Volven os luns que doen menos. E non porque sexa festivo. Senón porque xa se comeza a semana pensando na finde. E que a finde, se non hai cousa de novo, volve a competición oficial a provincia. Cunha gran nube de incerteza e un sol de ilusión. Aínda que xa sabemos que é tempo de outono. Estación na que ao sol e as nubes non lles queda outra ca convivir. Como vai ter que convivir o fútbol e a pandemia. Comeza a tempada 20/21 na Terceira Galega. Alí segue o Racing Vilalbés. O cadro chairego inicia a súa 12ª temporada consecutiva na categoría. Asentado na división e cunhas bases claras ás que lles dá continuidade un home da casa. Simón Lamas (09-01-1992, Vilalba) quere completar, por fin, unha campaña co seu Racing. Fíxose cargo do equipo hai algo menos de dous anos xa co curso comezado. E a pandemia privoulle de rematalo pasado. Algunha que outra cara nova pola Madalena, moitas probas na pretemporada e un estilo irrenunciable. O primeiro exame será no Viso ante o Arzúa. Antes de que rode o balón, analizámolo con Simón.
FUTBOLINLUGO: Levas dúas temporadas no Vilalbés e as dúas incompletas. A terceira comeza tamén fóra de tempo e con varios cambios neste fútbol en tempos de pandemia. Que sensacións tes?
SIMÓN LAMAS: Estamos tratando de adaptarnos ao fútbol nestas circunstancias. Cun novo formato de competición incluído. Estamos moi contentos co equipo, pero ao mesmo tempo temos dúbidas. É todo novo: competición, forma de adestrar e xeito de competir. Iso si, cremos que o club fixo ben as cousas no mercado. Reforzouse onde se debía de reforzar. O equipo acusou a falta de pegada nestas útlimas tempadas.
Creo que imos mellorar moito coa chegada de Santi Gegunde e de Dani Pedrosa. Son xogadores con moita experiencia na categoría ou en divisións superiores. Aí damos un salto de calidade. A chegda de Bruno Caballero permítenos ocupar o oco deixado por Josito nunha posición importante. E Marino e Aitor véñennos aportar dentro do noso modelo co seu desborde e a súa profundidade. Penso que o equipo moveuse moi ben. Non só no sentido futbolísto; tamén no persoal. Os xogadores que viñeron vanse adaptar moi ben ao grupo. Para nós é fundamental.


Fil: Tanto inflúe o aspecto persoal á hora de fichar?
SL: Para nós é o principal. Despois preguntamos se futbolisticamente nos van aportar. Os capitáns López, Make, Muiña e Vérez son xente da casa que teñen unha forma de adestrar e competir á que se deben adaptar todos os xogadores que veñen. É a forma que temos aquí con este grupo de interpretar o fútbol. A min sérveme moito máis un xogador que vén a sumar. Aínda que ao mellor teña menos experiencia. Sérveme máis ca un de máis idade ou de máis peso por traxectoria que non vén con esa ambición. Unha, polo perfil de equipo que somos. E dúas, polas circunstancias que ten Vilalba.
Temos o caso de Dani Pedrosa. Vén de facer unha temporada non moi boa na UD Ourense cando viña de Segunda B. El sábeo. Ou Santi Gegunde. Vén do Lealtad onde apenas foi titular (lesión polo medio). Pero son xogadores que veñen con esa ambición e esas ganas de reivindicarse. No aspecto persoal adáptanse moi ben ao traballo e, nese sentido, non van fallar.

Fil: Hai mellor equipo ca o ano pasado?
SL: Iso hai que demostralo. Nós estamos moi contentos. Do que tiñamos ao que temos, creo que podemos dar un paso adiante. Sobre todo, a nivel de experiencia. Si que tiñamos a xogadores como Diego Rey. Pola contra, outros como Sito ou Moreda si que poden ser xogadores con menos bagaxe. Iso penso que o melloramos con Santi, Marino ou Pedrosa. A partir de aí, no fútbol hai que demostralo no verde.
«Os adestradores debemos ser valentes e as familias e os xogadores, pacientes»

Fil: Mencionas a Moreda, entendes que dende fóra sorprenda a súa saída?
SL: Si…Teño que dicir que foi moi honesto. Debo agradecerllo. Avisounos antes da pretemporada e tivemos marxe para adaptarnos. No momento no que nós incorporamos a Santi Gegunde; cre que non vai ter tantas oportunidades como pensa que debe de ter. Tamén me sorprende a min porque precisamente non comezou aínda a temporada. É un rapaz que leva aquí oito anos. O curso pasado, xusto antes do parón, estaba xogando con máis frecuencia, facendo goles,…

Pero cando un non está ao 100% convencido de estar nun sitio, sempre é mellor cambiar de aires. Eu e, creo que, a maioría da xente no fútbol temos unha máxima: ninguén está por riba do grupo. E o que non se crea en condicións de sumar, non debe estar. Por outra banda, el quixo saír cedido e seguir ligado ao club. Para nós tamén é perfecto. Porque é un rapaz que consideramos da casa. Ogallá faga unha boa temporada no Viveiro e meta gol sempre, agás en dous partidos.
Fil: Xogadores como Anxo ou David forman parte do primeiro equipo a todos os efectos. A aposta pola canteira é por necesidade ou por convicción?
SL: Polas dúas cousas. Necesidade porque hai que evidenciar que un xogador da casa a nivel económico é mais rendible. Pero o máis importante é a convicición. Son xogadores que transmiten no día a día que queren estar aquí. Nos primeiros anos dan unha calidade de adestramento brutal. E adáptanse moi ben ao modelo de xogo. Acurtamos moito o proceso. No traballo de base xa teñen esa esencia que temos en Vilalba. E tamén cremos que a nivel social o club ten que ter esa referencia de cara ao concello, arredores e a toda a Terra Chá. Os xogadores desta zona teñen que xogar no Racing. Algo que debe ser vital para sostelo club e enganchar a xente. Entendo tamén que a categoría é o suficientemente complicada para que non todos teñan esa posibilidade. Moitas veces isto a nivel social non se entende. E moitas veces a paciencia non se ten.
Fil: Quizais se bota en falta un filial…
SL: Creo que é un paso necesario. Así os xogadores que saísen de xuvenís poderían ter minutos se non os teñen no primeiro equipo. Pero sería complicado porque os rapaces marchan estudar fóra da contorna. Sería difícil manter a calidade de adestramentos nese caso. Temos que facelo salto sen ese paso previo. Vemos xogadores do Xuvenil de División de Honra do Dépor que teñen dificultade para chegar a Preferente, por exemplo. E son dos mellores de Galicia. Hai que ser conscientes da dificultade. Os adestrdores temos moito que ver. Debemos ser valentes en certos momentos e apostar por eles. Pero tamén as familias e os propios xogadores deben ter paciencia e saber que están nunha categoría moi esixente.
Fil: Sería unha opción realizar un convenio con algún club da comarca?
SL: Cada club ten a súa forma de ver o fútbol, a súa idosincrasia… É dificil. O que estamos intentando nos últimos anos é buscar algún tipo de cesión. Creo que cada vez hai máis diferenzas entre a Terceira e as categorías que veñen detrás. O ideal sería que os xogadores puideran adestrar na dinámica dun equipo de Terceira aínda que despois xogaran no outro. Non é facil. Os rapaces de agora pretenden ter todo no momento. Gañarse todo sen esforzo é moi díficil. Temos aí os exemplos de Villares ou de Vérez. Con tranquilidade, esforzo e traballo diario pódese conseguir.
Fil: Falas de que os xogadores da zona deben xogar no Racing, pero hai varios futbolistas que pasaron pola base do Vilalbés que están en Terceira, pero noutros clubs. Como se explica iso?
SL: No seu momento decidiron apartarse polos motivos que sexan. Temos, por exemplo, o caso de Dani Montes que está no Viveiro e de Vérez que está no Vilalbés. O ano que soben ao primeiro equipo Dani Montes (pola lesión de López) xoga moitísimo máis ca Vérez. A tempada do play off ademais. Dani decide marchar antas de finalizar o curso e non sumarse. E Vérez aguantou. Ao ano seguinte a metade de temporada, Vérez comeza a xogar e aséntase no equipo.
E hai máis casos, claro! Creo que moitas veces é a educación deportiva que teñen os xogadores. Ademais da contorna e da tranquilidade. O centrarse máis no traballo diario ca no querer ser xa importantes. A madurez dos xogadores ao saír de xuvenís non é a mesma ca que podan ter con 30 anos. Temos que transmitirlles que o vexan da mesma maneira que o vemos nós.
«Creo que hai xente en postos determinados que deben tomar a responsabilidade»
Fil: A pandemia xera moita incerteza en todo. Cres que a Terceira debe comezar?
SL: Debe comezar sempre é cando se dean as circunstancias. Non son a persoa axeitada para dicilo. Agora mesmo ten que prevalecer a saúde por riba de todo. Si que me gustaría que puidera comezar. Ninguén quere ser responsable. Iso é un problema. Creo que hai xente en postos determinados que deben tomar esa responsailidade porque para iso aceptan ese posto. Pero os clubs estamos a menos dunha semana sen saber como van ser moitas circunstancias. É un problema grande, sobre todo, porque os xogadores teñen outras dedicacións.
Fil: Ante posibles suspensións de partidos, podería o Racing xogar entre semana?
SL: Teriamos problemas. Temos varios xogadores que traballan ata media tarde ou, incluso, ata última hora da tarde. Adestramos as oito e media e algún xogador chega xusto. Hai rapaces que estudan e teñen horarios de tarde. Permítelles vir adestrar pero irían moi xustos para poder competir un día entre semana. Partiriamos en desvantaxe contra outros equipos como o Fabril ou o Polvorín. Son estruturas profesionais que si teñen ese privilexio. Pero se nos temos que adaptar, non sería excusa para non facelo. Esa desvantaxe témola, como a maior parte dos equipos.
«O dos oito descensos é unha auténtica barbaridade»
Fil: Gústache o novo formato de competición?
SL: Temos menos marxe para sacarlle ao equipo o rendemento que queremos. Agora non hai tempo. Para o adestrador é moito peor. Para o afeccionado neutral vai ser moi entretido. Cada partido é importantísimo para a puntuación final. Os equipos precisan empezar sumando. Sobre todo para as dinámicas. Son un aspecto fundamental no fútbol. Poder xogar co estrés dun equipo. Os da zona baixa soen rendir peor ca os da zona alta. O comezo vai ser clave. A puntuación ten continuidade na segunda fase. Pero o dos oito descensos é unha auténtica barbaridade.
Fil: Había outro xeito de facelo?
SL: Máis escalonado. Entendo que é un problema cando permites ascensos e non descensos. Entendo tamén que haberá que recuperar o número habitual, pero de forma escalonada. Paréceme que o traballo dos adestradores e dos xogadores perde valor. Máis nunha categoría que nos últimos anos está sendo moi igualada. Por exemplo, nesta situación o ano pasado equipos como o Bergan estarían en descenso. É un tercio dos equipos da categoría os que van descender. Intentaría escalonalo no tempo.
Fil: Ten o Racing capacidade para evitar caer no grupo que loite pola salvación?
SL: Por xogadores e pola historia do club en Terceira, si. Manter o grupo é fundamental nesta competición tan curta. Non partimos de cero. Creo que temos a capacidade pero témolo que demostrar. Iso é o mellor e o peor que ten o fútbol.
«A nova norma cambia o fútbol»

Fil: Introdúcense novas regras como a posibilidade de realizar cinco trocos por partido. Que relevancia cres que pode ter?
SL: Haberá que vela co tempo para valorala. Pero, de primeiras, chámame moito a atención. Estamos traballando moito sobre esa norma. Penso que a nivel físico non é necesaria nesta categoría na que xogamos de domingo a domingo. Pero abre un abano moi importante. Vai haber varios partidos dentro do partido. Podemos ver un equipo que no inicio parta cunha idea e que, polo resultado, poda meter tres, catro ou cinco xogadores e cambiar o modelo dentro do propio equipo.
Cada conxunto terá plan A, plan B ou plan C e, en función das circunstancias de cada encontro, poderá desenvolver un ou outro. A nivel táctico vai ser moi interesante de cara o afeccionado que busque esa riqueza táctica dentro do xogo. A norma cambia o fútbol. Estamos falando de cambiar metade do equipo.
Fil: Vai influír moito no voso xogo? Como queres que xogue o Racing?
SL: Que xogue para ganar (risas). Somos un equipo que ten unha maneira de interpretar o fútbol de moito ritmo, de moitas transicións e de ser un equipo organizado. Coa norma dos cinco cambios estamos traballando tamén para ser un equipo que poda levar a iniciativa. Que amplíe un pouco o seu modelo para tratar de ser dominante tamén no ataque posicional cando teña que levar a iniciativa do xogo.
A circunstancia máis especial da categoría son os distintos escenarios que pode haber cada fin de semana. Nós temos a sorte de contar seguramente co mellor campo da categoría. En canto a dimensións e a céspede. Iso fai que aquí se poda xogar a un ritmo determinado. Pero o campo do Silva, o do Paiosaco, o do Viveiro que é de herba natural pero cun céspede e cunhas medidas distintas,… fan que cada partido sexa distinto. Temos o Arzúa na primeira xornada que é un campo de herba artificial grande. Cada situación permite que ese equipo se adapte ao seu terreo de xogo. E cada partido a nivel táctico vai ser distinto. Queremos que o equipo se adapte e que poda competir de ti a ti a calquera rival. Todos os xogadores poden ser importantes. Temos que facerlles ver que dentro do equipo teñen un rol e que, en función do escenario e do rival, poden ser importantes.
Fil: A próxima reestruturación da Segunda B tamén lle vai afectar á Terceira, como a ves?
SL: Creo que todo o que sexa profesionalizar o fútbol e mellorar a situación da xente que nos dedicamos a isto nestas categorías é bo. Pero o fútbol rexional ten un sentimento e unhas circunstancias que o fan moi atractivo e non deberan perderse. Por exemplo, está o caso do programa ‘En Xogo’ da TVG. Un espazo súper seguido porque a xente lle gusta seguir o que acontece no fútbol da súa comunidade. Hai rivalidade e hai unha serie de circunstancias que non entenden de negocio. Debemos tentar profesionalizar todas as categorías que sexan porque iso é bo para os deportistas, os corpos técnicos e os clubs, pero sen deixar de que o fútbol rexional perda esa esencia.