O domingo ás 17 horas, o Arturo Pereiro será o esceario do encontro entre Castro e Ribadeo, dous dos representantes lucenses na Preferente Norte. Con pasado non moi lonxano en Terceira División, a situación a día de hoxe dos dous clubes é moi diferente. O cadro chairego ocupa a antepenúltima praza na clasificación con dous puntos, mentras que os mariñáns son cuartos e non coñecen a derrota.

Javi Fraga é unha das referencias ofensivas do Castro

A situación do Castro deu un xiro no transcurso desta semana coa saída do adestrador Gonzalo Edrosa. O da Pastoriza presentou a súa dimisión procurando que fose un revulsivo na procura de mellorar os resultados. Ante o Ribadeo verase se é así, pero o certo é que a súa chegada ao Arturo Pereiro fora unha inxección de aire fresco, logo dunha pretemporada accidentada.»Aínda que quedamos sen adestrador, o importante é seguir unidos e traballando. Pouco a pouco imos mellorando e estamos preto de chegar a un bo nivel. Afrontaremos o próximo encontro para poder quedarnos cos tres puntos», apunta Javi Fraga, dianteiro do Castro. O máis probable é que Brais Prados, adestrador do equipo xuvenil, se sente no banco este domingo.
Dous empates como local ante Montañeros e Boimorto son a bagaxe do equipo ata o de agora. Lonxe do seu feudo o rendimento baixa considerablemente, recibindo quince goles nos tres encontros disputados como visitante. Para o burelao Javi Fraga é clave gañar solvencia defensiva, «necesitamos encaixar menos, levamos unha media moi alta, pero o máis importante é mantelo grupo unido e traballando como ata o de agora. Así acabará chegando a primeira victoria». O encontro ante o Ribadeo supón un reto, o de acadar a primeira victoria sen agardar máis e aliviar así a situación na táboa clasificatoria. «Individalmente teñen moitos xogadores que destacan, como Santi e Poratti, así como Javichu e Fernando que os coñecemos ben do ano pasado e sabemos que son xogadores importantes. Aparte, contan cun gran colectivo, o resto do plantel non baixa o nivel», afirma Javi Fraga, consciente da dificultado do partido.

Juanma convertiuse no dono da banda esquerda ribadense

Máis desafogada é a situación do Ribadeo. A diferenza das últimas temporadas nas que ao equipo lle custaba coller o ritmo de competición, esta campaña os de Rafa Casanova comezaron fortes, podendo seguir o ritmo dos primeiros clasificados. Malia o amargo empate do pasado domingo no Pepe Barrera ante o Xallas o equipo está coa moral alta. «É motivante e ilusionante este comezo pra non ir a contracorrente» di Juanma, defensa do conxunto mariñán que retorna á que foi a súa casa, «sempre é especial pra min voltar a Castro e agardo que os afeccionados disfruten dun bo partido«. O lateral de Triabá, coñecedor da Preferente non se fía da mala situación do rival do domingo, «calquer equipo che pode gañar, polo que afrontamolo partido como un máis e preparámolo o mellor posible para seguir preto dos equipos que mandan na clasificación«.
Juanma é optimista respecto do futuro do Castro, «a pouco que corrixan erros comezarán a sacar resultados positivos. Ante o Montañeros tiveron a victoria na man e en Sofán a falta de vinte minutos gañaban 0-1, incluso ante o Xallas chegaron a empatar cun home menos… Agora o novo adestrador darelles un plus de motivación. Teñen xogadores con moita velocidade arriba como Javi Fraga ou Buide, e logo xente con moita xerarquía no campo como Dumi. Agardemos contrarrestar as súas virtudes e podamos sumar os tres puntos«.

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Preferente Norte

C.D. Foz – C.S.D. Arzúa (Domingo ás 17 horas no Martínez Otero): logo da derrota no derbi mariñán ante o Viveiro, os focenses buscarán redimirse ante un dos conxuntos máis fortes da categoría. As posibilidades dos de Gayol pasan por gañar solvencia defensiva.

Iban Gayol será unha importante baixa por sanción para o Foz nos dous vindeiros encontros

Primeira Autonómica

– S.D. Residencia – Club Lemos (Domingo ás 12 horas no Polvorín): encontro entre candidadatos ao ascenso que non comezaron a liga do mesmo xeito. Mentras que os da capital están a amosarse irregulares, os monfortinos contan os seus encontros por victorias, sen apañar aínda ningún gol.

Os pupilos de Edu Rodríguez continúan sen recibir un só tanto, logo de tres xornadas de liga

S.D. O Páramo – Taboada C.F. (Domingo ás 17 horas nas Rapadas): os de Fontal buscarán darlle continuidade á racha de dous partidos gañando. Reciben no seu feudo a un Taboada que aspira a situarse na zona noble da táboa.

Segunda Autonómica

U.D. Folgueiro – S.D.C. Cabreiros (Sábado ás 18 horas en Boa Vista): os do Vicedo xa recuperaron sensacións logo de perder no Viñas da Veiga e Aurelio foi quen de acadar un póker de goles ante o Lourenzá polo que os pupilos de José Manuel, terceiros clasificados afrontan un complicado choque entre aspirantes ao ascenso.

O Folgueiro tentará situarse, outra temporada máis, na zona alta da clasificación

Palas C.D. – C.F. Portomarín (Sábado ás 18 horas nos Chacotes): o líder, co pichichi Hugo e co incombustible Sergio Arias á fronte, visitan ao tamén invicto Palas, que ven de acadar un valioso punto no Baliño ante o Ferreira.

Terceira Autonómica

 – A.D. Catro Roldas – C.D. Alfoz (Sábado ás 17 horas na Canteira): coa intención de facerse fortes na casa logo de vencer na primeira xornada ao Cazás, os de Román recibén a un dos, a priori, favoritos pero que aínda non lograron puntuar. Unha vella gloria dos do Val do Ouro estréase no banco: Casal.

O Alfoz buscará facer bo o dito de «adestrador novo, victoria segura»

S.D. Rubián – S.D. Paradela (Domingo ás 18 horas no Poste): os de Bóveda buscarán estrealo seu casilleiro de puntos ante o líder, que chega logo de vecer en Centeás ante o Sober.

Segunda División Feminina (Nacional)

As rapazas do P.M. Friol C.D. Lugo camiñan con paso firme logo de vencer en Santander

 – P.M. Friol C.D. Lugo – Gijón Fútbol Femenino (Domingo ás 17 horas na Reigosa): as lucenses, terceiras clasificadas e invictas reciben a un conxunto asturiano que ocupa os postos baixos da clasificación.

 

Primeira División Galega Feminina

 – S.C.D. Milagrosa – S.C.D. Pastoriza (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): non está a ser fácil o comezo ligueiro para as de Walter González, pero buscarán logralo primeiro triunfo da temporada ante o Pastoriza.

Segunda División Galega Feminina

 – S.D. Chantada – Xuventude de Crendes (Sábado ás 20 horas na Raña): no exilio de Rodeiro, as chantadinas buscarán a victoria ante un conxunto que vén de golear a pasada xornada como local.

P.M. Friol C.D. Lugo B – Silva S.D. (Domingo ás 19:15 horas na Reigosa): co obxectivo de acadalo liderato, o filial lucense afronta este choque ante o perigoso conxunto coruñés.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*