É noticia porque se corta unha xeira case perfecta. Dezaseis encontros sen coñecela derrota na Segunda Rexional lucense implica estar máis dunha volta puntuando sempre cada fin de semana. Chegou o día de perder para o San Lázaro e foi ante o Portomarín. Aínda así, o conxunto preparado por Diego Rey mantén distancias no primeiro posto do grupo sur. Pola súa banda, o Iberia e o Chantada B que ocupan postos de descenso en cadanseu grupo conseguiron vencer esta xornada a dous equipos da parte alta. Máis detalles nos onces da 19ª xornada da Segunda Rexional.

No grupo norte, o Alfoz sobrepúxose a situación de partido na Fonte. Foi dúas veces por debaixo no marcador ante o Cospeito. O cadro alfocense deulle a volta ao resultado no segundo tempo. Amplía a súa diferenza no primeiro posto. Ten sete puntos de marxe sobre o Sanci. O equipo preparado por Carra tíñao todo de cara para volver ao camiño do triunfo. Pero o Celta Barreiros conseguiu igualar un resultado que tiña moi en contra. O Sanci vencía por 3-0 na súa casa. Mais o cadro de San Cosme logrou marcar tres goles e sacar un punto. Eijo e Insua puxeron a espectacularidade en cadanseu gol. Increméntase a igualdade na loita por ese segundo posto. Porque nun dos partidos da xornada o Sporting Pontenova venceu ao Cabreiros. Dous puntos de diferenza da segunda á cuarta posición. Ao Cabreiros saiulle todo mal na Mina. Fallaron un penalti cando perdían por 1-0. E, en parte, por novo erro defensivo fixo que marcharan cun 2-0 en contra o tempo de lecer.

Despois de tres derrotas, o Meira reencontrouse coa vitoria. E segue na pelexa polas prazas de ascenso. Derrotou pola mínima ao Guitiriz. O propio Meira, Celta Barreiros, Xermade, Pontenova e Cabreiros son nestes momentos os equipos que máis preto están do segundo posto. E iso que, por exemplo, o Xermade perdeu por quinta vez neste curso. Caeu ante un Iberia que se reencontrou co triunfo. Balbón e Miguel marcaron cadanseu bo gol. A mala noticia prodúcese en forma de saída. O gardamallas Pelayo, que tivo intervencións de mérito no último encontro, deixa o equipo por motivos laborais. Non obstante, Seijo semella estar recuperado e será o encargado de poñerse agora baixo paus. O cadro adestrado por José Manuel colócase a dous puntos de saír do descenso directo. Posición que ocupa o Goiriz que sumou un punto nesta xornada. Empatou sen goles no Ventiño ante un Roupar consolidado na zona media da táboa. Tamén houbo empate entre o Abadín e o Muimenta. Un punto para cada un que non lles serve de moito. E menos aos locais que continúan como pechacancelas. Iso si, levaban sen sumar un punto 11 partidos.

No grupo sur, o San Lázaro perdeu 16 partidos despois. Rematou esta xeira na casa. O Portomarín levouse os tres puntos da Ponte e achégase seriamente ao segundo posto. Queda a un punto dun Ferreira que tampouco foi quen de gañar a pasada finde. Enfrente estaba outro equipo en forma, o Río Sil. Igualaron a dous goles na Carqueixa. Rafa marcou un dobrete para o cadro de Pantón. O cadro soberino non puido recortar puntos, pero mantense a sete puntos do segundo posto. Quinto é o Becerreá que enlazou o terceiro partido gañado de xeito consecutivo. Superou na casa ao Brollón. Os locais amosaron a súa inercia positiva. Adiantáronse cun bo gol de cedo de Riomao. A tranquilidade chegou cun cabezado de Vigo no segundo tempo e Palle sentenciou.

Tamén sacou tres puntos o Páramo. Venceu nas Rapadas con claridade ao Bóveda. Iso en canto a zona media alta porque o resto de vitorias chegaron na parte media baixa da táboa clasificatoria. O Oural sacou tres puntos da súa visita ao Santa Comba. Os dous equipos quedan igualados a puntos agora na clasificación. Tamén venceu o Palas logo de tres xornadas sen facelo. Derrotou no Carboeiro a un Incio que suma catro encontros sen gañar. Iván Navia marcou un dobrete para os seus. Tres puntos levou o Corgo no seu duelo directo co Quiroga a quen supera na táboa. O gardamallas Adri García foi un dos protagonistas do encontro coas súas paradas, a pesar de encaixar tres goles. O Corgo queda con dous puntos de diferenza con respecto ao descenso directo. E que o equipo que ocupa esa praza tamén gañou nesta xornada. O Chantada B superou ao Paradela por un axustado 3-2. E iso que os visitantes remataron con dous menos por expulsión. O filial chantadino está a un punto de saír dos postos de descenso directo.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*