Trascurridas tan só catro xornadas, as cartas xa están enriba da mesa. Aínda que queda toda unha temporada por diante, varios conxuntos apostan forte por ocupar os postos cabeceiros dunha Primeira Autonómica que promete estar, cando menos, tan igualada como tódolos anos.
Dous deses conxuntos chamados a pelexar polo ascenso son o Atlético Escairón e a S.D. Burela. E este domingo ás 17 horas no Municipal do Saviñao veranse as caras, co liderato en xogo.

O conxunto local deu un xiro drástico desde a pasada temporada. Logo dunha discreta temporada a nivel de resultados, o clube volveu ás orixes. O elevado número de xogadores foráneos, que non deron o rendemento agardado, deixaron paso á xente da casa. Marzán, Rubén Díaz, Roque ou Marcos Macía chegaron ao equipo do seu pobo para acompañar aos Félix, Aitor, Pandiani, Julito ou Rubén Cidre. Xogadores con apego a unhas cores adestrados polo lalinense Javier Montoto.
E os resultados comezaron a reforzala nova idea. Tres triunfos e tan só unha derrota sitúan de partida ao Atlético Escairón na zona alta da táboa. Foron quen de vencer os dous encontros xogados a domicilio, en Pol e Monterroso, así como de superar ao Santaballés no Municipal. Precisamente do seu feudo voaron os únicos tres puntos ata o momento ante o Xove Lago.


A Sociedade Deportiva Burela lidera a clasificación logo dun arranque de competición espectacular. Logo do empate na xornada inagural na Marosa ante o Riotorto, o conxunto adestrado por Jaime logrou trece tantos nos tres seguintes encontros. Lourenzá, Santaballés e Xove Lago foron as súas víctimas. Un ataque demoledor combinado cunha defensa férrea son as armas do conxunto verde para unha campaña na que apostou forte para ser un dos aspirantes ao ascenso a Preferente.
A chegada de xogadores para a parcela ofensiva como Diego Chao, Felipe Varela ou David Ben, sumados aos Jairo e Cristian, fan do ataque burelao un dos máis temibles da categoría. Borja e Ángel reforzaron a defensa e Tomy a portería. O salto de calidade é salientable para un Burela que promete dar moita guerra.

Tan só Julio Cayón é baixa segura para este encontro nas filas mariñás por sanción, mentres que o Escairón contará co seu cadro de xogadores ao completo.

O último enfrontamento entre Escairón e Burela no Municipal do Saviñao disputouse o 11 de novembro de 2018 e rematou con empate a dous tantos. Toti e Pandiani marcaron para o conxunto local, e Jairo e Javi Celes para os visitantes.
Falamos con dous indiscutibles nos seus respectivos equipos: Julito (Escairón) e Jairo (Burela).
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
JULITO (ATLÉTICO ESCAIRÓN)
– Bo comezo. «O equipo está con gañas neste comezo de temporada, e sobre todo con moita ilusión. A vitoria en Monterroso foi unha inxección de moral enorme polo forma en que se produciu, pero agora temos que ter os pés na terra e pensar no seguinte encontro«.
– O Burela. «Agardo un partido moi igualado, que se decidirá nos pequenos detalles. O que menos erros cometa terá maior posibilidades de levarse os tres puntos. Teñen moita pólvora en ataque, polo que non é unha casualidade o número de goles que levan a favor«.
– O Escairón de sempre. «Somos un grupo de amigos. Este ano coñecémonos todos e iso facilita moito as cousas. A gran diferencia respecto á temporada pasada é o compromiso e iso vese reflexado nos adestramentos e nos partidos«.
JAIRO (S.D. BURELA)
– O liderato. «É anecdótico a estas alturas. É certo que nos están saíndo moi ben as cousas, pero moito do traballo vén do ano pasado, tanto a nivel defensivo como ofensivo, e agora estamos dándolle continuidade. A maiores chegaron xogadores novos, e todo suma«.
– O encontro no Saviñao. «O Escairón sempre é unha saída complicada. Este ano reforzáronse moi ben e vai ser un dos equipos punteiros outra temporada máis. Ámbolos dous conxuntos propoñeremos cousas e veremos un gran encontro«.
– A Primeira. «Hai equipos novos na categoría que teñen moi bos resultados e despois hai conxuntos que xa levan anos pelexando polos primeiros postos como Chantada, Outeiro de Rei ou Santaballés que van seguir dándolle un nivel alto á competición. Estará moi igualada por arriba e por abaixo, pero aínda é cedo para opinar«.