A Segunda Rexional está de parón polo Nadal, como o resto de categorías do fútbol afeccionado. Nos dous grupos da categoría falta unha xornada para rematar a primeira volta. Na parte norte, o Meira xa é campión de inverno. No sur, o partido que falta entre o Friol e o Guntín decidirá quen manda logo de quince partidos.
O cadro friolés lidera nestes momentos a táboa clasificatoria. Non obstante, a igualdade é máxima e avecíñase unha bonita loita no tramo decisivo da campaña. Logo do descenso do curso anterior, o equipo ten a ilusión de volver á Primeira. Preside un referente da casa e do fútbol lucense, adestra un rapaz formado en Friol e xogan os veciños e amigos de toda a vida. Conversamos co preparador, Javi Pájaro.
Futbolinlugo: O equipo chegou ao Nadal no máis alto da clasificación. Con que sensacións estades?
Javi Pájaro: Agora mesmo estamos a tope. Despois dunha tempada pasada na que acabamos descendendo á Segunda, estabamos tocados moralmente. Creo que tivemos uns bos reforzos no verán e a xente comezou a ilusionarse de novo coa meta de intentar volver.
Fil: O descenso supuxo moito pau para o equipo?
JP: Si, durante todo ó ano, o equipo pasouno moi mal. Conseguíronse poucas vitorias e foi unha campaña na que fin de semana tras fin de semana iamos de mal en peor. Na fase de descenso intentamos remontar pero psicoloxicamente estabamos todos moi tocados xa.
«Nos regresos de Lucky ou Santi non importaba a categoría»
Fil: Falabas de reforozos que casi poderiamos dicir que foron regresos como no caso de Lucky ou Santi. Como se xestaron as súas chegadas?
JP: No caso de Lucky, éralle complicado compaxinar o fútbol de máis nivel co traballo, polo que foi doado que viñera. Pola súa parte, Santi fai un ano creo que xa quería volver de boa gana. Así que todo foi fácil. Nestes casos non importaba a categoría. Querían volver para o seu club de sempre e cos seus amigos de sempre. Aquí coñecémonos todos de toda a vida.
«Hai catro ou cinco equipos que estaremos aí ata o final»
Fil: No grupo sur a igualdade é máxima, cres que seguirá así ata o final?
JP: Está todo moi apertado. Hai catro ou cinco equipos que penso que imos estar aí ata o final. Agás que haxa algunha sorpresa, penso que sobre todo o Oural, o Guntín, incluso, o Ferreira son equipos que pelexan moito e custa un mundo gañarlles.
Fil: Ata o momento o Friol tamén forma parte deses candidatos…
JP: Si, a pesar de que temos un cadro de xogadores curto. Levamos case toda a primeira volta con baixas importantes como as de Brais ou Adri, pero tamén tiramos do filial no que hai moi bo equipo e xogadores que queren tirar a porta para xogar.
Fil: Entón, a meta é o ascenso?
JP: Partido a partido, pero si. Intentas non falar diso e ir pouco a pouco. Aínda así, na cabeza de todos está o obxectivo de intentar chegar ás últimas xornadas con opcións de subir.
Fil: Queda un partido da primeira volta que decidirá quen é o campión de inverno. Como ves ese duelo co Guntín?
JP: Acabar líderes na primeira volta moralmente dá un plus. O partido vai ser moi desputado. Nós igual temos algunha baixa a maiores que nos pode afectar. Estamos pendentes de Alberto a ver se pode chegar despois dunha pequena lesión. O Guntín leva un camiño parecido ao noso despois de baixar tamén na primavera pasada. Supoño que terán a mesma ilusión ca nós de volver para arriba o máis pronto posible.
«Adestrar ao Friol nunca foi un marrón»
Fil: A nivel persoal, foi durante a tempada pasada cando deches o salto do filial ao primeiro equipo. Como viviches ese momento de poñerte aos mandos do club da túa vida?
JP: No seu momento o presidente díxome «igual che é algo marrón», pero eu xa lle dixen que de marrón nada. É o equipo da miña vida e a miña ilusión sempre fora adestrar a este club.
Fil: Nesta campaña a situación é distinta. Como a afrontas ti?
JP: É un reto para min. Estiven no filial durante uns anos, quédache a mágoa de deixar aos rapaces pero era un propósito tamén chegar ao primeiro equipo. Esta temporada afróntoa con toda a esperanza de levalos a onde creo que temos que estar. Despois a ver se se dá, no fútbol xa sabemos que todo pode pasar.
Fil: O Friol debe estar en Primeira?
JP: Creo que si. De feito, imos primeiros porque penso que temos esa capacidade para estar en Primeira. Non obstante, é fútbol e todo pode pasar, reitero. A segunda volta é moi longa e pode xirarse todo en contra.
Fil: Primeiro equipo e filial, Friol dá asumido o de ter a dous conxuntos competindo?
JP: Si, hai moitos rapaces que viñeron para o filial. Creo que hai bastante bo nivel. Hai un relevo bastanto bo. Coñézoos ben. Apórtannos un plus cando veñen con nós. Contaxíamonos da súa xuventude e das súas ganas.
«A Rafa casanova ofertas vanlle sobrar»
Fil: E como levas iso de adestar ao presidente (Rafa Casanova)?
JP: É unha situación peculiar, pero boa. Levámnos moi ben. Temos confianza e podemos falar as cousas que sexan. Evidentemente que lle vou dicir a un tío que leva trinta anos no fútbol. Animalo e pouco máis.
Fil: Logo da súa saída como adestrador das Pontes, pódevos aportar máis podendo ter máis dispoñibilidade para estar convosco?
JP: Si, iso por suposto. Que un xogador desa categoría poda vir adestrar e xogar sempre é un luxo. Aínda que supoño que pronto o contratarán doutro equipo. Ofertas vanlle sobrar.
Fil: Falamos do presidente, do adestrador, dos xogadores,… e case todo nos leva ao mesmo punto: Friol…
JP: Coñecémonos dende pequenos e levamos xogando xuntos moito tempo. Rafa adestrounos a case todos. Sabemos as ideas que temos e de que pé coxea cada un. Máis que nada somos amigos e iso trasladado ao terreo de xogo fai que se leve mellor. Quizais nos faltaba volver reconstruir esa familia que tivemos sempre. Por diversas circunstancias como os descensos foise perdendo, pero dende hai un tempo está volvendo o Friol de sempre.