En xeral, non me gusta ser protagonista. En particular, no campo de fútbol prefiro traballar na sombra (probablemente para agochar eivas). Porén, ás veces toca ser o foco no que están postas todas as luces. Hoxe escribo estas liñas para contar unha desas veces nas que tocou ser o centro de atención sobre o verde. Bueno, en realidade verde non moito, xa que tivo lugar no Municipal Rodríguez Lago 1, máis coñecido como As Gándaras. E tampouco foi un deses momentos nos que un se pon a capa de heroe e todo o mundo lle aplaude.

Un caluroso día de agosto de 2014 en Lugo tiña lugar o clásico torneo de verán organizado polo Sagrado Corazón. Eu estrenaba categoría -cadete- e vestimenta -sería o meu primeiro ano no Polvorín-. Alén dos nervios que esas circunstancias xeraban en min, era mester facer unha boa pretemporada para ser parte do Cadete «A» do clube.

O torneo estaba indo ben. Chegamos á final contra a Residencia. Pero todo o ben que fora o torneo truncouse ao comezar ese partido. Pouco despois de comezar, un balón longo da defensa rival ás nosas espaldas que non agochaba ningún perigo transformouse nunha bomba. Convencido, corría de espaldas á miña portería e dispoñíame a «peinar» o balón para cederllo ao meu porteiro (bon amigo meu, pero no campo endexamais nos entendimos ben), quen… sorpresa! Tamén se dirixía polo balón á miña posición.

Cando el berrou «MÍA» xa era demasiado tarde. Golpeei o coiro coa testa, tal e como tiña pensado, e asinei o meu primeiro gol coa camiseta do Polvorín. 1-0. Tendo en conta que o público era relativamente numeroso (é un dos torneos nos que se ve o que cada equipo ten para ofrecer cada ano) e que eu era un cativo inseguro, podo asegurar que foi un dos meus peores momentos nun campo de fútbol. Pero non hai mal que por ben non veña.

O cadro de xogadores daquel Polvorín celebrando o título que case arruino.

Afortunadamente, conseguimos igualar a contenda e chegamos aos penaltis. Pese a miña inseguridade, o adestrador instoume a tirar un, para compensar. E así o fixen. Anotei e, cos acertos dos meus compañeiros, gañamos. Pode parecer sorprendente, pero resarcirme daquel erro inicial deume a confianza que aquel rapaz necesitaba. Logo de contar con ficha no equipo «A», cheguei incluso a debutar co xuvenil en fase de ascenso aquel mesmo ano. E, desde entón, nunca máis volvín facer unha cesión entre os tres paus, tal e como me dixo o técnico cando o mal trago xa pasara. Ao final todo foi positivo. Por iso, conclúo que para aprender e mellorar, ás veces hai que equivocarse previamente. 

Santi Real. Lateral cuneta da SD Compostela «B» e de cando en vez «redactor» nesta mesma web. 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*