O fútbol lucense estábao agardando e xa está aquí. A Segunda Galicia bota a andar a segunda fin de semana de setembro (9 e 10) e os equipos xa teñen a súa disposición a folla de ruta a seguir durante a fase regular do campionato. Os dous primeiros de cada grupo lograrán o ascenso á Primeira Galicia.
No grupo norte a primeira xornada xa chega cun derbi, o duelo xermadino que disputarán o Roupar e o Cabreiros. Repetirase, deste xeito, a final da Copa Xermade que hai uns días xogaron os mesmos equipos con vitoria para o Cabreiros por 2-3. Neste primeiro día tamén haberá un enfrontamento entre dous equipos recén ascendidos, o Matela, que subiu na fase de ascenso ao eliminar o Goiriz e o Ourol, que conseguiu o ascenso pola vía rápida. Ademais o Alfoz – Lourenzá ou o Abadín – Cospeito tamén son choques destacados pola proximidade.

Na xornada 8 (última fin de semana de outubro) xogarase outro partido de proximidade, o Pol – Meira. Outra cita interesante chega na xornada 12 (última fin de semana de novembro) coa disputa do Ourol – Folgueiro. Na mesma xornada xogarase o Burela – Candelaria. E para o que, quizais, sexa o partido máis especial do grupo, teremos que agardar a última xornada. O Lourenzá – Mondoñedo xogarase a primeira fin de semana do ano, e a volta o 28 de abril coincidindo co remate da competición.
Descarga o calendario completo do grupo norte no seguinte enlace: calendario_segunda_autonomica_norte


No grupo sur a primeira cita tamén trae tres derbis de altura. Non hai que agardar nada para vivir o duelo chantadino porque o Chantada Atlético – Chantada B abrirá a liga. No concello que lle da nome a capital da provincia enfrontaranse o Santa Comba e a Milagrosa. E na comarca da Ulloa, o Antas recibe ao Palas. Pola súa banda, o Brollón, que estivo na pelexa por subir de categoría a anterior campaña, abre o campionato ante o Sporting Lucense.

Na segunda xornada volverá haber outro derbi na capital, o Milagrosa – Sporting Lucense. Tamén se enfrontarán dous dos equipos recén ascendidos, o Castroverde e o Portomarín. Na xornada 11 (a fin de semana do 19 de novembro) enfrontaranse o Sporting Lucense e o San Lázaro. Na seguinte (coincidindo coa última de novembro) chega outro derbi na Ulloa, o Palas co Monterroso B. Na primeira cita de decembro o Santa Comba citarase co San Lázaro e na seguinte a Milagrosa faráo co San Lázaro tamén. Nese mesmo día, o 16 de decembro haberá tamén derbi entre o Antas e o Monterroso B. Para a última quedan o Santa Comba – Sporting Lucense e o Palas – Brollón, os dous conxuntos que estiveron máis preto de coller a segunda praza de ascenso o curso pasado.
Descarga o calendario completo da Segunda Galicia sur no seguinte enlace: calendario_segunda_autonomica_sur
