Como non podía ser doutro xeito, débome a escribir algo do meu amigo Xose, e máis ca nunca, despois do ocorrido. É duro ter que despedir a un amigo íntimo, e sobre todo a alguén que nos daba tanto a cambio de tan pouco ou nada.

Non pode ser doutro xeito, porque o fútbol vinculounos desde moi nenos. O fútbol máis maravilloso que pode existir, o fútbol do patio do colexio, da praza do convento de Meira, o fútbol do pavillón e do instituto, e o de todos e cada un dos nenos que nos fixo e fai disfrutar e ilusionar desde que comezamos a deixar e gatexar e tropezar.

Cadetes da SD Meira. Xose, cuarto pola dereita na fila inferior

Lembro aqueles “partidiños de rúa” que xogabamos ao pé da nosa preciosa igrexa de Meira. Aqueles nos que calquera se podía sentir importante. Aquel partido no que metías un gol e che sentaba mellor que o mesmísmo Balón de Ouro a Leo Messi ou Cristiano Ronaldo. Creo que Xose sempre viu no fútbol una diversión máis na que compartir un bo rato cos seus amigos. Aínda recordo a envexa que me entrou cando chegou co seu pai Daniel de Lugo cunhas zapatillas Lotto verdes recén mercadas na tenda de Bispo Aguirre. Tardei unha semana en copiarllas!!

Lembro o sorriso de Xose cando che metía un cano, creo que o facía moito máis feliz que a calquera de nós marcar un gol.

Adentrándome na súa habitación, chea de recordos, atopeime cun premio persoal á regularidade na temporada 2000-2001 na SD Meira, na categoría cadete, feito que non foi unha casualidade. Xose era un xogador de facer equipo, de facer grupo e demostrar sempre o mellor del e o compromiso co equipo no que participaba, acudindo sempre aos adestramentos, feito polo cal o seu adestrador nesa temporada, José A. Fernández Pérez, o premiou.

Ficha resumo da temporada 2000-2001 no cadete da SD Meira

Xuvenís da SD Meira. Xose o primeiro pola dereita na fila inferior

Na categoría afeccionado pasou polo Meira FC na Segunda Rexional, pra rematar na UD Pastoricense, coa que acadaría un ascenso á Primeira Autonómica,  categoría na que aínda milita hoxe en día. Laméntome que o fútbol non nos deixara disfrutar dunha relación adestrador-xogador, xa que sería especial.

Xose, co Meira FC. Agachado, o primeiro pola dereita

Xose, con camisola verde, celebrando o ascenso da UD Pastoricense a Primeira

Xose deixou un recordo moi especial pra todos nós, e todos lembraremos aquel sorriso na Lomba, no convento, no colexio ou no pavillón, no campo de Bretoña, no Acebreiro e alí onde estivo preto dun balón de fútbol.

Gracísimas amigo XDF. Xamáis te esqueceremos

Víctor López Hernández, “Vitín” é o actual adestrador da UD Pastoricense. Amigo persoal de Xose da Flor.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*