No corpo, a ansia de competir; na mente, a frustración de que todo non vai como unha pensa. Nuria Louzao García (Antas de Ulla, 06 – 05 – 1989) porta o brazal de capitá do equipo do seu pobo. Afeccionada ao fútbol dende que arrincaba a cabeza das bonecas para xogar con elas como se dun balón se tratase. Na pista ou na herba, sempre amosou a súa potencia. Aínda que sobre o parqué formou parte dun Monterroso de fútbol sala que fixo historia cun campionato estatal en categoría infantil. O confinamento colleu o Antas tamén na súa particular corentena. Na segunda temporada consecutiva na Primeira Galega a permanencia segue sendo o gran obxectivo. E polo momento cúmprese. Pero no fondo desa meta, está o propósito de que a salvación sexa a longo prazo. Que o que chegou hai uns anos a Antas non se perda. O compromiso que ten Nuria non impide que lle aparezan as dúbidas.
Futbolinlugo: Botas de menos o fútbol neste confinamento?
Nuria Louzao: Eu prefería seguir xogando, pero non se pode. E creo que non se vai volver retomar a competición. Vaise acabar así.
Fil: Está sendo unha temporada difícil…
NL: Digamos que foi un ano un pouco complicado. Algo que se viu acrecentado coas lesións. Estabamos indo aos partidos moi xustas. Con once ou, incluso, con dez xogadoras a algúns encontros. Nos adestramentos non pasamos de cinco ou seis compañeiras.
Fil: Que pasou para que se chegara a esta situación?
NL: Na pretemporada o equipo parecía que contaba cunhas vinte fichas. Pero houbo rapazas que deron o si e despois, por motivos persoais ou polo que fose, non seguiron.
«Se chegamos a ser as mesmas do ano pasado, creo que o Antas estaría entre os seis primeiros»
Fil: O curso anterior conseguistes a permanencia xusto ao final. Hai moitas diferenzas esta campaña con respecto á pasada?
NL: Penso que nesta tempada temos menos equipo ca o ano pasado. Sobre todo a nivel físico. O curso anterior estabamos moitísimo mellor. Se hai rapazas e se compromoten, o nivel dámolo. Se chegamos a ser as mesmas do ano pasado, creo que o Antas estaría entre os seis primeiros. Pero se non se adestra e non se traballa é imposible. Neste caso a Primeira quedase moi grande porque non podes ir adestrar só con cinco ou seis mulleres.
Fil: Que parte de culpa ten o compromiso?
NL: Para min o compromiso éo todo. Se podo, vou ata o final. Perdinme só un partido por lesión este ano. Non puiden ir a Mos. O resto xogueino todo.
Fil: E a escaseza de xogadoras ou o número de equipos na contorna?
NL: O coordinador comentara no verán que falara con 70 ou 80 rapazas e ningunha quixo vir xogar. Se as hai, non veñen ou non se queren comprometer. E si prefería que houbese menos clubs e máis nivel. Na nosa categoría os equipos de arriba métenche oito ou nove goles. A diferenza é moi grande.
Fil: Que supón para ti xogar ao fútbol no Antas?
NL: Eu encantada. Son de aquí. Tiven algunha oferta. Incluso de superior categoría. Eu tomo o fútbol con compromiso, pero para desfrutar. Ao final é o que te levas.
Fil: O que levas tamén son máis de 15 goles esta tempada dos 25 que marcou o equipo…
NL: A nivel ofensivo si que o conxunto depende un pouco de min. É unha pena. Iso é malo.
Fil: E canto percorrido lle pode quedar a Nuria no fútbol?
NL: Estou chegando xa o final. Xa me costa bastante adestrar. Este ano tamén regresei ao fútbol sala no Monterroso FS e o domingo xa chego con menos forzas.
«Quédome co fútbol campo polas miñas condicións. O fútbol sala é máis técnico. Aí non me luzo tanto»
Fil: Con que te quedas, co fútbol sala ou co campo?
NL: Xoguei desde pequena sempre ao fútbol sala. No colexio e despois no Monterroso FS e no Melide. Tamén chegara a xogar a fútbol campo no Muimenta (Lalín). Ata que despois se formou o Antas. E esta tempada que decidín volver tamén ao futsal. Quédome co campo polas miñas condicións. Destaco pola capacidade física, a potencia e o disparo. De feito, creo que o 20% dos goles son de lanzamentos de distancia. En cambio, o fútbol sala é máis técnico. Aí non me luzo tanto.
Fil: Como é logo que volviches ao futsal?
NL: O Monterroso FS tamén subiu de categoría (na Preferente, a máxima categoría do fútbol sala galego). E si que acompaña xogar con xente; por exemplo, xogar con Noelia Pires si que inflúe. Gústame máis xogar así, sabendo que compites. Do outro xeito, non o disfrutas tanto.
Fil: Con esta situación como ves a continuidade do proxecto do Antas?
NL: Vai ser dificil. É complicado competir con 11 ou 12 fichas. Pero ogallá se siga. Gustaríame que houbese fútbol todas as fins de semana. Este ano comprometinme acabar a tempada. Pero a min gústame competir. E coa cantidade de mulleres que imos adestrar eu sei que vou xogar. Gustariame loitar polo posto. E así están o resto das compañeiras. Sabemos que imos xogar seguro. Creo que esa é unha das razóns polas que non estamos ao 100%.
Fil: Aínda así, na curta historia do Antas xa hai momentos para o recordo como o ascenso á Primeira hai dúas tempadas. Como o lembras?
NL: Quédome co traballo que houbo. Non eramos un grupo que destacaramos tecnicamente, pero si a nivel traballo. Ese curso todas fomos de menos a máis. Tiñamos adestramentos de verdade todos os martes e venres. Non faltaba ninguén. Agora hai un pouco menos de compromiso e disciplina. E si é certo que as lesións de longa duración tamén condicionan.
Fil: E por onde pasa o futuro de Nuria?
NL: A estas alturas teño moitas dúbidas. Non estou desfrutando moito. E si que me vería nunha categoría superior. Pero todo depende.
Fil: E cando deixelo fútbol dentro de moitos anos, gustaríache seguir ligada a el?
NL: Todo o que sexa fútbol si que me gustaría, aínda que o traballo que teño tampouco me permite ter moito tempo para dedicarllo. Adestrar categorías base podería ser unha opción. E como directiva ao mellor tamén. Pensareino.
NURIA LOUZAO EN CURTO…
Un campo de fútbol da provincia: A Medela. Iso que nunca xoguei alí. Pero gústame o campo e o ambiente que hai.
Un momento do fútbol: Cando fomos campioas de España en Badajoz co Monterroso FS en categoría infantil.
Unha compañeira: Noelia Pires.
Gustariache volver xogar un All Star Futbolinlugo?: Por suposto!