Comezou a temporada, e fíxoo con tan só unha derrota para os nosos equipos. Foi a do Polvorín, que non puido puntuar no campo do Arousa. O Racing Vilalbés empatou sen goles ante o As Pontes, mentres que na Preferente, o Viveiro goleou ao Boimorto, Foz e Sarriana firmaron tablas no derbi provincial, ao igual que o Ribadeo en Sigüeiro. Os dous recén ascendidos non puideron arrancar mellor. A Residencia derrotou ao Xallas na Cheda e o Lemos dobregou ao Dubra a domicilio.

O Racing Vilalbés non foi quen pasar do empate ante o C.D. As Pontes (0-0), no que pola proximidade entre as dúas vilas case se pode considerar un derbi. No día da Xira na capital chairega, o conxunto visitante, que retornaba a Terceira, foi superior na primeira media hora de xogo. A conexión entre Fidi e Carlos López creáballe problema á zaga local e un tiro do dianteiro obrigou a intervir con acerto a Javi Pita. Xa no último tramo da primeira metade, os de Simón Lamas foron máis intensos e sacudíronse do dominio pontés. Incluso puideron marchar aos vestiarios por diante, pero Make estrelou o balón no longueiro. Na reanudación, o Racing foi lixeiramente superior e chegou con claridade á área rival, pero sen crear demasiadas ocasións de gol. O dianteiro Cuadrado, que debutaba coa camiseta racinguista tivo que abandonalo terreo de xogo lesionado antes do descanso.

Non puido sumar o Polvorín na súa visita ao Arousa nun encontro igualado(1-0). Boa posta en escea do filial do C.D. Lugo, que levou o peso do partido ante un rival replegado que aproveitou os erros para saír á contra. Logo dunha pérdida de balón en campo propio, Pedro Beda aproveitou un bo centro para facelo único tanto do partido. Morais tivo a mellor ocasión dos lucenses para acadalo gol, pero o seu remate desde dentro da área sacouna Manu Táboas co pé. Na segunda o Arousa replegouse e non asumiu erros. Malia xogar cun home máis os derradeiros minutos, os de José Durán non foron quen de xerar ocasións claras de gol.

O Viveiro goleou ao Boimorto en Cantarrana (5-0). Comezaron forte os de Chusky, marcando territorio e deixando claro que son, xa de entrada, claros favoritos ao ascenso. Non tardou en adiantarse por medio de Gerardo, logo dun córner botado por Xaime. Antes da media hora, Tichu remata unha boa xogada de Agus e ao pouco da reanudación, Gerardo fai o doblete, deixando claro que será diferencial na Preferente. Xa co encontro sentenciado, Marino que viña de entrar no terreo de xogo anotou o cuarto e xa co tempo cumprido, Iván cun disparo desde dentro da área culmina a goleada.

O Foz e a Sarriana empataron no derbi provincial do Martínez Otero (1-1). Encontro marcado pola expulsión de Iban Gayol por dobre cartón amarelo no minuto 35. Ata ese momento o Foz foi superior e púxose por diante á beira do cuarto de hora cun tanto de Gonzalo. En superiodade, a Sarriana foi a polo partido e logrou a igualada cun soberbio tanto de Javicho. O disparo do de Portomarín colouse pola escadra de Bruzos. Na derradeira media hora, tentárono os de Dani Fernández, pero non foron quen de materializar as ocasións creadas.

O Ribadeo empatou sen goles no campo do Sigüeiro, que xogou o seu primeiro encontro en Preferente (0-0). O cadro local comezou mellor, e achegouse á portería de Hugo en varias ocasións. A máis clara tívoa o incombustible Juanito, pero o gardameta focense respostou con éxito. A partir da media hora de xogo, os de Rafa Casanova sacudíronse o dominio do Sigüeiro e puideron marcar por medio de Criss, tras un bo servizo de Erni. O disparo do dianteiro saiu lixeiramente desviado. Na segunda metade a única ocasión clara tívoa Diego Hermida, a falta de dez minutos para o final. O seu tiro desde a frontal bateu no pao.

A Residencia logrou tres importantes puntos ante un rival directo como o Xallas (2-0). Bo encontro dos lucenses, no encontro do seu retorno a Preferente. Incluso o marcador puido ser máis abultado, xa que, Veloso gozou de dúas claras ocasións na primeira metade, pero foron solventadas polo gardameta Julián. Tan só Pablo Mato inquietou a portería defendida por Diego Bravos, sen éxito. Os goles chegaron na segunda metade. Dani Galán saca unha falta lateral e no segundo pao, Juanín cabecea ao fondo das mallas. A sentencia non chegou ata os últimos minutos. Iago aproveitou un erro defensivo do Xallas, e en xogada individual sentenciou o encontro.

Triunfo de prestixio do Lemos no campo do Dubra (0-1). Retornou o novo Lemos a Preferente, e o comezo non puido ser mellor. Desprazamento complicado e tres puntos. Encontro con moitas ocasións de gol, que rematou con ta só un. Os de Edu Rodríguez tiveron ata cinco ocasións claras na primeira metade, pero non foron quen de aproveitalas. Soamente Adrián Armesto, á media hora de xogo atinou coa portería e fixo o tanto do triunfo. Na segunda metade, o gardameta local Iván Baña salvou aos seus con dúas intervencións de mérito nun arranque fulgurante dos monfortinos.  O Dubra xogou máis directo e xerou ocasións, pero atopouse con Ramón, que desbaratou todo canto balón lle chegou. Nos últimos intres, o Dubra errou un penalti.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*