#Feminino #Fútbol afeccionado

Lucía Pardo (Friol CD Lugo): «Non nos podemos permitir fallar»

Parte case sempre dende a banda esquerda. De caneos certeiros e bos pases entre liñas. Ás veces capitá. Tamén goles. Aínda que non é das que os apunta para sumalos (non o leva a conta, pero marcou 13 tantos no que vai de curso – 10 en liga). Lucía Pardo Méndez “LP” (05 – 01- 2000, Outeiro de Rei) vén de facer cadanseu dobrete nos partidos que o Friol xogou o domingo e o martes festivo. Entre Liga e Copa anda o xogo. Non obstante, o obxectivo agora céntrase na competición regular. O ascenso está cada vez máis preto. Este domingo (12:30h) o Friol afronta a última viaxe longa da tempada. Puntuar en Mareo ante o Sporting de Gijón significaría que o cadro friolés non baixaría do 5º posto. Un salto virtual á 1ªB. Pero o club, a afección e Lucía Pardo desexan ser terceiras.

Futbolinlugo: Como afrontades o partido desta fin de semana?

Lucía Pardo: Vai ser un encontro moi importante. É un rival que está preto (a 9 puntos). Temos que confiar en nós mesmas e ir ao 100% polo partido. Precisamos os tres puntos porque os rivais que nos perseguen témolos a nada (Racing de Santander e Matamá a 3 puntos). Estamos moi preto de conseguilo, pero temos aos rivais moi próximos polo que non nos podemos permitir fallar.

Fil: Un punto aseguraríavos como mínimo ser quintas, pero a meta é a 3ª praza?



LP: Non contemplamos a posibilidade de empatar en Mareo. Imos a gañar, senón non tería sentido. Aspiramos dende o principio da temporada a estar terceiras, agora mesmo estamos aí e queremos manternos para ascender de terceiras.

“As xogadoras non estamos nun ambiente de presión”

A media de idade do once titular do Friol é de 23 anos aproximadamente

Fil: Notades algún tipo de presión por este posible ascenso?



LP: Todos temos gañas, pero non sentimos presión. Polo menos, as xogadores non estamos nun ambiente de presión. Nós seguimos día a día tentando facelo o mellor posible nos partidos.

Fil: Quedan catro xornadas, botades contas?

LP: Ata o de agora nunca falamos diso. Cada fin de semana afrontamos o partido para sacar os tres puntos.

“O Matamá mellorou moito dende o principio”

https://twitter.com/PMFriolCDLugo/status/1108413939170398208

Fil: Cal rival ves máis perigoso para pelexar polo terceiro posto?

LP: Tanto o Matamá como o Racing de Santander son dous equipos moi fortes. É certo que o Matamá mellorou moito dende o principio. Temos un partido con elas na última xornada. Vai ser un encontro moi bonito. Agardo que ningún nos roube o terceiro posto (risas).

Fil: Esta foi unha semana con Copa, axuda ou distrae?

LP: Sempre está ben para que as que menos minutos teñen podan desfrutar do fútbol que é o que máis lles gusta. E tamén para manter a liña. Sempre estamos todas mellor fisicamente.

Fil: Cambiaron moito as cousas este ano co apoio do CD Lugo?

LP: Con Geluco e todo sempre tivo bastante apoio o noso equipo. Pero cousas como por exemplo, xogar no Anxo Carro (que xogamos contra o Racing), sempre suman e sempre axudan.

“Agora véxome moi cómoda”

Lucía Pardo actúa como capitá nalgúns partidos tan só con 19 anos

Fil: A nivel individual, como te estás vendo esta temporada?

LP: Comecei un pouco peor do normal. Pero agora véxome moi cómoda. Marcando goles tamén, aínda que iso tampouco é o máis importante. Síntome cómoda no xogo e co equipo en xeral.

Fil: E como xogadora canto motiva a posibilidade dun ascenso?

LP: Desde o principio de temporada xa tiñamos ese obxectivo en mente. Iso sempre é ilusionante. Tentar ascender. Xa nos dá motivación para os partidos. Sempre o tes un pouco en mente.

Fil: Aspira Lucía Pardo a chegar á 1ª División?

LP: É o soño de calquera de nós. Pero hai que ir pouco a pouco que polo de agora aínda son moi nova.

Fil: Coa boa temporada que estás facendo, chegou algunha chamada para ter opción de xogar nunha categoría máis alta?

LP: Non, non. Só penso no Friol e en conseguir o noso obxectivo que é o importante.

Lucía Pardo (Friol CD Lugo): «Non nos podemos permitir fallar»

O partido en imaxes: UD Xove Lago-SD

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *