A SD Viveiro descansou e o Matela aproveitou para meterse na segunda praza. O Fonsagrada continúa invicto na cabeza. Hai máis igualdada no norte ca no sur, onde o Sporting Lucense e a Milagrosa seguen coa súa xeira de vitorias. De feito, se os dous gañan os seus partidos ascenderían xa esta finde. O Rubián foi a quen lle tocou descansar no sur. Repasamos como está a situación no Tres en Raia da 16ª xornada da Terceira Rexional.

No grupo norte, podemos dicir que a loita polo ascenso directo é cousa de tres. Aínda que matematicamente o Friol B e a Comercial terían algunha opción remota. Non obstante, ao filial friolés reducíronselle esas oportunidades de xeito drástico ao caer no campo do líder. O Fonsagrada continúa coa súa peregrinación intratable. Sumou a 12ª vitoria do curso e segue sen perder. O gol de Javi Freijo posibilitou tres novos puntos. A cinco puntos do conxunto fonsagradino colocouse agora o Matela. O cadro de Outeiro de Rei aproveitou a xornada de descanso da SD Viveiro para adiantalo na clasificación. Todo grazas a oitava vitoria consecutiva. Produciuse en Paraños ante o Rioaveso.

A Comercial atravesa un bo momento de resultados e consolida a súa praza na promoción de ascenso. Derrotou con claridade ao Lugo Unión. O cadro capitalino é quinto con tres puntos máis ca o sexto. Posición á que regresou o Cazás. Chegoulle cun empate sen goles ante o Celeiro. A vitoria do Catro Roldas ante o Nausti volve enganchar ao equipo de David Lorenzo á pelexa por entrar na promoción. Queda agora a dous puntos. O dianteiro Soto vestiuse as luvas para colocarse baixo paus. Realizou unha boa parada, aínda que non tivo excesivo traballo.

No grupo sur, o Sporting Lucense e a Milagrosa manteñen o pulso na loita polo liderado cun punto de diferenza entre os dous. O cadro adestrado por Lolo deu un novo golpe en riba da mesa ao vencer ao Antas no Castro Seoane. Os locais realizaron un gran partido e tiveron varias ocasións que petaron nos paus. Os visitantes marcaron un bo gol de falta directa que acabaría decidindo o resultado. Pola súa banda, a Milagrosa goleou no Luis Gorgoso ao Monterroso B. Joel foi un dos protagonistas cun dobrete. Aínda que o Lemos B tamén gañou a pasada finde, o Sporting Lucense e a Mila achéganse ao ascenso matemático. Nove puntos separan ao filial monfortino do conxunto de Frigsa. Ademais ao equipo lemista só lle quedan catro partidos por xogar; a diferenza dos seus antecesores aos que lles faltan cinco encontros por disputar. Un deses partidos é o que o enfrontará este sábado co Sporting Lucense. Unha vitoria dos xogadores adestrados por Lolo asegura o ascenso. De gañar o Sporting, unha vitoria da Milagrosa o domingo tamén provocaría o seu regreso á Segunda. Ao Sporting incluso lle podería valer o empate. Nunha situación similar están o Antas e o Sober. Tamén só lles quedan catro citas para rematar a competición. Piky e Joel marcaron para o Lemos B na vitoria pola mínima ante o Castroverde. O gol de Joel chegou nos últimos intres e de penalti. Os dous goles cos que o Sober venceu ao Taboada foron autoría de Martín. Primeiro de penalti e logo sentenciou na recta final. O cadro soberino ten a praza de promoción case que confirmada. Tentará colocarse o mellor posible para os emparellamentos.

Semella que a pelexa máis interesante no que resta de liga vai estar na loita pola sexta praza. Nestes momentos é ocupada polo Carballedo. Pero os pupilos adestrados por Txiki non están sendo quen de volver ao camiño da vitoria. En cambio, o Relámpago Taboada acumula dúas seguidas. A última precisamente foi no seu duelo directo co Carballedo ao que venceron pola mínima. O equipo taboadense colócase a tres puntos do seu rival cun partido menos. O Castroverde ou o Taboada B aínda poderían ter algunha opción.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*