As previsións apuntan a que a Terceira División, que estrea temporada esta fin de semana, será unha das máis igualadas dos últimos anos polo nivel dos equipos que hai. Á marxe do que vaia dictando a competición, de entrada o que sabemos é que a provincia de Lugo volverá estar representada por dous conxuntos. Despois de facer a mellor temporada da súa historia, o Racing Vilalbés estará acompañado polo Lugo B/Polvorín que ascendeu o curso pasado. E nos dous equipos son protagonistas dous irmáns de sangue que se van enfrontar por primeira vez na mesma categoría. Diego Rey (27-07-1992, Mieres) é unha das fichaxes ilusionantes dun renovado Vilalbés, logo dunha última temporada lastrada polas lesións na SD Compostela. Pablo Rey (1997, Sarria) está afianzado no lateral esquerdo do filial lucense e soña con chegar ao primeiro equipo. Vidas diferentes no fútbol que se reencontran para ser moito máis ca testemuñas da Terceira que se aveciña.

FUTBOLINLUGO: Que sensacións tedes ante este inicio de temporada?

Diego Rey (Rácing Vilalbés): A pesar de que sexa un equipo de Lugo nunca xogara no Vilalbés, pero máis ou menos sabía como traballaba nos últimos anos. Aínda que se intentou seguir a liña doutras campañas; é un equipo cun adestrador novo, futbolistas novos, quizais non tanto perfil de xogadores de Vilalba. Estamos axustando cousas pero os puntos hai que comezar a sacalos desde xa.

Pablo Rey (Lugo B): Con moitas gañas e ilusión. Témonos que adapatar rápido a categoría e intentar sacar os máximos puntos posibles nas primeiras xornadas, que son moi complicadas porque imos a campos moi difíciles. (O Lugo B visita San Lázaro, A Lomba de Vilagarcía, a Malata e o Couto para enfrontarse coa UD Ourense nas catro primeiras xornadas de liga, ante a petición de non xogar como local na primeira e na terceira por falta de terreo de xogo onde facelo).

FIL: Trastoca os plans non poder xogar como local nas primeiras xornadas?

PR: A idea vai ser a mesma. Iamos xogar eses encontros no Anxo Carro, polo que é un terreo similar ao de San Lázaro ou da Malata.

Pablo Rey: «Xogar no Anxo Carro é como se foras profesional»

Despois do seu paso pola canteira do Celta, Pablo Rey é un dos futbolistas de presente e de futuro no Lugo B. Foto: Endie Doa Rúa

FIL: Máis adiante probablemente teñades opción de xogar no Anxo Carro como a temporada pasada, significa algo?

PR: Dáche un plus de motivación para competir máis forte. É como se foras xogador profesional.

FIL: Está presente no vestiario do Rácing o éxito da temporada pasada

DR: Non se fala moito. O logro foi importante. Este ano vai estar moi complicado igualalo ou superalo. Cando academos o obxectivo principal que é a permanencia, intentaremos acabar o máis arriba posible.

FIL: Aínda que estades na mesma categoría, a simple vista nótanse as diferenzas entre os dous equipos; son tan grandes?

DR: O obxectivo dos equipos é totalmente diferente. Nós temos un perfil de xogadores máis veterán que moitos deles teñen un traballo é non poden adestrar máis cedo. Eles son todos rapaces que teñen ilusión de algún día poder ser futbolistas profesionais. Adestran pola mañá, que creo que é o mellor horario para facelo, e fan dobres sesións moitas veces. A diferenza é bastante grande.

FIL: Tes apuntado no calendario a data na que se xoga o Lugo B – Vilalbés?

DR: A verdade é que agora mesmo non me acordo…

PR: O catro de novembro me parece…

FIL: Exacto. A ver se é no Anxo Carro…

PR: Ogallá!

DR: Espero que non nos metan na Cheda, eh!

FIL: Especial enfrontarte a teu irmán na mesma categoría, Diego?

DR: Por unha parte si porque é a primeira vez que coincidimos para xogar xuntos debido a diferenza de idade. Espero que non sexa por moitos anos e que el siga subindo máis para arriba.

FIL: Ti non queres subir máis para arriba?

DR: Eu si, pero o meu obxectivo xa é diferente. El está nun filial dun equipo de Segunda División, ogallá teña sorte de poder dar o paso. Se é de dúas categorías mellor. Aínda é bastante novo e non ten demasiada présa, pero canto antes poida dalo salto, mellor que mellor.

FIL: Pablo, foi Diego quen che meteu o gusto polo fútbol?

PR: Entre el e meu pai, que tamén lle gusta moito o fútbol. Somos unha familia moi futboleira, incluso polos curmáns Javi e Álex Rey. Non sei se nacín xa con ese gusto innato ou mo foron metendo.

FIL: E como vives ti esta coincidencia de categoría agora con el?

PR: Como unha anécdota. Espero que non nos toque xogar pola mesma banda ese encontro. Máis ca nada por se me da patadas que o mellor non me da parado (risas). Espero que me toque xogar pola outra banda, porque el está a un nivel moi alto e sería complicado. Creo que vai ser un partido de alta expectación na familia; van saír contentos sexa o resultado que sexa (risas).

FIL: Como xogador do filial, soñas con chegar ao primeiro equipo?

PR: Este ano xa tiven a experiencia de adestrar e xogar un partido con eles. Espero que se poida repetir máis veces. Kravets está a un grandísimo nivel e Luis Ruiz tamén. É complicado, pero algún día agardo xogar no Lugo.

FIL: Notades que dende arriba están pendentes? Falou con vós Javi López?

PR: Javi López non, pero Deus está sempre nos adestramentos e Emilio vén aos partidos. Dáche un plus de confianza para seguir apretando e chegar arriba.

Diego Rey: «É unha lesión da que nunca vou volver recuperar de todo»

Diego Rey (dereita) quedou ás portas do ascenso á Segunda B co Compos, onde continúa esta temporada o lucense Santi Gegunde

FIL: Vés dun gran ano colectivo no Compos, estás recuperado da lesión que che impediu gozar de máis minutos na campaña pasada?

DR: O ano pasado a pesar de que non contei con moitos minutos foi unha boa temporada. Poder recuperarme para o play off e xogalo, significa que cando estaba era a un bo nivel. É unha lesión da que nunca vou volver recuperar de todo. Pero vou xogando xon ela. De momento as sensacións son boas, agardo que me permita xogar moitos máis partidos ca o ano pasado ao non ser tan recente.

Pronósticos

Diego Rey (Rácing Vilalbés): Creo que o Lugo B vai quedar entre os oito primeiros. Espero que Pablo meta dous ou tres goles polo menos.

Pablo Rey (Lugo B): Creo que o Vilalbés vai estar entre os dez primeiros seguro e Diego marca dez goles.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*