Os resultados da Preferente Norte trouxeron esta fin de semana boas novas para os equipos lucenses situados na zona media alta da táboa con catro vitorias. Os xogadores máis destacados destes equipos teñen un especial protagonismo no once ideal desta xornada. A nota negativa puxérona os equipos peores clasificados da provincia que continúan ca súa mala xeira e perderon os seus enfrontamentos.

Comezamos polo derbi da xornada que enfrontou o Lugo B (o lucense mellor clasificado) contra a Sarriana (o peor clasificado) e acabou con vitoria do filial albivermello por 2-0. Luis Díaz e Dani Renda foron dous dos grandes protagonistas do choque. Con este triunfo o Lugo B é cuarto na clasificación e aproveita a derrota do Paiosaco para sacar un punto de vantaxe sobre o quinto posto. As malas novas son para a Sarriana que non é quen de levantar cabeza e está a oito puntos da salvación. Salvamos o traballo de Chavea no centro do campo no noso once.

Santi repite no once por segunda semana a pesar da derrota do seu equipo

Na Pinguela tamén se disputou o outro dos derbis do día, o Ribadeo conseguiu a vitoria a domicilio despois de dúas xornadas sen gañar ó derrotar por 0-1 o Lemos. No partido debutaron as últimas fichaxes Iván Parapar e Marcos Pena. Os da Mariña Oriental quedan a once puntos da promoción. Criss e Rafa Casanova levaron a batuta do encontro. Pola súa banda, o Lemos segue na zona de abaixo aínda que beneficiado polas derrotas dalgúns dos seus rivais directos.

Tamén gozou dun gran triunfo o Viveiro, por 4-0 ante o Sofán. Erni e Rego foron os máis sobranceiros sobre a herba de Cantarrana. O conxunto da Mariña segue tendo lonxe os postos de promoción pero quedan vinte e sete puntos en xogo. Un pouco máis preto, ainda que a oito puntos, está o Escairón que derrotou por 1-0 ó Bertamiráns. Iván González e Félix tiveron un gran protagonismo no cómputo global do partido. Sen dúbida, o máis perxudicado da xornada foi o Chantada que caeu aos postos de descenso ao perder ante un rival directo como o Soneira por 0-1. Agora os do Sangoñedo quedan a un punto do seu rival e da salvación (sen contar os posibles arrastres).

Comparte
                        

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*