Xa hai líder en solitario na fase polo ascenso, aínda que os equipos están interesados en acabar entre os cinco primeiros. No grupo norte, o Friol mantén a súa boa dinámica aínda que lle segue de preto o único equipo que conta todos os seus encontros por vitorias, o Muimenta. A neve impediu que se disputase o encontro entre o Fonsagrada e o Sober. No grupo sur, tampouco se disputou o Paradela – FC Becerreá por mor do tempo, circunstancia que aproveitou o Quiroga para selo novo líder do grupo.

Na fase polo ascenso, o Goiriz fíxose co primeiro posto en solitario despois de vencer a un Incio que sumou a súa segunda derrota consecutiva. Aproveitou a ocasión o Goiriz para adiantarse no marcador e aínda que se igualou o encontro na segunda metade, Raúl conseguiu o dobrete. Segundo é agora o Corgo que conseguiu un triunfo de prestixio no campo da Canteira ante un Catro Roldas que tivo o infortunio das lesións durante o partido. Dani segue sendo o porteiro menos batido e foi chave cando o marcador aínda non se movera. Ademais deu un pase de gol sacando de portería. Borja Núñez foi o mellor dun choque onde o golazo foi obra de Ángelo. O Cervo recuperou sensacións e conseguiu unha importante vitoria nun duelo de goles ante a Comercial.

No grupo norte, o Friol B mantén a boa liña do primeiro equipo e conserva o liderado logo de vencer ante o Rioaveso nun gran encontro de Dani e Isaac. Aínda así o filial friolés viu perigar o resultado despois de ir gañando 0-3 e que o cadro vilalbés quedase a un só gol do empate. Segundo e invicto mantense o Muimenta ao vencer a domicilio ante o Rábade nun gran encontro de Julio, que volveu á dianteira, así como de Tucho. Na segunda parte tamén se produciu o regreso de Alejandro Paz logo dunha longa lesión. No duelo da Mariña, o Celta Barreiros venceu a un Celeiro que lles puxo as cousas complicadas. No equipo local destacou o gardamallas Xosé e Iñaki con dous goles volveu conducir ao equipo. Nesta xornada descansou o Cazás.

No grupo sur, entre o encontro adiado e o descanso do Relámpago Taboada só se xogaron dous encontros. O Quiroga encabeza agora a clasificación ao vencer ao Laxosa nun partido no que Gachan, co seu primeiro gol coa camisola verde, e Marcos, no manexo do balón, foron os máis sobranceiros. Tamén volveu a senda da vitoria o Río Sil, a domicilio diante do Guntín coa boa nova do regreso de Lillo, un dos mellores do choque, xunto co golazo de Panizo, unha rosca dende fóra da área que entrou pola escadra. O campo de Ladairo estreou céspede.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*