Xa son anos vendo fútbol. Entrevistando a xogadores, adestradores, directivos… Empapándome de historias incribles. Da existencia das mesmas naceu, en gran parte, a necesidade de contalas. Naceu Futbolinlugo.

Volvendo ao tema, o venres pasado visitaba A Marosa. E alí degustei, de xeito totalmente inesperado, un conto con final feliz. Unha novela de amor cargada de princesas que compartían o mesmo príncipe azul: un balón.

‘Había unha vez un grupo de rapazas, mariñás na súa gran maioría, que quedaron namoradas ao unísono. O seu amante era baixiño, regordecho. Esférico. Pura poesía, melodía en movemento. Precisaban dun mestre, dun guía. A empresa era demasiado complicada. Controlar e dominar a tan complicado rival. Por sorte, un día nas súas vidas, cruzouse Jesús na súa vida. Tranquilos, non é unha historia do Antigo Testamento. Falamos de Jesús Rial, o director de orquestra. Desta orquestra de músicas do balón. Él comezou a escribir fermosas obras para as súas intérpretes. Afinando as notas. Colocando no seu sitio percusión e corda.

Non foi un traballo doado. Os locais de ensaio escaseaban. De feito, durante anos, viviron a base de pequenos ‘bolos’. Festivais alternativos pola nosa terra. Nos que ás veces chegaron a coñecer a cabezas de cartel, coma Vero Boquete. Tocando prácticamente ao seu nivel. A fermosa música destas mulleres esixía un paso máis. Jesús Rial, o director, tocou varias teclas. Unha delas respondía ao nome de Joaquín. Reputado e asentado no coro da Milagrosa. No coro do mítico barrio da capital non o dubidaron. Fixeron un oco para todas elas na súa estrutura. Ensaiaban entre A Mariña e Lugo pero xa tiñan o que tanto querían: unha estrutura, unha base sólida na que apoiarse. A que lles permitía tocar por Galicia adiante semana a semana. A que facía desta historia de superación, un amor algo menos imposible’.

Cada dia moito menos imposible, posto que estas rapazas veñen de dar un paso máis. Agora xa están asentadas no Concello de Burela, amparadas no seu fútbol. E, a bon seguro, que esta campaña nos traerán grandísimas aventuras pola comunidade adiante. Nós estaremos aquí para contalas.

Comparte
                     

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*