A segunda volta da Terceira Rexional comezou con cambio de líder no grupo sur. O Paradela desfixo a igualada na cabeza ao empatar ante o Antas e o Quiroga perder co Rubián. No norte, o Muimenta non perde, pero o Alfoz achégase a súa posición. O Sober e o Taboada B descansaron na pasada fin de semana.

No grupo norte, o Muimenta continúa como líder, aínda que sufriu para sacar algo positivo dun partido con polémica co Matela. O cadro de Outeiro gañaba por 0-3 no minuto 25, pero dous penaltis e o gol final de Jairo Gegunde igualaron o choque para os locais. Maikel con dous goles (é o máximo goleador da categoría na provincia) e Camiño destacaron no Matela. Quen non fallou foi o Alfoz que consolida a segunda praza ao gañar ao Celeiro e sumar a súa quinta vitoria consecutiva. Jose, Manuel e Martín lideraron o triunfo dos locais; mentres que Luis Rego destacou nun Celeiro que deu a cara.

En postos de promoción de ascenso continúan gañando a Milagrosa, o Catro Roldas e o Fonsagrada. O cadro capitalino venceu ao filial do Friol cun bo gol de Juan Gómez. No minuto 75 sentenciou Zas. O equipo de Román sacou unha vitoria a domicilio ante o Cazás cun bo gol de cabeza de García. O Fonsagrada venceu con claridade a domicilio ante o Rioaveso onde destacou Lucas e Óscar Iglesias cun bo gol de falta incluído. O Celta Barreiros non quere afastarse das posicións de promoción e venceu ao Lugo Unión con Hugo e Robert como goleadores e Álvaro levando a batuta do xogo.

No grupo sur, o Paradela reestreou o Gandarón con empate ante o Antas. Aínda así o cadro de Rubén Bergantiños volve ao liderado por mor da derrota do Quiroga ante un Rubián que tivo en Iago un dos seus guías para a vitoria. Terceiro continúa o Castroverde que tampouco pasou do empate nun encontro polémico ante o Relámpago Taboada. Nas posicións de promoción tamén segue o Río Sil, a pesar da súa derrota co Lemos B co que se igualan moito a pelexa por eses postos.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*