A Cheda será o escenario dun novo derbi provincial na Preferente Galicia Norte. A Residencia recibe este domingo a un Foz con novidades (16.30 horas). Xa que os mariñáns ademais de estrear o posto de pechacancelas, comparecen en tan impoñente feudo co seu novo adestrador. Jesús María Gayol dixo adeus para deixar paso a un vello coñecido do vestiario focego. Javi Chinchón, preparador dos xuvenís e ata o ano pasado compañeiro dos seus xogadores, ponse ao mando dun conxunto que cree e confía na permanencia.

Javi Chinchón, xogando un derbi o ano pasado

O seu primeiro escollo será unha Residencia, consciente das súas limitacións. E consciente de que a clave para a salvación está en sumar de tres en tres na Cheda. Os de Álvaro Meilán mostraron un crecemento nas últimas xornadas a pesares das baixas. Ausencias que parecen empezar a decrecer, xa que varios homes importantes volveron ao verde en pasadas datas.

Se nos atemos aos números, existe un claro favorito. O conxunto branquiazul firmou un inicio de 2020 espectacular, con 7 puntos de 9 posibles. Se ben, acumula dúas derrotas consecutivas. Unha cifra pequena en comparación coa do seu rival. Un Foz que non puntúa dende o pasado 1 de decembro en Boimorto. E que non gaña dende o 27 de outubro, cando superou por 2-0 ao Galicia Mugardos no histórico Martínez Otero.

O derradeiro encontro entre estes dous clásicos do fútbol provincial saldouse cun empate a 0-0 na vila mariñá, na cuarta xornada da actual campaña. Pero xa se sabe, os números non xogan. E veremos se pesa máis a necesidade de cortar de raíz a mala xeira local ou a ilusión dun xuvenil que presenta o novo técnico visitante. Polo de pronto, e para abrir boca para o domingo, conversamos con ambos adestradores sobre o derbi da semana.

 

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Parte das opcións de permanencia da Residencia pasarán pola Cheda

ÁLVARO MEILÁN (RESIDENCIA)

  • As claves do derbi. «O equipo sabe que todos os partidos son difíciles e este non vai ser menos. Sabemos que para eles é moi importante. Co cambio de adestrador van querer cambiar a dinámica de resultados, pero o que máis me preocupa somos nós. E vexo que o equipo esta con moitas ganas».
  • O Foz. «Eles van vir moi motivados, teñen boas individualidades na parte ofensiva, que temos que ter controlados. Xogadores con talento e perigosos así como outros que lles aportan veteranía. Tiveron baixas importantes, que están recuperando. Pero nós temos que pensar en nós mesmos, xogamos na casa e temos que facernos fortes no noso campo!».
  • A permanencia. «As opcións pasan por gañar partidos e sumar puntos. Nós non nos plantexamos máis aló do partido de Foz. É unha liga onde é moi difícil gañar. Todos os rivais se están xogando algo, por arriba ou por abaixo. Co que temos que afrontar todos os partidos ao máximo para poder chegar aos puntos necesarios para lograr o obxectivo».

JAVI CHINCHÓN (FOZ)

  • Semana complicada. «O momento non é o idóneo. Chegamos despois de dúas derrotas na casa e un cambio de adestrador. Pero o cadro de xogadores está con ganas de darlle a volta á situación. Imos coa intención de facer un bo partido e tratar de empezar a sumar puntos».
  • O rival. «A dicir verdade o que máis me preocupa é o meu equipo. Temos que deixar de encaixar tantos goles para empezar a sumar puntos. A clave do domingo estará no equipo que cometa menos erros».
  • A salvación. «A permanencia pasa por recuperar a moral do cadro de xogadores e facer do Martínez Otero un fortín».
Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*