Non foi, en xeral, unha xornada positiva para os nosos equipos. Na Terceira, o Polvorín empatou no campo do Arenteiro, mentres que o Racing Vilalbés caeu na Porta Santa ante o Paiosaco. Na Preferente, triunfos do Viveiro, que segue líder, ante o Xallas, e do Ribadeo diante do Boimorto. O resto de equipos non puideron puntuar. A Sarriana perdeu co Puebla, o Foz co Sofán, a Residencia co Arteixo e o Lemos en Mugardos.

O Racing Vilalbés non foi quen de puntuar diante dun bo Paiosaco (3-1). O cadro local, que acadou o primeiro triunfo da temporada, xa puxo en apretos a Javi Pita ao pouco de comezar o encontro, con varias xogadas de perigo. Nun lanzamento de falta, Edu anota o primeiro, pero a reacción chairega non se fixo agardar. Tan só cinco minutos despois Javi Varela acadou o empate. Na segunda metade, o Paiosaco saiu a por todas, e o ex racinguista Juan de Dora fixo o segundo tanto. Cando faltaba un cuarto de hora para o final, Otero aproveitou un balón longo que sorprendeu á zaga vilalbesa para sentencialo encontro. Segunda derrota da temporada para os de Simón Lamas que son quintos na clasificación, encabezando un amplo pelotón de equipos empatados a sete puntos.

Bo punto o acadado polo Polvorín no Carballiño diante do Arenteiro (0-0). Encontro moi igualado, sen grandes ocasións para ningún dos dous conxuntos. A máis clara para os lucenses, por medio de Matías á saída dun córner. O único perigo do conxunto ourensán naceu sempre nas bota do ex xogador albivermello Javi Rey. Os de José Durán remataron o encontro replegados, froito do fútbol directo do conxunto local, pero sen gozar estes de ocasións para marcar. O filal lucense racha así a xeira de dúas derrotas consecutivas.

O Viveiro gañoulle ao Xallas en Cantarrana e consolida o liderato (3-0). Cinco triunfos noutros tantos encontros. Inmellorable comezo de temporada do conxunto adestrado por Chusky, que nesta xornada se desfixo do Xallas con certa comodidade. Sen embargo, costoulle aos mariñáns derribalo muro dos de Santa Comba. Tivo que ser desde os once metros. Xaime transformou un penalti cometido sobre Gerardo, e a partir de ahí todo foi máis sinxelo. Antes, o Xallas avisou en dúas claras ocasións de Pablo Mato. Na segunda metade, Álex Pérez anotou á saída dun córner o seu primeiro tanto coa camisola celeste e Gerardo sentenciou tamén desde o punto de penalti.

A Sarriana cédelle ao Puebla a segunda praza logo de caer no seu feudo (2-1). Encontro intenso e sen ocasións claras de gol. O cadro local adiantouse no marcador logo dun protestado penalti que transformou Madiop. Co resultado adverso, os de Dani Fernández fixéronse co dominio do encontro e foron quen de empatar por medio de Mauro. Na segunda metade, moita igualdade e pouco acerto. A Sarriana tentouno por medio dun fútbol moi directo, pero non foi quen de acadar o gol. Os do Caramiñal, non fixeron merecementos para levarse os tres puntos, pero un tanto de Aless logo dunha gran xogada de Adrián Falcón deulle o triunfo a un Puebla que segue invicto.

O Ribadeo acadou o segundo triunfo consecutivo tras gañarlle ao Boimorto (3-2). Gran primeira metade do cadro mariñán. Nada máis comezar, Aitor logrou o primeiro tanto e antes do minuto vinte, Criss ampliou as diferencias logo dunha boa xogada persoal. A fraxilidade defensiva do Boimorto foi perfectamente aproveitada polos de Rafa Casanova, que puxeron terra de por medio moi preto do intermedio con outro tanto de Criss. Na segunda metade cambiaron as tornas. Os visitantes saíron moito máis metidos no partido e reduciron as diferencias cun bo testarazo de Lucas. O colexiado sinalou un moi dubidoso penalti de Mario e Luisito transformou a pena máxima. Co marcador axustado, o conxunto adestrado por Susú Cores cercou a área ribadense, pero sen excesivo perigo. Vizoso puido sentenciar desde o punto de penalti. Anotou en primeira instancia, pero o árbitro invalidou o lanzamento e Manu Cortés adiviñou a intención do ribadense ao segundo intento.

Derrota do Foz na súa visita ao campo do Sofán (3-0). Malia non realizar un bo encontro, non semellaba que os de Gayol saísen goleados do Carral. Logo dunha primeira metade sen ocasións claras de gol, o Sofán colleu o timón do partido tras a reanudación. O Foz resistía, pero dous penaltis remataron coas súas ilusións. Quintela e Eibe anotaron as dús penas máximas. A partir de ahí, os mariñáns foron ao ataque e o cadro local aproveitou os espazos para sentenciar xa moi preto do final. Primeira derrota da temporada para os focenses.

A Residencia non puido sumar na Ponte dos Brozos ante o Arteixo (2-0). Non estivo acertado o cadro lucense. O Arteixo, sen realizar un gran encontro sentenciou na primeira metade. Os de Álvaro Meilán, que non gañan desde a primeira xornada de liga, tentárono na segunda parte, pero sin éxito.

O Lemos apañou unha goleada en Mugardos e suma catro derrotas consecutivas (5-1). Non está a ser doada a volta dos monfortinos á Preferente. Cóstalles anotar e reciben con facilidade. É a tónica deste comezo ligueiro e repetiuse na Pedreira. Na primeira metade, o cadro local foi quen de anotar tres tantos, deixando sen opcións aos de Edu Rodríguez. Antes, Adrián Armesto ou César gozaron de ocasións claras de gol, pero non estiveron acertados. Sen embargo, o técnico do Lemos non se deu por vencido e remodelou ao equipo logo do paso por vestiarios. Pero o gol non chegou ata o minuto 81, obra de Varela. Nos últimos compases, o Mugardos, moi efectivo, sentenciou o encontro.

 

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*