Un triunfo e unha derrota dos nosos representantes na Terceira. O Polvorín superou ao Alondras na Cheda, mentres que o Racing Vilalbés caeu na Madalena ante o Arousa. Na Preferente, a Sarriana superou no derbi provincial ao Viveiro, que perde a súa condición de invicto, e a Residencia gañoulle ao Sofán na Cheda. O Ribadeo caeu en Boiro cando o encontro xa esmorecía e o Foz deixou voar dous puntos do Martínez Otero cando tiña o triunfo no peto. O Lemos empatou na Pinguela ante o Sigüeiro.

O Racing Vilalbés colleitou a segunda derrota consecutiva diante do Arousa (0-1). Non foi a tarde agardada na Madalena. Ao conxunto chairego faltoulle gol, mal do que padece toda esta temporada. O colexiado tampouco axudou, ao non sinalar un claro penalti por man dun defensor visitante dentro da área. Un xogador diferencial na categoría, Pedro Beda, fixo o único tanto do encontro ao enganchar un disparo imparable para Javi Pita. A expulsión de Javi Varela na segunda metade condicionou aos de Simón Lamas, que o tentaron de tódalas maneiras. Sandá e Buyo tiveron ocasións para empatar.

Triunfo do Polvorín na Cheda ante o Alondras, que lle serve para abandoar os postos de descenso (3-1). Comezou ben o encontro para os lucenses. Antes do primeiro cuarte de hora, Rayco culminou unha gran xogada combinativa que comeza nas botas do gardameta Ángel. O propio Rayco e Álex Rey puideron ampliar diferencias. Nunha xogada aillada, Jonás cun tiro desde a frontal acadou o empate. O Polvorín seguía a ser o gran dominador do partido e contou con ata sete ocasións de gol claras. A segunda metade foi máis igualada, pero unha gran xogada individual de Chiki, que regateou a tres rivais na área, situou de novo por diante aos de José Durán. O Alondras lanzouse a polo empate, e o Polvorín aproveitou os espazos á contra. Manu Núñez, en xogada individual sentenciou.

A Sarriana venceu no derbi provincial ao Viveiro, que deixa escapar os primeiros puntos da temporada (2-1). Foi mellor o conxunto sarriao na primeira metade. Hugo Buíde adiantou ao cadro local nunha xogada na que o Viveiro reclamou falta a Manu Cedrón. Omar e Javi Fraga puideron ampliala diferencia no marcador antes de chegar ao descanso. O Viveiro deu un paso adiante e ameazou a portería rival, con dous lanzamentos aos paos. Na segunda metade chegou o empate mariñán obra de Tichu, froito do dominio dun Viveiro que mellorou logo da reanudación. A Sarriana non se conformou co empate. Dani Montes, cun certeiro remate de cabeza fixo o segundo tanto que lle deu os tres puntos á Sarriana.

O Ribadeo perde un encontro que tiña controlado no campo do Boiro (2-1). Bo encontro do Ribadeo sen premio final. Foron os de Rafa Casanova que gozaron das mellores ocasións do encontro. Martín Traba, antes dos dez minutos, desaproveitou unha pena máxima cometida sobre Aitor. O gardameta Berto detivo o seu lanzamento. Criss, sobrepasada a media hora de xogo, adiantou aos ribadenses logo dun bo pase de Brais. Co marcador favorable, o Boiro non gozou de ocasións claras de gol. Foi de novo Criss, quen puido poñer terrra de por medio, pero o porteiro detivo o seu lanzamento. Nunha xogada aillada, Juanma, que sería expulsado pouco despois, empatou o encontro. Co tempo cumprido, Xacobe á saída dun córner fixo o segundo para un Boiro que levou un premio excesivo. Adrián Vizoso puido empatar, pero o seu remate saíu lambendo o pao.

O Foz empata co Dubra cando os tres puntos xa estaban no peto (4-4). Partido cheo de goles e emoción no Martínez Otero. Dous goles de Miguel en doce minutos poñían en clara vantaxe aos de Gayol. Enseguida o Dubra lle puxo emoción ao encontro. O veterán Mariño superou a Manu Pardo desde o punto de penalti. Na segunda metade, os focenses saíron moi metidos no encontro, e gozaron de ocasións claras para amplialo marcador. Gonzalo e Dani Chao tiveron as máis salientables. Pero foi o Dubra o que marcou. Outra volta desde os once metros, Adrián Iglesias acadaba o empate. O Foz non se conformaba cun punto e Rivera, tras un erro do gardameta visitante, puxo de novo aos seus por diante. A falta dun minuto para o final Asier, que comezara o encontro desde o banco, cunha vaselina parecía sentencialo encontro. Pero o desconto foi fatídico. Suárez, en catro minutos deixa xeado o feudo focense.

A Residencia consigue un importante triunfo ante o Sofán para saír da zona baixa (1-0). Bo encontro do conxunto lucense, que comezou presionando ao seu rival. Non tardaron en chegar as ocasións. Veloso, aos cinco minutos obrigou a intervir ao gardameta visitante. Dominou o primeiro acto do partido o equipo de Álvaro Meilán, aínda que sen chegadas claras á área rival. Na segunda metade, o Sofán fíxose co balón e a Residencia agardou replegado. Nun córner botado por Dani Galán chegou o tanto local, ao conectar Juanín un bo testarazo que se cola pola escadra. Tentaron os de Carballo o empate, pero sen éxito.

Resísteselle a vitoria ao Lemos, que non puido pasar do empate na Pinguela ante o Sigüeiro (1-1). Cinco xornadas sen gañar para os monfortinos, que suman catro puntos na clasificación. Primeira metade sen moitas ocasións. A máis clara para o dianteiro local César, que obrigou a lucirse ao gardameta do Sigüeiro. A segunda parte comezou dun xeito parecido. Con César obrigando a intervir ao porteiro visitante. Non pasaba excesivos apuros o conxunto adestrado por Edu Rodríguez, pero un erro do porteiro Ramón facilitou o tanto dun Sigüeiro que non daba sensación de perigo. Reaccionou ben o Lemos, e poucos minutos máis tarde, Adri Díaz aproveitou un balón á espalda dos centrais de Denis e non man a man batiu a José.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*