O Muimenta continúa ao seu, aumentando a vantaxe no liderado despois do empate entre o Alfoz e o Catro Roldas. A sorpresa saltou no Catro Ventos coa vitoria do Cazás sobre a Milagrosa. Todo o contrario no sur, onde manda a igualdade. Ningún dos cinco primeiro conseguiu gañar nesta xornada (un deles foi o Antas que descansou). A vitoria chave foi a do Relámpago Taboada que se coloca en postos de ascenso. O filial do Lemos tamén descansou a pasada fin de semana.

No grupo norte, o Muimenta conseguiu a décimo segunda vitoria da temporada ante o Friol B. O cadro adestrado por Basi aumenta en dous puntos a súa diferenza co segundo, xa que o Alfoz igualou a un gol co Catro Roldas. É o primeiro empate da temporada do equipo verdibranco. O cadro de Román adiantouse no marcador coa nova positiva da recuperación do olfacto goleador de Cleno despois da súa lesión. Non obstante, pouco despois, Sousa empatou o choque para sumar sete a súa conta particular e foi un dos sobranceiros con Valea e Legaspi. Cabado e García guiaron ao Catro Roldas e José Antonio estivo seguro baixo paus.

O Fonsagrada regresou a terceira praza ao vencer a un Lugo Unión que amosou escasa resistencia. Pedro destacou no conxunto fonsagradino que aproveitou a derrota da Milagrosa ante un Cazás dominador a balón parado. Bellas abriu e pechou o marcador; Iago interviu no pase dos catro goles. No quinto posto está o Matela que superou ao Rioaveso nun partido que foi de máis a menos co gardamallas Álex como destacado e cun bo gol de García. No duelo da Mariña gañou o Celta Barreiros logo de remontarlle a un Celeiro que se colocou 1-2 ao inicio da segunda metade. A entrada de Hugo e Xian déronlle outro ritmo ao equipo xunto co bo facer de Máquina, Dani e Robert. O Celeiro non foi quen de manter a vantaxe que collera co dobrete de Mora a pesar de realizar un gran partido.

No grupo sur, o Paradela mantén o liderado a pesar de que empatou sen goles ante un Rubián no que destacou a seguridade defensiva e foi liderado por Miguel e Iago. O cadro adestrado por Rubén Bergantiños tivo os seus momentos no partido pero non foi quen de marcar. Queda con dous puntos de vantaxe sobre o Quiroga que perdeu ante un Relámpago Taboada que se mete en postos de promoción de ascenso. Gachán e o xuvenil Jato (que entrou na segunda metade) foron dos máis destacados no lado quirogués; mentres que Iván Fernández, Adrián e Luismi (con dobrete) foron no Relámpago.

Non aproveitaron a oportunidade para achegarse en exceso ao segundo posto, nin o Castroverde nin o Río Sil. Empataron a dous goles, un dos do Castroverde marcado por David. Xa leva oito sendo o primeiro ano que xoga ao fútbol. En fronte tiña outro bo goleador. Isma marcou un dobrete para o Río Sil e xunto con Adrián Regueiro do Paradela é o máximo goleador do grupo sur con 10 tantos. Tamén colle forzas o Taboada B que venceu ao Sober. O filial taboadense é o último clasificado pero está a tres puntos da sexta posición. Remontoulle un 0-2 en contra ao Sober cun dobrete de Dieguito ademais do bo traballo de David Potente e de Alejandro Rodríguez que debutaba no equipo.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*