Guitiriz e Xermade son os dous equipos da Segunda Rexional lucense co mellor inicio ligueiro, xa que son os únicos que gañaron os catro encontros xogados. Sen perder tamén se mantén o Roupar no grupo norte; e o Palas, o Ferreira e o San Roque no sur. O cadro da Ulloa é o novo líder da súa zona.
O Guitiriz continúa liderando a clasificación no grupo norte, despois de derrotar a domicilio ao Candelaria. O cadro adestrado por Delfín non encaixou ningún gol nos catro partidos e está vencendo con solvencia no marcador. Mauro e Isaac foron do máis destacado no campo da Granda. No posto de colíder atópase o Xermade que gañou tamén fóra da casa ao Iberia con Esteban e Nahim como futbolistas máis sobranceiros. O cadro local encaixou a segunda derrota consecutiva, a pesar do bo partido de Perotti e dos mediocentros Iván e Sergio. Quen engrana de novo é o Folgueiro que sumou o terceiro triunfo consecutivo nun dos partidos da xornada ante o Cabreiros. Fernando e Oki foron os guías do cadro do Vicedo.
📢 Iván Pernas deixou de ser o adestrador da #SDCervo por "motivos laborais" en palabras do adestrador #DiarioDunMercado
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) October 1, 2018
Na cuarta posición está un Roupar que non coñece a derrota e suma xa dúas vitorias seguidas. O conxunto adestrado por Diego Dopico venceu a un Cervo que quedou sen adestrador coa marcha de Iván Pernas. Pola súa banda, o Goiriz aparece na sexta posición ao vencer ao Lourenzá no Ventiño. O cadro preparado por Cora lidera un grupo de tres equipos con seis puntos na zona media alta no que tamén están o Valadouro, a pesar de perder co Abadín (conseguiu a primeira vitoria da tempada e saíu dos postos de descenso), e a Comercial, que derrotou pola mínima ao Cospeito. O empate da xornada foi entre o Meira e o Mondoñedo (partido xogado na Fonte de Cospeito), un punto que significa o primeiro do conxunto meirego.
No grupo sur houbo cambio de líder, despois do duelo directo da xornada no que o Palas saíu vitorioso ante o Portomarín que encaixou a primeira derrota da tempada. Óscar Montalbán e Xoel foron do máis destacado no cadro da Ulloa. Segundo clasificado é o Guntín que venceu ao Sporting Lucense con bos goles de Yelco e de Álvaro Buján. A un punto da zona de ascenso directo están o Ferreira e o San Roque que non coñecen a derrota neste inicio de competición. O cadro de Pantón empatou a un gol na súa visita ao Corgo; mentras que o conxunto capitalino empatou no seu enfrontamento co Monterroso B. É o primeiro punto da temporada para o equipo monterrosino.
Preto desa zona alta sitúase o Santa Comba, logo de vencer pola mínima no campo dos Medos ante o Brollón. Situación parecida a do Chantada B que está cos mesmos puntos despois de derrotar por un gol de diferenza ao San Lázaro. Joserra desequilibrou o marcador cun gol de falta directa antes do descanso que finalmente foi chave. Na zona baixa destacan as primeiras vitorias de Bóveda e de Oural. O conxunto dirixido por Cabanelas gañoulle á SD Becerrreá cun dominio claro na primeira hora de xogo. Pola súa banda, a estrea do dianteiro Marino co Oural non puido ser mellor; o seu dobrete, xunto co xogo do equipo, posibilitou os primeiros tres puntos da campaña ante un Incio que non aproveitou as ocasións claras que tivo, mesmo fallou un penalti.