A Segunda Rexional na zona sur tamén ten en xogo unha praza de ascenso e dúas de descenso. A recta final vén cargada de emocións con varios equipos pelexando polos seus obxectivos.
No grupo de descenso de cinco equipos, quedan tres xornadas, menos para o Quiroga que ten catro partidos por xogar. Precisamente o conxunto quirogués ocupa a praza de descenso, a dous puntos do Santa Comba, o seu máximo rival. Xogarán o 1 de maio, tras ser aprazado o encontro desta finde.
No grupo de descenso de catro equipos quedan dúas xornadas co Bóveda ocupando praza de descenso directo. Está a dous puntos do Incio e a catro do Palas. Incio e Palas xogan esta finde xuntos e o que gañe tomará unha gran vantaxe que pode ser definitiva de cara o último partido.
No grupo de ascenso o Becerreá mantense na cabeza a falta de tres xornadas. Conta cunha vantaxe de dous puntos sobre o Antas e tres sobre o Paradela e a Milagrosa. Dáse a circunstancia que os equipos con máis opcións de pelexar polo ascenso son os que xogaron no mesmo grupo na 1ª fase, polo que non haberá duelos directísimos pola primeira praza.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Juan Diéguez: «Non é un problema co Río Sil nin cos xogadores»
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/04/IMG_0617.jpg)
O Río Sil realizou unha gran primeira fase do campionato pero desinflouse no segundo tramo. O adestrador Juan Diéguez decidiu poñer fin o seu ciclo na Carqueixa antes de comezar a fase polo ascenso. O técnico completa unha etapa de máis de cinco anos con ascenso á Segunda e consolidación na categoría. Conversamos con el sobre os motivos de parar e o tramo final de liga na Segunda sur.
Futbolinlugo: Botas de menos o fútbol?
Juan Diéguez: Non pisei aínda un campo. Por diversos motivos, non tiven moito tempo.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Fil: Cales foron as razóns de poñer fin a túa etapa no Río Sil?
JD: Estaba saturado polo fútbol. Foi unha temporada de moito desgaste, a pesar de que en canto a resultados foi boa. O tema covid trastocou moito aos xogadores. Non só o feito de dar positivo, senón pola responsabilidade coa xente maior nas casas. Isto provocou que non houbese moita continuidade nos adestramentos.
Ademais a Carqueixa resentiuse e o céspede non estivo ben durante a temporada. Nós protexíamolo indo adestrar pola semana a Monforte ao Luis Bodegas, pero pecharon o campo ao alquiler e tiñamos que facelo no noso. A isto sumámoslle que varias persoas polas quendas de traballo non podían vir.
Fil: Que che impedían facer todos estes condicionantes?
JD: Un adestrador quere adestrar e dirixir e eu non podía por todas estas cousas. Foronme minando. Estaba nun partido, vía cousas para cambiar, miraba para o banco e non podía facelo. Ao mellor ese día había centrais e eu necesitaba un extremo. Desmotiveime os últimos tres partidos. Mediteino e decidín parar.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Fil: Cando llo comunicaches á directiva?
JD: Falei coa directiva cando xa estabamos clasificados para a seguinte fase. Entendía que se paraba agora era o mellor para as dúas partes. Eu necesito desconectar porque non estaba desfrutando do fútbol e para eles eran dous meses que ganaban para montar o novo proxecto.
Fil: A directiva entendeu a decisión?
JD: Reunímonos tres ou catro veces nunha semana. Víronme moi seguro. Necesito descansar. Intentaron que seguira por todos os medios pero non. Non é un problema co Río Sil nin cos xogadores. Cos 24 futbolistas estaba contento e levaríaos a calquera equipo. A directiva é top. É cousa miña de desgaste. Creo que é unha decisión acertada, pero non estou libre de confundirme.
Fil: Todos eses condicionantes que nomeas, non son únicos do Río Sil no fútbol afeccionado…
JD: Non lle pasa ao Río Sil solo, pásalles a todos. Facían virguerías para poder vir adestrar. Pero son esas circunstancias as que che van comendo a cabeza. Cansa e chega un momento que vas desmotivado. Noteino nos últimos partidos cando estabamos virtualmente clasificados para a fase de ascenso.
«O logro máis grande foi cambiarlles a mentalidade aos xogadores»
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/04/RIO-SIL-JUAN-DIEGUEZ.jpg)
Fil: A nivel global, como valoras a túa estadía no Río Sil?
JD: Estou moi contento. Quédome cunha cousa. Cando cheguei levoume tres meses cambiar o chip do equipo. Era un conxunto que sabía xogar pero non competía. O equipo viña de quedar último. Convencinos de que non se podía ir os campos por ir, había que ir e competir. Esa mentalidade é o logro máis gande. Toda a comarca coincidía que merecimos aquel ascenso a Segunda. E a campaña que parou coa covid íamos embalados.
Fil: Tería condicións o equipo para xogar nunha Primeira Rexional?
JD: Non debería ser ese o obxectivo, pero pódese dar. De feito, sendo sinceros, este ano se non chegamos a ter a baixa do porteiro que marchou para o Lemos e nos respectaran as lesións, o equipo estaría loitando pola praza de ascenso. Non obstante, non hai que esquecerse de que o Río Sil nútrese, en gran medida, de xogadores de Sober. Se se deran as condicións de meterse en Primeira e houbera que reforzar o equipo, non se poden perder as raíces. Por detrás veñen rapaces que adestran con nós e iso é importante. Que cada domingo o equipo se sienta representado por futbolistas da casa.
Fil: Neste curso esas opcións de loitar polo ascenso remataron. Dende fóra parece evidente que equipo notou a túa baixa…
JD: Pode ser algo lóxico. O equipo nun primeiro momento pensou en darse unhas semanas para seguir co proxecto dende dentro. Agora hai que darlle un tempo o novo adestrador e notarase (Cabanelas chegou a Carqueixa como axudante).
«Pode ser que os equipos da zona centro chegaran máis motivados»
Fil: Nótase na clasificación a diferenza entre os dous grupos da 1ª fase. Quen ves favorito ao ascenso?
JD: Non creo que haxa tanta diferenza na zona centro e na zona sur para que os catro do centro vaian por diante. Pode ser que chegaran máis motivados. O Río Sil acusou o cambio de adestrador, o Oural igual se deixou levar, o Chantada B chegou cos deberes feitos e quedou só o Ferreira para realmente competir. Ao mellor na zona centro si chegaron con esa motivación, por exemplo o Antas está disparado. Creo que esta xornada vai ser importante. Se o Becerreá gaña na Carqueixa ten moito conseguido. Pero non teño tan claro que o faga.
Fil: E como ves a viabilidade de equipos como o Río Sil no fútbol afeccionado?
JD: Complicado porque aos equipos cando lles faltan os veteráns pasano mal. No Río Sil non se nota igual tanto por esa rapazada que hai aí, pero esa xente nova igual está hoxe e o ano que vén non. Se a xente nova pasa e os veteráns paran, os equipos sufren.
«Hai que mimar aos equipos afeccionados»
Fil: Cal cres que podería ser a solución para evitar a desaparición de certos clubs?
JD: A Federación fai cousas que no ordenador poden parecer bonitas pero non se senta cos equipos. Nestes anos que levo falta a primeira vez que me digan dende o Río Sil «chamaron da Federación para ver que opinamos de tal», agás esas videochamadas da pandemia. Pero vexo cousas sin sentido e non vexo que coiden isto. Hai que mimar a estes equipos e axudalos no que se poda. Se os equipos da Terceira Rexional levan anos pedindo un cambio hai que falar con eles. Mirar cómo podemos facer entre todos para axudarnos.
Por exemplo, a un partido como foi o Ferreira – Río Sil no que nos xogabamos o liderato, hai que mandar un árbitro en condicións. Non se miran esas cousas. Cando hai un problema nun partido hai que chamar aos equipos.
Fil: Canto tempo vai durar Juan afastado dos bancos?
JD: Non o vou pensar. O venres fun a un restaurante e atendeume un camareiro que despois de levar unha vida enteira nun restaurante monfortino deixeuno. Este venres atopeino noutro. Díxome «ía parar dous anos e catro meses despois volvo estar no oficio». Así que nunca se sabe.
Fil: Iso quere dicir, que o fútbol non o abandonas…
JD: Levo toda a vida no fútbol comarcal, gústame moito e por iso non digo que se acabou.