O domingo ás 17 horas porase a rodar o balón na Canteira e na Carqueixa. Noventa minutos para decidir que dous equipos competirán a vindeira temporada na Segunda Autonómica. Na Terra Chá, Catro Roldas e Celta Barreiros, mentras que no sur da provincia, Río Sil e Antas porán todo en xogo para rematalo domingo festexando un salto de categoría máis necesario pra uns e menos agardado por outros, pero que ben seguro encherá de ledicia dúas vilas da xeografía lucense.
No grupo Norte unha gran cantidade de equipos partían como favoritos ao ascenso, o que dificultaba a labor de todos eles. Alfoz e Muimenta lográrono pola vía rápida, mentras que históricos como a Milagrosa deberán agardar á vindeira temporada. Catro Roldas e Celta Barreiros chegaron á última eliminatoria polo ascenso nun gran momento. O conxunto chairego encara este encontro de volta coa vantaxe do empate a un acadado no Cascabeiro, o que obriga aos mariñáns a gañar ou a empatar a máis dun gol. David Lorenzo, adestrador do Catro Roldas dinos que «afrontamos o partido con confianza, sabendo que somos capaces de gañar, pero a pesar diso, somos conscientes de que é unha final ante un bo equipo, e malia que o resultado na ida foi bo para nós, non temos nada feito e teremos que traballar moito para acadala ansiada vitoria«. Non chegará con menos alento o Celta Barreiros, conscientes da dificultado do convite. «Imos con todas as gañas do mundo. Partimos cunha desvantaxe moi grande, xa que, precisamos marcar si ou si e temos diante un rival que sabe ao que xoga, e nun campo máis pequeno que o noso. Pero eu confío ao cento por cento nos meus compañeiros e sairemos ao campo a morrer«, di Álvaro, un dos xogadores máis destacados do conxunto barreirense.
De sobresaínte se pode considerala temporada do Catro Roldas, realizando unha gran temporada regular e deixando na cuneta a Milagrosa na primeira rolda da promoción. Pero non se conforman e queren rematar a temporada celebrando o ascenso. «Significaría o retorno á categoría que perdemos fai dúas temporadas e da que nos quedamos ás portas de voltar o ano pasado. Sería o premio ao traballo da gran familia que formamos directiva, corpo técnico, xogadores e afección«, apunta David Lorenzo. Máis tempo leva o Celta Barreiros lonxe da Segunda Autonómica. O 29 de abril de 2012 disputou o último encontro caendo derrotado no campo da Candelaria. Logo dunha temporada irregular, na que sufriu un bache de resultados a finais de 2018, o cadro adestrado por Fran Vázquez reforzouse para o último tramo de competición e os resultados chegaron. Para Álvaro, o ascenso «faríanos unha gran ilusión máis que nada polo ben que se está portando a directiva con nós, gañemos ou non sempre están ahí. Tivemos rachas boas e outras non tanto, onde perdemos partidos por erros propios, lesións…e logo vímonos apurados para entrar na promoción, polo que agora subir a Segunda é o máximo para nós agora mesmo«.
No grupo Sur pelexarán pola última praza de ascenso o Río Sil e o Antas. No encontro de ida disputado no Castro Seoane o conxunto soberino impúxose por cero tantos a dous, obtendo unha excepcional renta que tentarán defender na Carqueixa. Para adestrador do Río Sil, Juan Díeguez, «chegamos a esta final co obxectivo de gañalo partido. Temos claro que non xogaremos co marcador ata os últimos compases, onde miraremos como vai o resultado. Ata daquela só pensamos en gañalo partido«. Con ese obxectivo viaxa ata o sur da provincia o Antas, sabedor da dificultade da eliminatoria, pero co recordo da remontada da anterior eliminatoria ante o Castroverde. «Imos con moitas ganas e ilusión, sabendo que é moi difícil pero non imposible. Xa o logramos ante un gran equipo na anterior ronda, polo que tamén o podemos facer este fin de semana«, afirma Melendo, míster do Antas.
O Río Sil foi un coleccionista de empates na temporada regular, o que os privou de acercarse aos postos de ascenso directo, propiedade de Paradela e Quiroga. De tódolos xeitos, Juan Díeguez sácalle presión aos seus, «ascender non é nin nunca foi una obriga. É un soño polo que loitar para agradecer a unha afección de sobresaínte o seu apoio incondicional«. Logo dunha temporada que comezou con dous equipos menos ao abandonar a competición Laxosa e Becerreá F.C., Melendo, adestrador do Antas ve na posibilidade de xogar en Segunda «voltar a unha liga máis estructurada que a Terceira, e poder ter un enfoque máis claro á hora de afrontala competición«.