Este domingo día 5 de novembro, ás 16:15 horas, o campo viveirense de Cantarrana será testigo dun novo derbi mariñán en Preferente Autonómica.

Viveiro e Ribadeo, conxuntos históricos da Mariña de Lugo enfróntanse nun importante compromiso correspondente á duodécima xornada. Ámbolos dous equipos chegan con necesidades contrapostas. Os da cidade do Landro, con Chusky ao mando desde esta mesma semana, buscan tres puntos que os alonxen da zona perigosa e lles den pulo pra loitar por metas máis ambiciosas. Por outra banda, o Ribadeo quere rachar coa xeira de dúas derrotas consecutivas e voltar aos postos de privilexio.

Este derbi tamén vén marcado polo seu contido social e tamén reivindicativo. A directiva do Ribadeo tenta poñer en valor o FEVE, o tren que comunica tódalas vilas costeiras da Mariña e que está no esquecemento, pero que pode ser un gran medio de comunicación para tódolos veciños. O clube anima a tódolos socios e afección en xeral a viaxar no tren ata Viveiro. Toda a información está nas redes sociais do Ribadeo.

Tichu

Pero se este derbi ten algo de especial é que se verán as caras fronte a fronte Xaime (Viveiro) e Tichu (Ribadeo). Dous irmáns que son pezas clave nos seus equipos e que falaron con FUTBOLINLUGO.

FUTBOLINLUGO: Boas Xaime, Boas Tichu. ¿Como chegades ao partido do domingo?

XAIME: Moi boas. Eu creo que chegamos nun bon momento. Vistos os últimos partidos nos que competimos moito mellor estamos con máis confianza e isto refórzanos de cara a este partido.

TICHU: Ola. Antes destes dous últimos encontros estábamos nunha dinámica boa, pero no partido diante do Betanzos non competimos en ningún momento, faltou intensidade e ganas. Sen embargo, a derrota ante o Paiosaco reforzounos. Merecemos como mínimo un empate e se competimos así poucos partidos se nos van escapar, polo que chegamos con moitas ganas.

FIL: Qué agardades do derbi da Mariña? É un encontro especial pra vós?

XAI: É un encontro máis no que iremos a polos tres puntos, aínda que un pouco especial ao ser a primera vez que me enfronto a Tichu.

TIC: Vai ser o meu primeiro derbi. Estes partidos xóganse máis co corazón que coa cabeza e disputarase a tope desde o minuto un. A afección do Ribadeo vive con moita intensidade os partidos, e xa nos seguiron a campos aos que hai máis distancia polo que seguro que a Viviero incluso máis. Tamén me parece moi boa iniciativa por parte da directiva a de optar por viaxar en tren e ben seguro que irán bastantes afeccionados. Ademáis é a primeira vez que me enfronto a Xaime, logo de vivir uns anos de alegrías xunto a él. Seguro que imos ter sentimentos contrapostos pero desde que pite o árbitro cada un tentará que o seu equipo gañe.

FIL: Agardábades estar nesta situación clasificatoria a estas alturas de liga?

XAI: Eu creo que pensábamos estar da metade da táboa hacia arriba, pero hai que entender que a maioría somos xogadores novos na entidade. Requírese un tempo de adaptación e coñecer aos compañeiros. Pero a medida que a temporada vaia avanzando estou convencido que estaremos moito máis arriba.

TIC: Persoalmente contaba estar nesta situación ou incluso un pouco máis arriba, pero as ligas decídense nas segundas voltas. O ano que ascendín co Castro a primeira volta rematamos séptimos e ao final saímos campións. Vai haber dinámicas boas e malas para todos.

FUTBOLÍN LUGO: Cómo vos adaptastes ao novo equipo?

Xaime

XAIME: A verdade é que me adaptei bastante ben. Hai moi bo vestiario e iso axuda a que todo sexa máis fácil. É verdade que mentras non coñeces ben aos compañeiros non eres capaz de dar o mellor, pero pouco a pouco a base de adestrar e xogar voume adaptando moito máis ao que se me pide no campo e iso chega con tempo.

TICHU: A categoría xa a coñecía logo de estar no Castro e Vilalbés. En canto ao equipo non me esperaba a estas alturas estar tan feliz como estou. A nivel de clube trátannos moi ben e o grupo é impresionante.

FIL: Chuski debuta no banco do Viveiro en Cantarrana. ¿Agardades que teña efecto no derbi?

XAI: O cambio de míster sempre é un pouco fastidiado xa que afecta á rutina e cambia a dinámica que estaba levando o grupo, pero a verdade é que os resultados non estaban acompañando e o club optou por esta opción. Vese que o novo corpo técnico son uns bos adestradores e están transmitíndonos a súa idea de fútbol e o seu traballo nos días que levan con nós.

TIC: O novo técnico tentará cambiar a mala dinámica de resultados nas que estaba o Viveiro e influirá nos xogadores que contaban ata o de agora con menos minutos, que terán un extra de motivación pra gañarse un posto. Pasounos cando nos enfrontamos ó Betanzos que xusto cambiarán de adestrador e foron capaces de gañarnos logo de vir dunha mala racha.

FIL: Qué é o que máis vos preocupa do rival do domingo? Algún xogador en particular?

XAI: Puiden ver o Ribadeo varios partidos esta temporada. Xogan bastante directo e aproveitan moito o balón parado e nós sufrimos nestas situacións xa que estamos encaixando bastante en faltas laterales e córners, pero creo que vamos ser capaces de contrarrestar o seu xogo e son positivo. Non temos preocupación por ninguén en particular, hai que respetar a todos os que xoguen, cada un é capaz de dar o mellor de sí e se non tes alguén en conta ao mellor é o que che soluciona o partido.

TIC: Creo que Xaime e Arturo son os que teremos que ter máis vixiados, pero ao final nunha competición tan igualada calquer xogador pode decidir o partido.

FIL: Atrevédesvos cun resultado?

XAI: Calquera que sexa gañar váleme, como si é 1-0 no minuto 96.

TIC: Aposto por un partido con goles. Creo que será un 2-3 pero gañaremos, como si é de penalti no último minuto.

FIL: O outro derbi provincial deste fin de semana é o Outeiro de Rei-Castro. Como ex xogadores do Castro, cómo vedes este encontro?

XAI: Será un partido moi reñido e disputado. Quizás daría un pouco máis favorito ao Outeiro xa que coa derrota da última semana ocupa o último posto e quererá saír del. Ademáis levan dous derbis disputados con pleno de puntos e xogando na casa compiten moi ben. Pola súa parte o Castro ten as baixas de Omar e Iván González e pode que isto lle reste algunha posibilidade de sumar, pero aposto pola igualdade.

TIC: Nos derbis iguálanse as cousas e o posto na clasificación non inflúe tanto. Agardo un partido disputado e moi igualado. O Castro ten baixas importantes. Como son veciño de Outeiro ogallá saque algo positivo e poda saír dos postos baixos.

FIL: Moitas grazas aos dous. Un pracer.

XAI E TIC: Grazas a vós.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*