Tres equipos contan os seus partidos por vitorias neste comezo da Segunda Rexional. O Guitiriz e o Xermade colideran o norte, mentras que o Portomarín asume a cabeza da clasificación en solitario. Peor lles van as cousas ao Meira, Bóveda, Monterroso B e Oural; estes catro equipos non sumaron ningún punto nas tres xornadas de liga. En canto a xogadores, esta fin de semana confirmounos que futbolistas como Aurelio ou Pellón non perden o protagonismo.

No grupo norte, o Guitiriz segue ocupando o primeiro posto por diferenza de goles (é o único equipo da categoría que non encaixou ningún). O cadro adestrado por Delfín Romero volveu gañar con claridade no marcador; desta volta ao Iberia nunha destacada actuación de Labrada e Borja. Máis xusto venceu o Xermade; pola mínima ante o Meira. Destacou sobre todo o gol de Abe (que podemos ver no tweet de arriba) e tamén a actuación de Guille. O conxunto meirego non se rendiu, Roberto Carlos e Rubén Vidal lideraron ao seu equipo. Sen perder ningún partido tamén está o Cabreiros, logo de sumar o segundo triunfo da tempada na casa ante a Comercial. O encontro tivo en Borja Pellón ao gran protagonista, o mediocentro pontés marcou tres goles.

Tamén conseguiron vitorias que lles permiten seguir na parte alta o Folgueiro e o Valadouro. O equipo preparado por Anxo venceu a domicilio a un Lourenzá no que formaron parte nove xuvenís.O dianteiro Aurelio marcou catro goles que o colocan como máximo goleador da liga. No Árbol, o cadro local remontou o tanto inicial do Goiriz para facerse cos tres puntos. O Roupar é outro dos equipos que aínda non perdeu; a pasada xornada gañou o seu primeiro enfrontamento ante o Cospeito liderado por Andy e logo de remontar o 2-0 en contra inicial.

Xornada de derbis:

Os dous grandes choques de proximidade finalizaron en táboas. A Candelaria empatou na casa do Cervo e mantén a súa condición de invicto, mentras que o cadro adestrado por Iván Pernas sumou o segundo punto do curso. No derbi catalogado nas redes sociais como do Fiouco, o gran número de afeccionados non puido vibrar con goles; o partido finalizou sen eles; o que supuxo o primeiro punto da campaña para o Abadín.

 

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Portomarin 4-3 Monterroso b. Partido moi difícil con gol da victoria no minuto 94. Goles: Santa Comba, Sergio, Hugo e Gatusso. #ForzaPorto #GoPorto

Una publicación compartida de Portomarin C.F (@portomarinfutbolclub) el

No grupo sur, o Portomarín é o protagonista destas primeiras semanas: sumou a súa terceira vitoria consecutiva logo de derrotar pola mínima nun encontro de 4-3 ao filial do Monterroso que se decidiu nos últimos minutos. Hugo Rigueira e Sergio Ariais, que non faltaron a súa cita co gol, foron do máis destacado do partido. Pola súa banda, no Monterroso B destacou a actuación do mediocentro Óscar. No duelo de invictos ninguén quixo perder; o Ferreira e o Palas igualaron a un gol, o que lles permite manterse na zona alta. Sen perder tamén se atopa o San Roque que venceu pola mínima ao Bóveda con goles de Núñez e Aldo. O encontro estivo marcado polo parón que houbo no transcurso do mesmo, despois dunha discusión iniciada na bancada.

O segundo triunfo da temporada chegou para o Guntín, logo de vencer fóra da casa pola mínima ante o Santa Comba. Decidiu un gol do dianteiro Óscar López nos instantes finais do choque. Tamén destacou a segunda vitoria do Becerreá ante o Oural con Santín, Jesu e Jon como xogadores máis sobranceiros por parte dos locais. O derbi capitalino finalizou en táboas entre o Sporting Lucense e o San Lázaro. O conxunto adestrado por Merino tamén se mantén invicto nestas tres xornadas de liga. O outro empate da xornada estivo no duelo entre o Chantada B e o Corgo que se xogou no Anexo de Cerdeiriños. Por último, o Incio logrou a súa primeira vitoria da temporada pola mínima ante o Brollón. Un bo gol de Raúl foi decisivo nun partido no que tamén destacou o central Pedro.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*