Tres prazas de ascenso directo á Primeira quedan en xogo para a derradeira xornada da Segunda Rexional que se desputarán o vindeiro domingo ás cinco da tarde en horario unificado. No grupo norte, os candidatos non fallaron a pasada fin de semana aínda que ao só quedar tres puntos en xogo, Burela, Pol e Folgueiro son os que chegan con opcións o último encontro. No sur, loitarán por ascender o Chantada Atlético e o San Lázaro logo de que Chantada B e Oural perderan as súas posibilidades matemáticas.

No norte, o Burela segue mantendo a primeira posición, despois de non fallar na súa visita a Roupar e sumar a súa terceira vitoria seguida. A un punto tamén segue o Pol que xa leve oito vitorias seguidas ao vencer a domicilio ao pechacancelas, Ourol. Agardando o fallo de algún dos dous atópase, empatado a puntos co equipo polense, o Folgueiro que tamén segue coa súa boa xeira de resultados ao conseguir o sétimo triunfo consecutivo, desta volta ante o Iberia. Nesta xornada quedaron sen opcións dous equipos que realizaron unha gran tempada como foron o Cabreiros que derrotou con claridade a domicilio á Candelaria e o Guitiriz que remontou o 0-2 inicial do Mondoñedo para deixala vitoria na casa.

 

Na zona baixa, os beneficiados da xornada con cadansúa vitoria foron o Meira e o Matela. O conxunto dirixido por Marcos Lombardero superou a domicilio a un Alfoz moi mermado polas baixas que certificou o seu descenso matemático á Terceira. Pola súa banda, o cadro de Outeiro de Rei aumentou as súas esperanzas de salvación logo de volver, tres partidos despois, o camño do triunfo derrotando a domicilio ao Cospeito.

No grupo sur, o Friol segue amosando a súa superioridade a pesar de contar xa co ascenso e o campionato no peto. Venceu ao domicilio a un Chantada B que con esta derrota quedou sen opcións de loitar por subir de categoría. Pelexa na que quedan só dous conxuntos: o Chantada Atlético que depende de si mesmo logo de remontar o seu partido diante dun rival directo como era o Oural; e o San Lázaro que queda a espera dun fallo do cadro chantadino despois de amosar a súa superioridade nos instantes finais do duelo capitalino ante a Milagrosa.

Na zona media destacaron os empates do Santa Comba co Portomarín nun duelo de goles que deixa o conxunto adestrado por Manu en postos de perigo polos arastres. Un Portomarín no que as baixas da primeira volta fixeron mella, xa que na xornada 13 tiña cinco puntos e que afronta a última con 31. O encontro estivo marcado tamén polo golazo de David Fino desde máis atrás do medio campo. Tamén empatou o Palas ante un Sporting Lucense que se achega a salvación e a SD Becerreá nun encontro con falta de intensidade diante dun Castroverde máis activo. O Brollón disipou as dúbidas cunha vitoria diante do pechacancelas, Rubián. A outra gran vitoria foi para o Antas no derbi da Ulloa ante o filial do Monterroso. Un Antas que recuperou xente nas últimas xornadas para ter opcións de competir aínda que segundo recoñece o seu adestrador Diego Gallego «quizais sexa algo tarde».

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*