O Trío de Ases da décimoterceira xornada déixanos a espectacular goleada do Polvorín na Cheda ante a U.D. Ourense e a derrota do Racing Vilalbés en Calabagueiros ante o Barco. Na Preferente o derbi provincial entre Ribadeo e Residencia rematou sen goles, mentres que o  Viveiro acadou un empate amargo en Arteixo. Logo tres derrotas. O Foz caeu en San Tirso, a Sarriana en Boimorto e o Lemos na Pinguela ante o Montañeros.

O Polvorín fíxolle unha manciña á U.D. Ourense na segunda metade (5-0). A primeira metade non presaxiaba unha goleada de tal calibre. Igualade e escasas ocasións de gol. Pero o paso por vestiarios sentoulle infinitamente mellor aos de José Durán. No primeiro achegamento, Antón Escobar abriu a lata tras unha boa xogada de Marcos. Pouco despois, Rayco cun lanzamento á escadra ampliou diferencias e Antón Escobar anotou o terceiro, segundo na súa conta particular tras superar a Ángel no un contra un. Co encontro sentenciado, a desgraza cebouse cos ourensáns. Cos tres trocos feitos, o ribadense Dani Pedrosa lesionouse e deixou aos seus con dez. Non opuxeron resistencia os visitantes e Christian e Álex Rey completaron a goleada. Terceiro triunfo consecutivo do filial lucense que se sitúa na metade da táboa.

Segunda derrota consecutiva do Racing Vilalbés, desta volta ante o Barco (2-1). Bo partido dos chairegos que non mereceron saír derrotados de Calabagueiros. David Álvarez adiantou na primeira metade ao cadro local, pero os de Simón Lamas tiveron ocasións para logralo empate. Este non chegou ata a segunda metade, por medio de Cuadrado. Tan só dous minutos despois Juanito Bazo voltou poñer por diante aos de Valdeorras. Jose Varela, un dos mellores do Racing puxo en apretos á zaga local, pero o marcador non se moveu.

O Viveiro empatou en Arteixo un encontro que tiña gañado  (1-1). Un punto amargo o acadado polo cadro mariñán na Ponte dos Brozos. Xaime adiantou ao Viveiro desde o punto de penalti e co marcador favorable os de Chusky non pasaron excesivos apuros, incluso gozaron de ocasións para poñer terra de por medio. Moi preto do final outra pena máxima puido ser a sentencia. Desta volta Gerardo foi o encargado, pero non estivo acertado. Cando o encontro xa esmorecía, Miguel Taibo acudiou á súa cita co gol. A vindeira xornada o liderato estará en xogo en Cantarrana no encontro ante o Fisterra, segundo clasificado.

O Ribadeo e a Residencia empataron sen goles no derbi provincial (0-0). Sétima xornada sen coñecela derrota para o Ribadeo, que se sitúa na cuarta posición, mentres que a Residencia sumou catro dos últimos seis puntos posibles e deixa a seis puntos o descenso directo. Non foi un encontro vistoso o disputado nas Valgas. A primeira metade foi claramente dominada polo conxunto mariñán, aínda que non gozou de excesivas ocasións. Un testarazo de Brais e un remate de Luki que parou Dani Pérez foron as máis claras. A defensa plantexada por Álvaro Meilán non permitiu achegamentos con perigo. A Residencia mellorou en ataque na segunda metade e Juan puxo a proba a Carrera nos primeiros compases. Os de Rafa Casanova desdibuxáronse co paso dos minutos aínda que Luki e Poratti tiveron ocasións claras de gol.

A derrota da Sarriana en Boimorto aléxao da zona de cabeza (3-1). Encontro marcado polo mal estado do terreo de xogo, que propiciou que ámbolos conxuntos optasen por un fútbol directo. Saiu beneficiado o Boimorto, que se adiantou no marcador cun zapatazo de Luisito que se colou pola escadra de Peti. Empatou Javi Fraga preto do descanso logo de recoller un balón solto na área. Na segunda metade Mauro, que sustituíu ao lesionado Omar, gozou dunha das únicas ocasións para os sarriaos, pero non estivo acertado. O Boimorto voltou adiantarse no marcador por medio de Figurín, e co marcador favorable sentiuse cómodo ante os balóns colgados que plantexaron os de Dani Fernández. Xa co tempo cumprido, Gonzalo cun bo testarazo sentenciou o choque.

Un gol no desconto do San Tirso complica a clasificación do Foz (1-0). Quinta derrota en seis encontros para os mariñáns, que non son capaces de abandonar a zona de perigo. Non fixeron un mal encontro en Abegondo, ante un conxunto que que goza dun gran estado de forma. Ningún dos dous equipos gozaron de excesivas ocasións e cando xa o se firmaba o empate chegou o tanto do triunfo local. No minuto 93 Álex Carballo aproveitou un despiste dos focenses para marcar.

O Lemos caeu na Pinguela ante o Montañeros, pechacancelas da Preferente (0-2). Non estiveron atinados os monfortinos ante un conxunto que chegaba moi necesitado de puntos. Antes dos cinco minutos de encontro, o conxunto coruñés adiantouse no marcador desde o punto de penalti. A partir de ahí, o gardameta Ramón evitou que a diferencia fose maior con intervencións de mérito. Denis tivo nas súas botas o empate na ocasión máis clara para os lemistas. Na segunda metade, os de Edu Rodríguez quedáronse en inferioridade logo de ver Adrián Armesto o segundo cartón amarelo. A pesar diso o Lemos levou o peso do partido, pero as ocasións eran para o rival. De novo Ramón foi decisivo, pero a falta de vinte minutos nada puido facer ante o testarazo de Tiago.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*