Fíxose de rogar, pero xa está aquí. A Terceira Galicia botará a rodar este sábado en distintos puntos da provincia nun ano que estará cheo de novidades (Nausti, SD Viveiro, Carballedo), filiais que aspiran ao máis alto (Lemos, Taboada, Friol) e clubes cun cadro de xogadores digno de categorías moi superiores que buscarán o salto de categoría. Un dos primeiros campos nos que comezará a competición será na Medela, que albergará o sábado ás 17h un dos pratos fortes da semana: Taboada «B»-Carballedo, un derbi que pasará á historia por ser o primeiro e, á vez, o debut en competición ligueira do Carballedo, que proba este ano no fútbol masculino tras o seu éxito a pasada campaña co conxunto feminino.

Os protagonistas deste Partido da Xornada chegan ao choque moi ilusionados, en especial os visitantes, que contan con varios futbolistas  que vivirán a súa primeira experiencia nun campo de fútbol. Asemade, moitos xogadores (Isaac, Piele, Brais, Víctor, Guerra…) xa coñecen ben o noso fútbol, o que servirá para dar esa pizca de veteranía que sempre é necesaria. Dirixidos por Txiki, buscarán deixar o nome do Catro Ventos alto cada fin de semana.

O filial branquiazul, pola súa banda, cumprirá o seu segundo ano de competición, apostando de novo pola xente da casa, saída dos xuvenís do clube. Así, as únicas incorporacións son Varela e Iago, que chegan desde o veciño Relámpago; Marcos, do Monterroso «B» e Sergio, que chega libre. Estes, dirixidos por Dani Ríos, buscarán competir cada domingo facendo notar que a maioría deles son coñecidos e amigos, o que sempre da puntos positivos sobre o verde.

Por se a emoción parecía pouca, a todo isto súmase que Txiki, o preparador do Carballedo, adestraba o ano pasado, precisamente, ao Taboada «B» .Embárcase así nunha nova aventura na que tratará de, canto menos, igualar a súa labor na Medela na 18/19. Tamén, o presidente do Carballedo, Adrián Rodríguez, resulta ser ex-xogador do Taboada, o equipo no que máis sentido se sentiu até que unha lesión o apartou dos terreos de xogo.

MIGUEL OSORIO (TABOADA)

– Expectativas. «Afrontamos a liga con ganas de facelo ben, dentro das nosas posibilidades, moi ilusionados. Ver a vinte ou máis rapaces nos adestramentos enche a un de orgullo, ao que se suma o novo técnico, Dani. Non nos poñemos metas, seguiremos o tópico de partido a partido, e por suposto axudar ao primeiro equipo con xogadores que se formen neste conxunto.»

– O derbi. «O partido é un derbi contra uns vecinos, que será moi disputado e no que todos darán todo para gañar.»

ADRIÁN RODRÍGUEZ (CARBALLEDO)

– O partido. «Afrontamos con especial ilusión o derbi, estrenando equipo e equipación. Os xogadores están con moitas gañas e adestrando moito, xa que Txiki os ten bastante implicados e hai unha gran conexión entre todos.»

– O clube. «Nos existimos gracias á nosa vila, xente que está moi feliz de que haxa de novo fútbol de rapaces e rapazas, un soño que eu tiña con 18 anos, cando xogaba no Barrela: ser presidente do equipo da miña vila.»

– O rival. «Para min o partido é especial, é xogar na casa aínda que vamos de visitantes. Cando colguei as botas no 2006 por un accidente e xogaba en Taboada, toda a vila me demostrou un apoio enorme, algo que nunca vou olvidar.»

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*