Ola a todos e todas. En primeiro lugar quería agradecervos por darme a oportunidade de expresar os meus pensamentos.
O fútbol para min é moito máis que un deporte onde se xoga cun balón once contra once. O fútbol trátase de desfrutar de cada momento, de entender que ás veces se gaña e outras se aprende, de dar sempre o mellor dun mesmo, de levantarse despois de cada golpe, de aprender dos que teñen máis experiencia e axudar aos que teñen menos.
É maxia pois no momento en que a pelotiña comeza a rodar non existen máis problemas que as regras do xogo, entrando nunha burbulla indestrutible que só se rompe cando remata o adestramento ou o partido.
O fútbol ensínache a superarte día a día, a volverte tolo, a descubrir que existen dores máis fortes que as físicas. A ser compañeiro e respectar aos rivais, a sacrificarte e a comprometerte con todos aqueles que rodean este deporte.


É o culpable de boa parte dos meus recordos pois é o deporte que practico dende sempre… Recordos en forma de goles, partidos, vestiarios, entrenamentos, compañeiros, rivais, celebracións, viaxes … pero o mellor de todo é que case todos son bos.
Para min, é sinónimo de paixón e si; pode que sexa un enfermo do fútbol pois quizais polas miñas veas roden más balonciños que glóbulos brancos.

Non quería rematar sen facer unha mención especial a todos aqueles pais e nais que empezan neste mundiño seguramente descoñecido para eles sen suxerirlles que deixen desfrutar aos seus fillos e fillas para que vaian a xogar ao fútbol non para ser futbolistas profesionais. Se non para desconectar, estar cos seus amigos, ilusionarse e aprender valores que lles serán moi útiles no día de mañá.
Pois eu 27 anos despois sigo aprendendo e desfrutando deste maravilloso deporte como un neno que acaba de comezar. Aínda que xa empezo a escoitar dende a bancada da afección dalgún deses míticos afeccionados de boina, paraugas e puro en boca entre sorrisos e bromas algún “Pero Omar aínda segues xogando?” E eu inmediatamente penso que mentres teña ilusión e as lesións mo permitan, máis arriba ou máis abaixo, seguirei unido a este deporte.
Unha aperta.
Omar Rodríguez Ferreiro. Sinónimo de gol. Puro fútbol.