Hai uns días, as redes sociais do Ribadeo foron trending topic na nosa provincia. O motivo? Mediante un comunicado oficial anunciaban a creación dun equipo de fútbol feminino, o primeiro de Fútbol-11 da Mariña. A iniciativa foi secundada polo Sporting Pontenova. Tras un acordo entre os dous clubes, saiu á luz esta novidade que de seguro dará moitas alegrías ao fútbol lucense.

O equipo xogará na Segunda División Galega. Futbolinlugo quixo saber máis. Unha vez comezados os adestramentos, asinado o adestrador, e garantizada a diversión, falamos con Ana, presidenta do novo clube, e con Jesús, que será o técnico das rapazas. Comezamos pola presidenta:

FUTBOLINLUGO: Ola Ana. De onde sae a idea de crear un equipo feminino?

ANA: En Ribadeo organizábase todos os anos un torneo de fútbol sala feminino. Este ano, por distintas circunstancias, o organizador habitual do torneo non puido facelo. Entón, algunhas das mozas dos homes que hai na miña directiva xogaban ese torneo, e dixeron:  «Se non o organizan eles, por qué non o facemos nós?». A raíz de aí algunhas nenas querían deixar o fútbol sala… e medio en serio medio en broma surxiu a idea de crear un equipo de fútbol feminino. Fixemos unha reunión á que viñeron sete ou oito rapazas e decidimos falar coa xente da Pontenova, onde tamén se quería crear un equipo feminino. Falamos con elas, aceptaron e así, sen nada planeado, surxiu todo.

 

Non sería posible a creación do equipo sen o Sporting Pontenova.

FUTBOLINLUGO: Fixestes un acordo coas rapazas do Sporting Pontenova. Por qué?

ANA: Claro, en Ribadeo non chegabamos ao número de xogadoras necesario, e na Pontenova outro tanto do mesmo, non había suficientes para facer un conxunto de Fútbol-11. Pensamos que como se coñecen entre elas de xogar a fútbol sala, por qué non unirnos con elas?

Medio en serio medio en broma surxiu a idea de crear un equipo de fútbol feminino.

 

FUTBOLINLUGO: Cales serán os primeiros obxectivos do novo Ribadeo?

ANA: Esto é a primeira vez que pasa, nós non estamos metidos aínda no mundo do fútbol feminino. Por algo hai que comezar, e este ano haberá que loitar e pelear todo o posible, probar algo diferente, facer que as rapazas -que están entusiasmadas- o pasen ben.

 

FUTBOLINLUGO: Agardas unha boa resposta por parte da xente da vila?

ANA: Si, a xente está encantada. Cando colgamos nas redes sociais a creación do equipo, foi un boom tremendo. Toda a xente animando, equipos doutros lugares chamándonos para xogar… Tamén temos ofertas de patrocinio, cousas que ás veces son máis difíciles de conseguir… Polo que estamos moi contentos.

Cando colgamos nas redes sociais a creación do equipo, foi un boom tremendo.

 

FUTBOLINLUGO: Moitas gracias por atendernos, Ana.

ANA: A vós.

O escudo do Ribadeo representará á Mariña no fútbol feminino.

Tras falar con Ana, chega o turno do adestrador, Jesús Rial, que xa goza de experiencia en conxuntos femininos:

FUTBOLINLUGO: Ola Jesús. Para comezar, por qué decidiches levar ao equipo feminino do Ribadeo?

JESÚS: Chamáronme á casa, eu estaba adestrando nun equipo de Viveiro, o Vieiro. Só adestrabamos de vez en cando, e para min é unha oportunidade para probar o que de verdade é o fútbol feminino federado, e ademais podo levar ás miñas cativas do Vieiro a probar e tratar de meterlles o gusanillo do fútbol.

 

FUTBOLINLUGO: Cales son os obxectivos a curto plazo do clube?

JESÚS: Este ano é o primeiro, pero a pesar de eso hai que intentar subir ao equipo, cumplir as expectativas do Ribadeo. Trataremos de facer un equipiño moi curioso e intentar dar o salto de categoría xa na primeira temporada.

 

FUTBOLINLUGO: Xa comezaron os adestramentos. Como están a ser as sensacións?

JESÚS: Si, xa fixemos dous adestramentos. De momento moi ben, sorprendéronme para ben as rapazas. Hainas con moito toque, outras moi rápidas… pero nótase que aínda están afeitas ao fútbol sala. Son agradables, simpáticas… é un gusto adestrar con elas.

Trataremos de facer un equipiño moi curioso e intentar dar o salto de categoría xa na primeira temporada.

 

FUTBOLINLUGO: Contarás con axuda no banquño?

JESÚS: Si, teremos un segundo que será quen as adestre na Pontenova. Alternaremos os adestramentos entre a Pontenova e Ribadeo. E alí na Pontenova ofrecen o campo para as rapazas

 

FUTBOLINLUGO: Cantas sesións semanais de adestramento terán lugar durante o ano?

JESÚS: En pretemporada tres días (luns, mércores e venres) e durante a temporada dous días en Ribadeo, aos que irei eu, e un na Pontenova, porque o desplazamento de Ribadeo a Viveiro, onde vivo eu, é unha hora. Probablemente as rapazas do Vieiro que veñen comigo adestren tamén en Viveiro o día que non me desprazo.

 

FUTBOLINLUGO: Como pensas que vai ser a aceptación do equipo feminino na vila, ou mesmo en toda a Mariña?

JESÚS: Penso que vai ser boa, aquí en Viveiro existía un equipo de fútbol sala feminino que desapareceu este ano… e sempre da gusto que existan iniciativas así, porque se non acabamos con todo…

 

FUTBOLINLUGO: Moitas gracias por atendernos, e moita sorte. 

JESÚS: A vós.

Felicitamos a todas as rapazas, integrantes do corpo técnico e directivos que farán posible cumprir esta gran iniciativa!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

1 ComentarioDeixa un Comentario

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*