Capaz de meter goles pola escadra nun campo de fútbol ou nunha pista de fútbol sala. Aínda que non é unha dianteira ao uso. Comentan que lle dá calma o xogo nos metros finais. Igual por iso porta o número 21 as súas costas. Noelia López Pires “Noe Pires” (23-12-1988, Monterroso) vive a súa segunda etapa como xogadora do Friol CD Lugo. Sen deixar ao seu pobo de lado, onde é unha das referentes do equipo de fútbol sala. Conta cunha traxectoria importante nos dous deportes. Chegou a máxima categoría do futsal no Amarelle e probou a experiencia foránea no Real Five Fasano. No fútbol xogou nun Friol que tentaba facerse un nome no panorama nacional, pasou polo Victoria da Coruña e mesmo formou parte do primeiro cadro de xogadoras do Deportivo. Co ascenso á 1ªB conseguido, o Friol tentará certificar este domingo a terceira praza. Mentres, Noe e as súas compañeiras agardarán por saber que pasa nas vindeiras semanas e as condicións nas que finalmente queda a categoría na que por méritos deportivos debería estar o equipo friolés.

Futbolinlugo: Cales son as sensacións do grupo neste punto da temporada?

Noelia Pirés: O primeiro obxectivo que tiñamos está cumprido. Era quedar entre as catro primeiras. Agora xa imos a polo segundo propósito que é manter o terceiro posto. A meta é gañar os dous partidos que quedan ante o Victoria de Santiago e o Matamá.

Fil: Na última xornada o Friol volverá ao Anxo Carro (dom. 21 ás 12:00h). Tes a espiña cravada de non xogar aínda alí?

NP: No anterior partido non puiden formar parte por unha gastroenterite de última hora. Estaba ilusionada porque nunca xogara no Anxo Carro. Estou moi contenta porque por fin poderei…(risas) Espero! Un luxo xogar aí ese último partido. Tomámolo como a recompensa de todo un ano. Imos desfrutalo. Ademais chegamos dous equipos que cumprimos os nosos obxectivos. Será un día de desfrutar do fútbol por todo o alto. Sen pensar na esixencia dos tres puntos. Un premio para o Matamá e para nós.

Fil: Agardabas estar algo máis preto dos dous de arriba (Dépor e Oviedo)?

NP: Creo que xa se ve que están a outro nivel. Pero tamén hai que recordar que competimos contra eles. Sacámoslles puntos aos dous. Hai diferenza pero non tanta. Era claro que elas ían estar pelexando pola liga, pero que nos tamén lles iamos dar que facer.

Fil: Foi esta unha tempada diferente?

NP: Si, porque foi un obxectivo raro. Non había descensos, con dúbidas de que nos esperaría despois,..algo diferente. Pero pola regularidade que tivemos foi unha campaña normal. Sempre pensamos que chegariamos ao obxectivo.

Fil: Aínda falta que se aclare definitivamente o sistema de competición, pero as xogadores tedes algún tipo información de como vai ser a temporada na 1ªB?

NP: Estamos á marxe. Falamos entre nós e non temos nin idea. Non se comentou nin se nos comentou nada. Supoño que terá moita maior esixencia, unha maior inversión,… estamos desfrutando de todo isto e para o ano xa se verá.

Fil: A nivel individual, como ves a túa campaña?

NP: Estou moi contenta. Empecei regular porque tiven que ausentarme un mes por motivos persoais. A raíz de aí volvín con máis forza. Gañeime a confianza de Josito Jul. Estou contenta porque din o máximo nos adestramentos. Estou sendo titular en partidos importantes e iso é o que me gratifica.

“Considérome unha dianteira diferente”

Noe Pires vive a súa segunda etapa no Friol. Compaxina o fútbol co fútbol sala. Xoga tamén no Monterroso FSF

Fil: Como te defines como dianteira?

NP: Din sempre de que as dianteiras teñen que ser resolutivas, marcar goles,…Eu considérome unha dianteira diferente. Creo que gol no Friol Lugo sobra. Un amigo meu dicíame que cando recibía o balón anestesiaba o partido, que lle daba calma. Xogo moito co corpo. Eran balóns a Noe e todo cobraba sentido. Creo que son esa calma aí arriba. Igual non poido cambiar un partido, pero son moi compañeira nese sentido e moi xenerosa. E non me costa correr para atrás. Iso sempre se agradece.

Fil: É a túa segunda etapa no Friol, cambiou moito o equipo?

NP: Deu un salto notorio en canto fixo o convenio co Lugo. Poder ir a un fisioterapeuta para nós é algo moi necesario. Xa non digo a nivel económico, pero temos mellores condicións. Son cambios brutais para nós.

Noe formou parte do primeiro cadro de xogadoras do Dépor na temporada 2016/2017. Foto: RC Deportivo

Fil: Algo diso xa puideras vivir antes. Ti formaches parte do primeiro ano de vida do Dépor Fem, xa entón era algo tan serio?

NP: Si, dende o minuto 1. Se non era para este ano, era para o seguinte. Si que ía depender ao mellor dun partido como foi contra o Oviedo. Pero sabíase que ía ir para arriba e que estaría en Primeira en cuestión dun ano ou dun par deles. Tiñamos unhas condicións inmellorables para acadar os obxectivos. Ogallá lles vaia moi ben no play off e ascendan á Liga Iberdrola.

“Noe quédase co fútbol sala”

Fil: Pasaches por varios equipos tanto no fútbol como no fútbol sala, incluso con labores de adestradora no Antas; con que te quedas de toda a experiencia acumulada?

NP: Quédome sobre todo co fútbol sala. O ano que xoguei no Viaxes Amarelle FSF en División de Honra marcoume moitísimo a nivel persoal. Estiveramos loitando por non descender. Involucreime moitísimo. E o ano en Italia tamén. No resto dos equipos non teño tampouco ningunha pega (risas) pero quédome con eses anos. Este tamén foi moi especial ao gañar a liga provincial co Monterroso FSF, o equipo do meu pobo.

Fil: Entón creo que non hai dúbidas de con cal dos dous deportes se queda Noe…

NP: Noe quédase co fútbol sala. Creo que as miñas condicións adáptanse mellor a el.

Fil: Moitas veces tedes que escoller ou compaxinar, beneficia practicar os dous?

NP: Son deportes moi diferentes. Todo axuda. Se se poden practicar os dous, que se practiquen. Despois unha vai vendo que son contrarios. Iso xa vai en cada unha.

Noe Pires en curto…

Unha referente? Vero Boquete

Campo de fútbol especial? Riazor porque xoguei alí o Teresa Herrera co Dépor

Un gol especial? Foi no fútbol sala en Italia. Faltaban 20 segundos, unha falta dende o medio campo, co descenso en xogo,… e mandáronme tirar a min. O que máis me preocupaba era decidir con que perna a tiraba porque non o tiña claro. Son ambidextra. Púxenme a pensar niso e fóronseme os nervios. Non sei como fixen que a chantei na escadra. En Italia teñen unha forma de vivir o fútbol sala escandalosa. O equipo salvouse por ese gol.

Compañeira ou rival que destacarías? Creo que a día de hoxe téñoa no meu equipo. Nati Sánchez. Para min é unha das mellores da categoría e adestrar con ela é unha pasada.

Algún soño por cumprir no mundo do fútbol? Por onde me está levando a cabeza agora é por facer algo máis en Monterroso. Por ascender o equipo de futsal e chegar a algo máis coa miña xente. Do resto creo que non me queda nada máis. En fútbol sala xoguei na máxima categoría e no fútbol onde estiven fíxeno bastante ben; xoguei en Riazor, agora podo facelo no Anxo Carro,…Creo que eses soños xa están cumpridos. Agora quero ir a un terreo máis persoal. Vivir alí o mesmo, pero coas miñas compañeiras e amigas.

Veste como adestradora? Si. De feito, sempre me gañei a vida adestrando a rapaces en colexios. Sempre tiven vocación para iso. Fareino cando deixe esta etapa de futbolista.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*