Como todos sabemos existen moitas diferenzas entre o ‘noso’ fútbol e o mundo do fútbol profesional. Nos tempos que corren cada vez son máis evidentes e acrecentadas debido a gran profesionalización do fútbol e do deporte en xeral. Onde desde moi cativo, adéstrante para mellorar e conseguir chegar a cumprir ese soño casi inalcanzable de ‘vivir do fútbol’.
A pesar destas diferenzas, tamén hai algunha semellanza, que quizais poden pasar desapercibidas. Pero que á hora de conseguir os obxectivos de cada clube son fundamentais. É igual se o obxectivo é gañar títulos, conseguir un ascenso, evitar o descenso ou simplemente desfrutar practicando o deporte que máis che gusta en compaña dos teus amigos ou compañeiros. Esta semellanza chámase vestiario.
O vestiario é ese lugar onde a maioría de nós pasamos moito frío desde novembro ata abril ou maio. Con sorte tes catro duchas que botan auga quente, unha percha para deixar a roupa e un banco para cambiarte. Pero tamén é un lugar de aprendizaxe, onde convives con xente veterana que, ademais de corrixirte e facer que mellores, tamén che dan leccións de vida (que importantes son nos equipos!). É un lugar onde aprendes a facerte forte fronte ás ‘adversidades’. Un lugar de desconexión, un lugar para desfrutar. E, en definitiva, é o lugar onde coñeces a compañeiros incribles, xogadores que admiras, pero sobre todo persoas que, sen dúbida, son o maior trofeo que recibiremos cando decidamos deixalo. Persoas que podemos chamar amigos e que coñecemos grazas a ‘perder o tempo’ xogando ao fútbol. Bendita perda de tempo!


Martín Longarela ‘Chiqui’. Romántico do fútbol e xogador da Residencia