A finais de agosto, cando arrincou a temporada, o C.D. Castro era un dos equipos a ter moi conta na categoría. Malia facer unha gran temporada en Terceira División, non lles foi dabondo para manterse e retornaron á Preferente. O comezo do curso non foi o agardado, posiblemente polos trocos sufridos na plantilla e só lograron un punto nas tres primeiras xornadas.

Co transcurso da liga, o equipo foise adaptando á categoría e logo de tres victorias consecutivas antes Xallas, Atlético Escairón e Ordes asentáronse na parte media-alta da táboa clasificatoria. Os do Arturo Pereiro son sextos e teñen a tiro de pedra os postos de promoción de ascenso.

Unha das pezas claves do bo funcionamento do equipo é José Castro Vilarín “Marino”. O meirego, que xa foi un habitual no equipo o pasado ano, mantense a un gran nivel. Sen ir máis lonxe, o pasado domingo no contundente triunfo do Castro ante o Dumbría por 5-1, Marino logrou tres goles. Falamos con él.

FUTBOLINLUGO: Nen máis nen menos que un hat trick ante o Dumbría. Algunha vez fixeras tres goles nun partido?

MARINO: A verdade é que estando no Castro nunca o lograra, pero na miña etapa no Meira recordo un par deles.

FIL: Estás sendo un fixo no once titular, ao igual que o ano pasado en Terceira. Como valoras a temporada a nivel personal?

M: Pois a nivel persoal estoume atopando moi cómodo e contento. Levo catro anos en Castro e creo que xa coñezo bastante a categoría. O ano pasado tiven a sorte de poder xogar en Terceira contra xogadores que hoxe están en Segunda B e creo que me fixo medrar como xogador.

Marino, con Óscar Pinchi,no encontro ante o Fabril a pasada temporada

FIL: O partido ante o Dumbría, pode ser dos máis cómodos da temporada? Como o vistes desde dentro?

M: Non creo que fose un partido cómodo. Fomos ao descanso 0-0 pero tendo moitas ocasións de gol e facendo moi bo fútbol, de feito, creo que foi o mellor partido noso no que vai de temporada. Na segunda metade sabíamos que se metíamos un gol rápido eles ían acusalo e así foi.

FIL: Logo da derrota ante o Ribadeo e un bo empate no campo do Arzúa, estes tres puntos mantéñenvos na zona alta. Ves posible asaltalos postos de ascenso?

M: Si, eu creo que imos dar guerra ata o final de temporada. Levamos uns partidos facendo un moi bo fútbol. Ante o Ribadeo meremos un mellor resultado e contra o Arzúa penalizounos moito a expulsión de Edrosa, senón penso que non se nos escapaba o triunfo.

FIL: O próximo encontro é no campo do Sofán, equipo da zona media. Como o afrontades?

M: Vai ser un encontro moi difícil. Afrontámolo con ganas, xa que vimos nunha dinámica positiva e competindo moi ben contra tódolos equipos.

O Castro tentará traer de Carballo os tres puntos pra seguir na parte alta

FIL: A comezos de temporada parecía que as baixas de Xaime e Tichu entre outros, podían facervos perder potencial. Cal é a clave para seguir a ser dos punteiros da categoría?

M: Son dous grandes xogadores, que fixeron moito polo Castro, pero creo que a directiva soubo moverse e fixo un equipo moi bo e moi competitivo. Vimos de Terceira, e sabemos que contra nós tódolos equipos saen a tope.

FIL: Que equipos ves con máis opcións de acadalo ascenso a final de temporada?

M: Creo que calquera dos sete que estamos na parte alta da clasificación temos moitas opcións. Recordo que o ano que ascendemos o Arteixo sacábanos catorce puntos na primeira volta e ao final quedamos campións de liga. Espero e desexo que en maio o Castro poida ser equipo de Terceira de novo.

 

Comparte
            

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*