. Quédalle a visita a Arzúa, recibe ao Bertamiráns (tamén está na pelexa), visita ao Sada (pode estar xa matemáticamente sen opción de salvación), recibe ao Xallas, xoga contra o Paiosaco (candidato a entrar en play-off) e recibe o Betanzos para rematar.
Chantada: ten 30 puntos e, a pesar de gañar na última xornada antes do parón, precisa enlazar varias vitorias para seguir aferrándose. Quédalle visitar a un Sada deshauciado, recibe ao Xallas case sen opcións de play-off, visita ao Paiosaco, recibe Betanzos que de momento non ten a permanencia conseguida, vai a Arteixo que tampouco está salvado e no derradeiro enfrontamento vén o Escairón ao Sangoñedo.
Lemos: é o que máis posibilidades ten de manterse, xa que, incluso, podería non caer dependendo se alguén de Terceira ascende, se o Boiro non baixa ou se algún dos equipos da Preferente Norte que xogue o play-off á Terceira ascende. Está a tres puntos do Mugardos que marca a zona de liberdade plena. Quédalle recibir ao Polvorín con opcións de ascenso directo e enxeirado nos últimos enfrontamentos, recibe ao Estudiantil que é segundo clasificado, visita ao Soneira que tamñen está na pelexa da salvación, recibe ao Viveiro, vai a Arzúa que ten a salvación virtual asegurada e recibe ao Bertamiráns no que pode ser outra final.
Lugo B: é o equipo da provincia que pode ascender a Terceira. A un punto do segundo clasificado co que ten o gol average empatado, pero con +15 ao seu favor no global. Ten que xogar na Pinguela, recibe ao Soneira no Ceao, vai a Cantarrana, vén o Arzúa, visita Bertamiráns e pecha a liga na casa co Sada. Podería intentalo tamén nos play-off no caso de que queden vacantes en Terceira.
Primeira Galicia:
Na Primeira tamén quedan catro xornadas e, de momento, o único seguro é que a Residencia será equipo da Preferente no vindeiro curso. O Outeiro de Rei e 0 Monterroso loitan pola outra praza de ascenso con cinco puntos de diferenza entre ambos e un partido en Cerdeiriños por xogar.
Descenderían nestes momentos cinco equipos. Antas e Chantada B téñeno moi complicado porque están a dezaseis puntos desa hipotética salvación. A Milagrosa pola súa banda está a doce, o Burela a nove e o Chantada Atlético a cinco. Este último dependendo do que pase por arriba podería evitar ese corte de descenso.
Segunda Galicia: última xornada
Grupo norte: Pontenova e Xermade xa están ascendidos, só falta que se decida o campión. No caso de que a Milagrosa descenda de Primeira, xunto co Burela, enténdese que caerían para o grupo norte, polo que descenderían tres equipos.
Meira, Catro Roldas, Alfoz, Cospeito e Muimenta xogaríanse eses tres postos:
Meira (27 puntos): ten o gol average co Catro Roldas e co Cospeito. Visita ao Pontenova nun derbi no que os da Mina xóganse o campionato.
Catro Roldas (27 puntos): ten o gol average a favor co Alfoz, Muimenta e enfróntase na última xornada ao Cospeito co que perdeu na ida 4-1 no campo da Fonte.
Alfoz (26 puntos): ten o gol average a favor co Meira, Muimenta e Cospeito. Recibe ao Guitiriz .
Cospeito (26 puntos): ten o gol average co Muimenta. Enfróntase ao Catro Roldas que lle gañou 4-1 na primeira volta.
Muimenta (26 puntos): o que o ten máis complicado. Tan só ten o gol average a favor co Meira no global. Xoga co Iberia.
Grupo sur: O SDC San Roque xa é equipo de Primeira, ademáis de campión do seu grupo. A outra praza de ascenso teñen opcións de ocupala:
Ferreira: é o segundo con 61 puntos. Depende de si mesmo. Visita á Comercial que xa está descendida. Ten perdido o gol average cos dous equipos que o preceden.
Palas: é o terceiro con 60 puntos. Recibe nos Chacotes ao CD Corgo que xa está descendido. Ten o gol average a favor co Ferreira, pero en contra co Brollón.
Brollón: é o cuarto con 59 puntos. Visita ao Friol que xa sabe que vai rematar a liga na sexta posición. Ten o gol average a favor cos dous equipos que o anteceden.
Por abaixo, nestes momentos caerían catro equipos. Tres xa son equipos de Terceira: Comercial, Corgo e Sober. E outros tres equipos teñen opcións de caer e todos dependen de si mesmos para salvarse:
Rubián: 31 puntos. Xoga co Garabolos que ten 28 e co que perdeu o partido de ida (1-2). Gol averge a favor co Becerreá.
SD Becerreá: 30 puntos. Xoga co Sober xa descendido. Ten o gol average perdido cos seus dous rivais.
Garabolos: 28 puntos. Xoga co Garabolos ao que lle gañou na primeira volta 2-1. Gol average a favor co Becerreá.
Por último na Terceira Galicia queda por decidir a volta da final de ascenso á Segunda. O Goiriz ten unha lixeira vantaxe co Matela, xa que empatou 1-1 en campo visitante. No grupo sur, o Río Sil trae un resultado positivo ao vencer na súa casa 2-1 ao Monterroso.