A Terceira deixounos o importante triunfo do Racing Vilalbés ante o Alondras, conxunto da zona alta da clasificación, mentras que o Polvorín caeu derrotado no Alcalde Candocia ante o Somozas. Na Preferente, o Viveiro igualou un complicado encontro ante o Noia e segue moi vivo na pelexa polo ascenso, ao igual que a Sarriana, logo de derrotar ao Dubra. O Foz goleou ao Sofán, mentras que o Ribadeo caeu no Viso ante o Arzúa e o Castro saiu goleado no día que o As Pontes acadou o ascenso matemático.
O Polvorín caeu derrotado no campo do Somozas (2-1), e rachou a xeira de tres triunfos consecutivos. Comezou ben o conxunto lucense, cun ritmo de xogo moi alto foi capaz de crear varias ocasións claras de gol. Nunha delas, unha boa xogada de Antón Escobar por banda rematou co pase atrás deste para Cuadrado, que empuxou a gol, prolongando a súa boa xeira. Manolo García cambiou o sistema de xogo dos seus e dificultoulle as cousas ao filial do C.D. Lugo. Pasada a media hora, unha man moi dubidosa de Pablo Rey foi sinalada como penalti e o ex racinguista Gerardo non errou. Foron minutos fatídicos para os de José Durán, xa que á saída dun córner, Rayco meteu o balón na súa portería. Na segunda metade, coa entrada de Javi Rey, o Polvorín tivo máis dominio e contou con ocasións para cando menos empatalo encontro, pero o lucense Manu Cedrón, moi acertado, desbaratounas.
O Racing Vilalbés gaño una Madalena ao Alondras, serio candidato ao playoff (1-0). Os chairegos aproveitaron a súa oportunidade e souberon manter o resultado, que lles serve para acadar os 40 puntos a falta de seis xornadas para o final. Muiña, que repetiu titularidade no centro da defensa, tivo a ocasión máis clara na primeira metade. O Alondras puido adiantarse por medio de Yelco, pero non estivo atinado o dianteiro visitante. A falta de pouco máis de vinte minutos para o final, o gardameta cangués Martín derribou a Jose Varela, o mellor dos racinguistas neste encontro, xunto con Diego Rey. Álex Pérez transformou a pena máxima, e fixo o seu noveno tanto da temporada. O conxunto de Simón Lamas, que segue cumplindo a súa sanción ao igual que Viusky neste encontro, ten seis puntos de marxe sobre o descenso.


O Viveiro rescatou un punto nos instantes finais ante o Noia (2-2), nun encontro entre candidatos ao ascenso. Os mariñáns seguen terceiros, con dous puntos menos que o Arzúa. O conxunto mariñán foi mellor que o seu rival no cómputo xeral do encontro, pero a falta de contundencia na súa área resultou determinante. Logo dunha primeira metade sen goles, aos catro minutos da reanudación, Adrián Quintairos tras un saque de esquina adiantou aos do Barbanza. Igualou Xaime desde o punto de penalti, pero Rendo no ecuador do periodo final volveu poñer por diante aos visitantes. O Noia quedou con dez pola expulsión de Dani Conde por dobre cartón amarelo e o Viveiro aproveitou esa situación. Tichu, nunha boa xogada, colocou o balón imposible para Pajarillo. Xa ao borde do final, Rolle puido marcalo terceiro. Agora os de Chusky quedan a dous puntos do ascenso directo.
A Sarriana acadou un triunfo vital ante o Dubra para seguir na pelexa polo ascenso (1-0). Encontro moi complicado ante un dos mellores equipos da segunda volta. Os sarriaos controlaron o balón e o partido e acadaron o gol nunha boa xogada de Omar que rematou co tiro deste ao pao. O rexeito empuxouno a gol Álvaro. O Dubra tentou a igualada, pero os de Alberto López, ben plantados en defensa non lle deron opcións claras.
O Ribadeo non puido co Arzúa e caeu derrotado con contundencia (4-1). Superioridade local na primeira metade que se viu plasmada no marcador con dous tantos a balón parado. Álvaro de falta e Adrián Iglesias de penalti puxeron en clara vantaxe ao Arzúa. Logo do paso por vestiarios, os mariñáns melloraron e aos cinco minutos da reanudación, Santi recurtou diferencias. Tentouno o Ribadeo sen éxito, que viu como a falta de sete minutos, de novo o goleador Adrián Iglesias fixo o terceiro. Xa no desconto, Brais anotou o cuarto e definitivo, que lle serve ao seu equipo para mantela segunda praza na clasificación.

O Foz acadou un valioso triunfo no Martínez Otero ante o Sofán (4-2). Bo encontro dos de Gayol, que foron moi superiores ao seu rival, especialmente logo da expulsión de Juanjo pouco antes do descanso. Dani Chao adiantou aos focenses e logo comezou o show de Asier, que fixo dous goles e participou no cuarto, que rematou introducindo na súa portería un defensa rival. Mesmo puido acadalo hat-trick o mediapunta focense, pero atopouse co longueiro. O Sofán soamente logrou marcar desde o punto de penalti.
O Castro saiu goleado do Poboado o día no que As Pontes certificou o seu ascenso a Terceira (11-1). Encontro sen historia. O cadro local, que saiu decidido a pechalo salto de categoría xa gañaba ao descanso por cinco goles de diferencia. No conxunto chairego, debutou o gardameta xuvenil Rodrigo, que realizou paradas de mérito. O tanto da honra para o Castro foi obra de Brais logo dun gran lanzamento de falta. Vellos coñecidos do fútbol lucense tiveron un papel destacado no cadro local, como Rubén Pardo, marcou dous tantos saíndo desde o banco, ou Bossa que como xa é habitual anotou de falta. Carlos completou un póker.