O campo da Veiga acollerá este domingo ás 16:15 horas un encontro entre dous dos conxuntos de máis renome da categoría. O cadro local, o San Ciprián recibe ao Sporting Pontenova co obxectivo de manter a súa condición de invicto e asentarse no liderato. Non o terá doado ante un equipo que recupera sensacións co paso dos partidos.

Con nove xornadas disputadas, o San Ciprián lidera o grupo norte de Segunda Autonómica. O conxunto adestrado por Diego Fernández ‘Carra mantense invicto con tres puntos de vantaxe sobre o Alfoz, segundo clasificado, e catro sobre o Xermade, terceiro. Aínda que a domicilio atópase con máis problemas para sacar adiante os seus encontros, na Veiga conta os partidos por vitorias. Non sorprende a boa clasificación do Sanci. Á columna vertebral do equipo que o ano pasado xogou en Primeira Autonómica, con xogadores contrastados como Madariaga, Xoel ou Borja Mella, engadíronselle, entre outros, Poceiro ou Aitor, futbolístas con moitos minutos en Preferente nas filas do Viveiro.

O Sporting Pontenova non comezou a temporada da mellor maneira. Logo do triunfo inicial ante o Roupar, os de Andrés Bouza enlazaron cinco xornadas sen coñecela vitoria, que os afastaron da zona alta da clasificación. Sen embargo, tres triunfos consecutivos ante Candelaria, Mondoñedo e Abadín, xunto co reforzo de luxo de Pablo Castrín, o conxunto pontenovés, xa situado na sexta posición olla o futuro con optimismo. Cun plantel amplo, pero moi xove e con moita xente da casa, o Sporting non sinte presión por logralo ascenso, pero non renuncia a nada.

O último enfrontamento entre ámbolos conxuntos na Veiga tivo lugar o 23 de setembro do 2018 e rematou con triunfo local por catro goles a cero. Borja Mella en dúas ocasións, Borja Lorenzo e Antón anotaron os tantos para o San Ciprián.

Falamos deste encontro con dous referentes nos seus equipos: Aitor (San Ciprián) e Marcos Gómez ‘Villy‘ (Sporting Pontenova).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

AITOR (C.D. SAN CIPRIÁN)

 – Bo comezo. «A verdade é que vexo ben ao equipo, pero creo que este grupo aínda poder dar un pouco máis. Adaptámonos moi ben á idea de fútbol que queren Carra e Chumi, e agardamos seguir así».

 – O encontro. «Será un rival difícil. Polo que vin en pretemporada son un equipo coas ideas moi claras. Que nos saquen o balón creo que é o que máis nos pode prexudicar. Gústanos atacar e defender con balón e se non o temos póden facernos dano».

– Retorno a Segunda. «Logo dun ano en Preferente, a Segunda paréceme unha categoría difícil polo feito de que non é un fúbol bo tecnicamente, tende a xogarse máis directo e é máis impredecible. Pero iso tamén o fai máis bonito. É fútbol máis puro e duro».

VILLY (SPORTING PONTENOVA)

Foto: Facebook Sporting Pontenova

 – Un comezo difícil. «O arranque de liga tan irregular que tivemos creo que foi pola falta de confianza que arrastrabamos da temporada pasada. Co paso dos partidos melloramos polo bo traballo psicolóxico e táctico que fai Andrés Bouza semana tras semana. Tamén nos axudou a fichaxe de Pablo Castrín que nos deu un plus moi grande. A ausencia de Charli nos primeiros encontros penalizounos, pero agora temos o equipo ao completo».

– O San Ciprián. «É un equipo moi asentado e que ten moita pegada arriba. Teñen un campo moito máis grande que o noso e teremos que defender moi ben se queremos sacar o partido adiante».

 – A zona alta de Segunda. «O noso obxectivo deste ano é quedar entre os seis primeiros. En ningún momento tivemos na cabeza pelexar polo ascenso, pero eu creo que se encadeamos unhas cantas vitorias e rascamos puntos fronte aos favoritos, poderemos dar guerra na zona de arriba».

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*