Foto de portada: Carlos Castro
A oitava xornada da Terceira deixou ao Viveiro como vencedor do derbi. O Polvorín reivindicouse no duelo de filiais. Os #LucensesNaTerceiraGalega seguen contando con protagonismo e algún mellora as súas prestacións.
Os triunfadores:
O porteiro Ramón foi titular na portería do Fisterra por segunda semana consecutiva. Conseguiu o seu primeiro encontro imbatido. O seu equipo superou o As Pontes por 2-0. Jaime Sánchez volveu apostar polo gardameta soberino logo de ser titular nas dúas primeiras xornadas, regresou ao once a semana anterior ante o Racing Villalbés. En total son catro partidos os que xogou nesta liga. Súmanse aos cinco de experiencia cos que contaba antes na categoría.
Chegou o primeiro partido sumando de tres para o Silva nesta campaña. Con Xusto xogando todo o choque, os pupilos preparados por Javi Bardanca saíron vitoriosos da súa visita á Porta Santa ante o Paiosaco.
Iago López segue de baixa, mentres o Bergantiños continúa medrando na clasificación. Sumou a quinta vitoria do curso ante o Estudiantil Vista Alegre.
No grupo B o Arousa segue sumando dende o máis alto. Derrotou ao Rápido de Bouzas o que lle supón o terceiro triunfo seguido e a sexta vitoria da tempada. O adestrador Rafa Saéz segue apostando polo lucense Martín López Ross. Volveu xogar todo o encontro co número 15 ás costas.
Víctor Eimil volveu ser da partida do Arenteiro por segunda xornada consecutiva. O cadro do Carballiño tivo que repoñerse a dous goles en contra do Barco e acabou levando o partido por 4-2. Eimil xogou todos os minutos.
O partido con máis lucenses:
Ata vinte e seis protagonistas da provincia estiveron sobre o terreo de xogo de Cantarrana. O Viveiro derrotou ao Racing Villalbés. E tamén o superou en representación provincial. No cadro celeste foron doce os xogadores lucenses que participaron no derbi. Un máis ca no conxunto chairego. Ademais o derbi tamén contou con arbitraxe autóctona. Iván Abel Bruzos dirixiu o choque asistido por Adrián López e Álvaro Valín.
Catro xogadores da provincia participaron no triunfo do Polvorín en Abegondo. O gardamallas Julen, Martín, Dani Vidal e o capitán Marcos González veñen sendo habituais nos onces de Álex Ortiz. No conxunto fabrilista o capitán Diego Villares xogou todos os minutos.
Empates que suman:
O Arzúa estivo a piques de dala sorpresa no Manuel Candocia. E con dous lucenses no once titular. Volveu logo dun partido fóra, Álex Vázquez e continou Pedro Delgado. Aínda que o xogador chantadino non rematou o encontro porque foi expulsado nos últimos intres. Pouco despois de que o conxunto local igualara o partido (2-2). Nese momento tamén foi cando entrou o viveirense do Somozas. Aldán Naval tivo de novo a oportunidade de xogar uns minutos. Entrou no minuto 82 substituíndo a Dani Bellas.
O Choco volveu sumar outro empate. O terceiro do curso foi ante o Alondras. Alberto Suárez xogou durante todo o partido.
Representación do derbi ourensán:
O duelo entre o Ourense CF e a UD Ourense é un dos puntos atractivos da Terceira Galega. Desta volta foi o conxunto orixinario do barrio da Ponte o que actuou como local no Couto. O encontro estivo dirixido por un trío lucense. Con David Pereira Ferreiro aos mandos e coa axuda de Alberto Blanco e Adrián Fernández.