Cinco equipos aínda teñen opcións de subir á Segunda Rexional a falta de dúas xornadas para que remate a fase polo ascenso. Nestes momentos, Cervo e Sober acompañarían o Corgo, Incio e o Goiriz que conseguiu o ascenso a pasada fin de semana. No Trofeo Delegación Lugo, o Guntín mantén o primeiro posto seguido moi de preto polo Paradela. No grupo norte, chegou a primeira derrota do líder Muimenta.
⚽⬆️ O @cdgoiriz venceu no campo do #ADCatroRoldas (0-4) e é novo equipo da Segunda Rexional. Noraboa 👏 pic.twitter.com/7M2aOtKX79
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) April 8, 2018
O Goiriz converteuse no terceiro ascenso da temporada á Segunda Autonómica. O conxunto adestrado por Cora fixo os seus deberes e venceu con claridade no derbi ante o Catro Roldas. O club do Ventiño terá a oportunidade de colocarse primeiro no duelo directo da vinderia fin de semana ante o Corgo que cedeu a segunda derrota desta fase ao caer na casa ante o Cervo. Nilson foi dos xogadores máis destacados nun Cervo que aínda non perdeu fóra da casa nesta segunda fase. Opcións de ser campión tamén ten o Incio que empatou ante o Sober no día da celebración do primeiro ascenso da súa historia. O equipo adestrado por Raúl Leizán chegou a gañar 2-0, pero o Sober conseguiu igualar o 3-3 final nunha cita que contou coa presenza dun delegado federativo para comprobar que non houbese amaño. Cervo e Sober ocupan a 3ª e 4ª praza cun punto de marxe sobre a Comercial que perdeu na súa visita á Fonsagrada. O equipo local conseguiu a vitoria a pesares de presentarse con once xogadores e xogar cun menos media hora. Deste xeito, sumou a súa segunda vitoria da fase polo ascenso e ten opcións, aínda que moi remotas, de subir de categoría.
No Trofeo Delegación Lugo, o Muimenta, que xa tiña certificado o seu primeiro posto, perdeu a súa condición de invicto ao caer por goleada ante o Celta Barreiros. O equipo da Mariña notou o regreso de Rafa e Iñaki quen marcou un tanto co calcañar, xunto con Roberto que anotou tres goles. A outra vitoria da xornada estivo en Paraños onde o Celeiro venceu a un Rioaveso ao que non lle serviu de moito batir tres veces a portería contaria. Silva fixo tres goles para o Celeiro, un deles tamén co calcañar nun gran partido tamén de Ángel. A nota negativa estivo na lesión de Marco Piñeiro que tivo que recibir dez puntos de sutura nun dos seus xeonllos. O Rábade e o Cazás empataron sen goles nun partido xogado en Cospeito. Cristian e Botana foron os mellores polo equipo que actuaba de local e Fernando, Cao e Juan os máis sobranceiros polos visitantes. O filial do Friol descansou nesta xornada sabendo xa que a vindeira temporada o primeiro equipo xogará na Primeira Galicia.
No grupo sur, o Guntín segue na primeira posición ao non dar opcións no seu choque ante o FC Becerreá onde Bronny anotou un hat-trick. A un punto está o Paradela que tampouco deixou dúbidas no seu partido ante o Laxosa. A cinco puntos da primeira praza queda agora o Río Sil que descansou nesta xornada. Por último, o Quiroga venceu o seu encontro ao Relámpago Taboada ao remontar o gol inicial de Joni con Polín e Choco como futbolistas máis destacados.