Este venres ás nove da noite o Málaga e o Zaragoza xogan na Rosaleda a antepenúltima xornada da Segunda División. Media hora antes está previsto que se reanude o partido dos dezaseisavos da Copa 2019 entre o Roupar e o Guitiriz. Dous equipos da Segunda Rexional. Evidentemente inflúen as circunstancias, pero o Guitiriz quéixase da colocación do partido en día laborable. Como se foran uns profesionais da Segunda División que só viven para o fútbol. No Roupar tampouco están contentos coa medida pero respectan as dúas partes. O Folgueiro agarda rival dos oitavos este domingo. Tratamos de poñer todo en situación.

A pasada fin de semana o colexiado do encontro entre o Roupar e o Guitiriz deciciu suspendelo partido en torno ao minuto 53 de xogo. O resultado era de 0-0. O árbitro recolleu na acta que recibira insultos e un xesto de menosprezo por parte da afección local en torno ao minuto 20 da primeira metade. Púxoo en coñecemento do delegado e as incidencias cesaron. Decidiu continuar co encontro ata que no minuto 53 a situación volveuse repetir e a Garda Civil non foi avisada como el si reclamou. Tomou a decisión de paralo partido pola súa propia seguridade. Isto é un resumo do que aparece na acta. A partir de aí, o Comité de Competición concluiu esta semana que o xogo debe reanudarse este venres ás 20:30h. Nun primeiro momento, na web da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) apareceu que os minutos restantas xogaríanse o sábado. Pero os clubs xa foron avisados de que finalmente sería o venres.

Que pensan os equipos? O Roupar opina que a situación puido arranxarse xa no propio día do partido. O Guitiriz está desconforme con ter que xogar un venres pola escaseza de efectivos. Por mor diso, emitiu un comunicado oficial facendo fincapé na súa disconformidade co horario e coas formas de trato por parte da RFGF. O cadro guitiricense arrastraba o pasado domingo varios sancionados con respecto a edición da Copa anterior. Agora non saben se eses xogadores xa lles conta como se cumpriron sanción ou tampouco teñen dereito a xogar a reanudación.

«Nós só protestamos polo horario», Delfín Romero

«Non sabemos se poden xogar os sacionados. Senón poden xogar non xuntamos xente. O once vai ser con xuvenís. Temos varios xogadores que están a turnos ou que por outros motivos laborais non poden asistir a esa hora” afirma Delfín Romero, adestrador da SD Guitiriz. «Non lle boto a culpa ao Roupar para nada. Nós só protestamos polo horario, non pedimos outra cousa. Como imos querer o partido por gañado se iamos 0-0? Os rivais non teñen culpa diso. Só reclamamos que a Federación tivera algo de consideración. Porque coincidu en Roupar, pero se toca en Alfoz ou en Burela?”, pregunta retóricamente o míster.

Os xuvenís do Guitiriz poderían ter que botar unha man ao primeiro equipo. Aínda así só poden usar un número limitado deles

«Sacamos o comunicado porque realmente viamos complicado poder xogar. Agora mesmo estamos pendentes do tema dos sancionados. Preguntamos por se eses xogadores podían participar. Dixéronnos que interpretáramos nós. Nós non queremos facer, aínda por riba, unha aliñación indebida», apunta o capitán da SD Guitiriz, Jose Manuel Lorenzo. “O que non pode ser é que xente de forma desinteresada nos asesore e nos guíe. Botamos en falta o apoio da Delegación de Lugo. Creo que nos debía botar unha man. Só pedimos que nos orienten. Nós os venres adestramos a partir das 9:30 sempre por falta de xogadores”, comenta Jose.

«Eu non son o cauce regulamentario nese tema», Manolo Vilachá

Puxémonos en contacto co actual delegado da RFGF en Lugo. Para Manolo Vilachá «a data decídea o Comité de Competición. Eu non son o cauce regulamentario neste tema. Eu non podo dicirlles o que teñen que dicir. Eu vou a un xuízo e non lle podo dicir ao xuíz que faga isto ou o outro. Eu máis non puiden facer, movín o escrito rápido. O Guitiriz foi atendido ao minuto, en ningún momento foi desatendido e hai probas diso. Non temos Comité de Competición en Lugo nin o queremos».

«Vai saír unha unión dos equipos que facía falta en Lugo», Jose Manuel Lorenzo

O capitán do Guitiriz saca o lado positivo do asunto: «Se algo bo ten isto e que nestas horas daste conta do apoio doutra xente. Vai saír unha unión dos equipos que facía falta en Lugo. Algo vai saír de aquí. Se polo menos vale para iso… Ao fnal estamos desprotexidos se cada un vai por libre».

«Isto é unha faena para os dous», Diego Dopico

“Nós tamén iremos xustos de xente. A eles aféctalles porque daban por entendido que tiñan pensado pasar sen xogar. Nos non estabamos de acordo co que dixo o árbitro. Intentamos solucionar alí no campo. Eles desentendéronse nese sentido, cousa que non critico. Eu alertei que senón o solucionabamos daquela ían facerlles vir para a semana. O único que non comparto é que non falaran cos dous clubs porque isto é unha faena para os dous. Igual incluso podíamos chegar a un acordo e xogar o sábado pola mañá que teriamos máis xente. Por outro lado si que entendo a postura da Federación de decidir ela para non colapsar a competición. E tamén entendo a situación actual do Guitiriz«, apunta o adestrador do Roupar, Diego Dopico.

A anterior semana tivemos un antecedente na mesma competición. A diferenza principal é que o resultado á hora da suspensión era outro. Por motivos similares o colexiado decidiu suspender na 1ª Rolda da Copa o encontro entre o Castroverde e o Santa Comba da zona sur. Foi tamén na segunda metade pero o marcador era de 2-5. O Comité de Competición deu por vencedor ao equipo da parroquia lucense. Todo ao límite. Esta fin de semana xóganse os oitavos de final. O Folgueiro será o rival do vencedor desta eliminatoria. Duelos entre equipos potentes da Segunda Rexional. Así o demostraron na liga. Agardemos só seguir tendo que falar de fútbol.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*